Poio concentrarase en repulsa polo intento de agresión sexual do Armadiña e contra todas as violencias machistas
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A asociación cultural, deportiva e musical (ACDeM) Armadiña de Poio, organizadora do festival Armadiña Rock, rexeita totalmente o intento de agresión sexual rexistrado durante a madrugada do sábado ao domingo na zona de acampada habilitada na Seca con motivo deste evento e convoca unha concentración de repulsa para este luns.
O colectivo fai esta convocatoria urxente dunha concentración en repulsa contra o acontecido durante a fin de semana e contra todas as violencias machistas. Será ás 21.00 horas na praza da Chosa de Combarro, epicentro do festival Armadiña durante os últimos días.
Desde a organización faise un chamamento para que todas as persoas, asociacións, colectivos, entidades e institucións apoien esta iniciativa.
A ACDeM Armadiña amosa publicamente todo o seu apoio á vítima da agresión e a repulsa ante calquera tipo de violencia exercida sobre as mulleres e lamenta e condena que, "unha vez máis, un evento festivo sexa o marco de vulneración dos dereitos das mulleres", tal e como xa aconteceu nos últimos tempos en eventos como as festas de San Fermín de Pamplona, onde actuaron os integrantes de La Manada.
Ademais, desde a organización do festival declaran persoas non gratas aos agresores machistas e repudian un sistema patriarcal que normaliza, favorece e xustifica feitos coma este.
Por este intento de agresión sexual rexistrado na zona de acampada do Armadiña Rock a Garda Civil detivo un veciño de Marín de 38 anos que, tras pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade, pero en condición de investigado por un delito de agresión sexual en grao de tentativa a unha moza de 20 anos. Estes son os feitos que se lle atribúen.
O Concello de Poio súmase ao comunicado da ACDeM Armadiña ante a agresión machista, amosa a súa repulsa por estes feitos e súmase á convocatoria. Convoca a toda a veciñanza á concentración de repulsa e apoio á vítima.
Tamén o PP de Poio condena enerxicamente o intento de agresión sexual e solidarízase coa víctima ao tempo que manifesta "o maior noxo e repulsión" contra a violencia machista en todas as súas formas, e piden a implicación da sociedade no seu conxunto para erradicar ideas e actitudes machistas e calquera clase de violencia contra a muller.
Ao igual que o gobierno local, o PP expresa o seu apoio á organización do festival e súmase á concentración de repulsa. Advirten aos machistas e, en particular aos violentos, que non son gratos en Poio.
A Executiva Nacional do BNG tamén amosou a súa "absoluta repulsa" contra estes acontecementos e a "máis sincera solidariedade" coa vítima e chama a acudir á mobilización convocada na praza da Chousa.
Os nacionalistas consideran que con este intento de agresión sexual se ve "unha vez máis" a pervivencia do patriarcado e da violencia machista que tentan impedir que as mulleres poidan desenvolver a súa vida e o seu lecer en plena liberdade. "Estes feitos poñen de relevo a gravidade e importancia da violencia sexual nas nosas vidas", indican.
Relacionadas:
-
O concelleiro de Turismo de Poio anima os veciños de Combarro a crear "leira-parks" durante a Festa do Mar
Por Anxo Lourido |
-
Poio alza a voz contra as violencias machistas tras a agresión do Armadiña: "xuntas, respectadas e libres"
Por Paula Sanmartín & Redacción | Creada e actualizada
-
A Garda Civil puxo preto de 50 denuncias este fin de semana en Combarro
Por Redacción |
-
Un detido por intento de agresión sexual a unha moza na zona de acampada do Armadiña Rock
Por Natalia Puga |