Tirón de orellas de Caldas a Educación polas "importantes deficiencias" nos centros de ensino
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis urxe á Consellería de Educación investimentos urxentes nos centros de ensino do municipio, nos que detectan "importantes deficiencias que exceden o mantemento".
Este martes, o Concello pediu, unha vez máis, ao xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, que a Xunta de Galicia realice "canto antes" os investimentos e obras.
O tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña, asegura que xa trasladaron "reiteradas peticións" ao xefe territorial, pero "fixo caso omiso das evidencias e o mal estado das instalacións", que nalgúns casos "caen a cachos".
Entre outras actuacións, sinala que é preciso cambiar os canlóns dos tellados que están ou destruídos ou cheos de buratos, a instalación de elementos de protección e seguridade para o alumnado, a reposición das cubertas do patio de educación infantil do CPI Alfonso VII por estar totalmente furada ou a mellora da rede de pluviais no CEIP San Clemente, que inunda o patio de recreo cada vez que chove.
"A falta de atención a Caldas é un auténtico despropósito", sinala o concelleiro nacionalista, que insiste en que as actuacións solicitadas "non suporían un gran desembolso económico".
Estas obras precisa exceden as actuacións de mantemento que son de responsabilidade municipal, pois implican obras novas para substituír elementos que esgotaron con moito a súa vida útil.
Así, Fariña insiste en que "dende o Concello estamos a meter cartos en arranxos que non solucionan os problemas".