'Salvemos a Fracha' lembra a Ana Pastor que "aínda se pode repensar" o proxecto da A-57
Por Redacción
A plataforma cidadá Salvemos a Fracha quixo lembrar este sábado á ministra de Fomento, Ana Pastor, que segue na súa loita contra o proxecto da autovía A-57 e pedirlle que reconsidere esta infraestructura que eles consideran que "aínda se pode repensar".
Unha representante da plataforma, Blanca Barrio, achegouse á ministra ao inicio dun acto público celebrado no Museo Provincial de Pontevedra para entregarlle en man unha carta que o colectivo xa lle enviou por correo ordinario no mes de novembro solicitándolle unha reunión para abordar o proxecto.
A voceira veciñal indicou que a intención da plataforma non era alterar o funcionamento de ningún acto, de modo que se optou por acudir unha persoa soa en representación de todos os veciños para falar con Ana Pastor e mesmo obviou o uso das habituais camisetas reivindicativas habitualmente usadas nos seus actos públicos. Quixeron aproveitar este acto en Pontevedra para achegarse á ministra porque hai xa catro meses que lle enviaron a citada carta e aínda non tiveron ningunha resposta.
A representante veciñal entregoulle unha copia da mesma carta xa remitida por correo e pediulle que a lera, ao que Ana Pastor respondeu dándolle as grazas e asegurando que metería a carta no bolso para poder lela.
Na misiva en cuestión, 'Salvemos a Fracha' pídelle que "escoite" as súas reivindicacións e "reflexione" sobre a necesidade e idoneidade do proxecto non dende a perspectiva dunha política alonxada da realidade dos cidadáns, senón como "cidadá galega de adopción, pontevedresa coma nós". Aproveita para invitala a dar un paseo pola Serra da Fracha, o entorno natural máis ameazado pola A-57, pois "sería unha oportunidade para chegar a un entendemento e conseguir que a forza que nos leva a defender A Fracha sirva para que vostede reconsidere este proxecto".
A través desta misiva, Salvemos a Fracha pide, unha vez máis, a paralización deste proxecto, que xa pediron tamén pola vía xudicial, e transmítelle a Ana Pastor o seu malestar polo xeito no que se resolveu a Declaración de Impacto Ambiental do tramo Vilaboa-A Ermida da A-57, o único que ata agora ten autorización ambiental e consignación orzamentaria nos Presupostos Xerais do Estado.
Relacionadas:
-
'Salvemos a Fracha' volve pedir unha reunión con Ana Pastor e Lores tras o anuncio "oportunista" sobre a A-57
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra arremete contra Ana Pastor por "destruír o patrimonio natural da nosa contorna"
Por Redacción |
-
AGE denuncia ante a Comisión Europea o proxecto da autovía A-57
Por Redacción |
-
A Xunta destaca a "funcionalidade" da A-57 fronte á "aberración irracional" que denuncia AGE
Por Oskar Viéitez |
-
'Salvemos a Fracha' reprocha a Ana Pastor que "non ten ningún respecto" cara aos afectados pola A-57
Por Redacción |
-
Espazo Ecosocialista ve unha burla na resposta de Fomento sobre a A-57 ao seu paso pola Fracha
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' invita a Ana Pastor a dar un paseo pola Serra da Fracha, ameazada pola A-57
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' levará á vía xudicial o proxecto da autovía A-57
Por Redacción |