O GALP Ría de Pontevedra inxecta máis de 700.000 euros a proxectos de pesca e turismo

Marín
20 de decembro 2023

Na primeira convocatoria de axudas concorreron un total de 22 proxectos, dos que 8 foron aprobados onde a innovación e o desenvolvemento son os protagonistas

Lonxa de Campelo
Lonxa de Campelo / PontevedraViva

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra aprobou axudas a 8 proxectos de impacto local por 706.603 euros, enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA).

A meirande parte dos proxectos corresponden ao sector pesqueiro. Polo lado da innovación destacan o proxecto dun novo laboratorio de I+D+i para Salmoira S.L. e o proxecto da Lonxa de Campelo que inclúe o deseño de novos equipamentos para o coidado do banco marisqueiro.

Tamén se financian melloras na infraestrutura de Safricope e o impulso da trazabilidade en Corte Mar Pescaderías e plans de mellora para a Confraría de Bueu, así como iniciativas culturais e deportivas que promoven a cohesión comunitaria e a identidade local.

Ademais destas iniciativas, o GALP Ría de Pontevedra apoia proxectos como o promovido por Jale Turismo S.L. que obtivo unha subvención para transformar un edificio en Banda do Río en sete apartamentos turísticos. A empresa ten previsto realizar un investimento de 355.800 euros. O proxecto 'Botón Marinero' pretende potenciar o turismo sostible, amosando a cultura mariñeira local e atraendo visitantes durante todo o ano.

As axudas están dispoñibles non só para pequenas e medianas empresas, senón tamén para traballadores autónomos e entidades sen ánimo de lucro que cumpran cos requisitos establecidos.