O BNG de Poio levará ao Pleno da Corporación a situación actual do sector do marisqueo na Ría de Pontevedra para buscar o apoio de todos os grupos políticos e solicitar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado que actúen.
Desde o BNG lembran que se trata dun dos sectores máis importantes de Poio e que resulta importante que todos os concellos afectados se unan neste tipo de peticións. Tamén o levaron ao Parlamento de Galicia.
A petición dos nacionalistas vai destinada a que actúen os gobernos galego e estatal. Á Xunta pídenlle as actuacións necesarias para tratar de paliar as repercusións económicas no sector e que se estude que efectos producen na ría a temperatura da auga.
Asemade, ven prioritario que a Xunta inicie as negociacións necesarias co Instituto Social da Marina, tutelado polo Ministerio de Inclusión e Seguridade Social e Pensións, para a flexibilización dos requisitos esixidos para que a totalidade dos mariscadores e mariscadoras en cese de actividade poidan verse beneficiadas polas prestacións desa Administración.
Os nacionalistas insisten en que a situación é "crítica" para un sector marisqueiro de Poio do que dependen moitas familias, un "desastre" nos bancos marisqueiros que xera preocupación porque hai familias que viven disto.
Insten tamén en que ademais da mortalidade, produciuse unha caída do prezo de máis do 50% e os pósitos nunca viran tanta mercadoría morta, polo que prevén unha campaña de Nadal xa perdida.