O concelleiro de Turismo de Poio anima os veciños de Combarro a crear "leira-parks" durante a Festa do Mar
Por Anxo Lourido
O concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luís Martínez Branco, facía un balance positivo este martes da décimo oitava edición da Festa do Mar que finalizaba este domingo en Combarro coa presenza de máis de 33.000 persoas na carpa gastronómica. O concelleiro, acompañado por José María Amorín, do Clube Mariño A Reiboa e por Afonso Vilanova, organizador do Armadiña Rock, sinalaba que durante os cinco días do transcurso da festa realizáronse 16 denuncias por substancias estupefacientes; outra a un home por perturbar a seguridade cidadá; ademais dunha infracción penal por danos ao mobiliario urbano.
Intervíronse dúas armas brancas e 25 persoas foron atendidas por intoxicación etílica na ambulancia situada na praza da Chousa, dúas delas foron trasladadas ao Hospital Montecelo. Tamén se rexistrou un pequeno altercado no porto da Canteira. Ademais recolléronse 45 obxectos perdidos, 15 deles xa devoltos. A estos datos hai que sumar o incidente máis importante: a detención dun veciño de Marín por tentar agredir sexualmente a unha moza na zona de acampada onde se atopaban centos de asistentes ao festival Armadiña Rock. Neste sentido, Afonso Vilanova, reiterou que, á marxe desta detención, non se recolleu ningunha notificación importante no Punto Lila e apuntou a que o festival foi tranquilo e exemplar respecto doutros eventos. "Por culpa dun desalmado non vamos empañar un festival que discorreu con total normalidade", indicou Vilanova, ao afirmar que en dous días pasaron ao redor de 27.000 persoas para participar das actividades relacionadas co Armadiña Rock. Desde a organización manteñen que a zona de acampada é un sitio moi seguro, con presenza constante das forzas da orde que procederon a unha detención instantánea do presunto agresor.
Por outra banda, Xosé Luís Martínez indicou que o 70% dos asistentes á Festa do Mar procedían de fóra da provincia. Os visitantes deixaron unha recadación de 53.000 euros, igual á da pasada edición, con especial consumo de ameixa babosa da ría de Pontevedra, mexillóns e polbo. O responsable de Turismo destacou a Mostra da Canción Mariñeira, o Festival familiar A Chalaniña e o encontro de embarcacións tradicionais que, nesta ocasión, reuniu a máis de 200 tripulantes. Os gastos sitúanse, segundo o concelleiro, arredor dos 125.000 euros.
PROMOVER O ' LEIRA- PARK' PARTICULAR
Martínez destacou o bo funcionamento do plan de seguridade desenvolvido e os operativos de tráfico que, segundo indicou, permitiron que as retencións, xa habituais durante nos meses do verán na PO-308, fosen mínimas a pesar da aglomeración de persoas rexistrada no centro histórico de Combarro.
O concelleiro indicou que os aparcadoiros disuasorios funcionaron moi ben, tanto os situados na Seca e na Reigoa como os do campo da Billarda e de San Xoán, ademais dos espazos habilitados na contorna do colexio e do cemiterio de Chancelas.
O representante do goberno local recoñeceu, en todo caso, que unha das materias pendentes deste evento gastronómico é a de procurar aparcadoiros alternativos. Neste sentido, sinalou que os veciños de Combarro, a diferenza do que sucede noutras festas como a do Albariño en Cambados, non aproveitan estas datas para utilizar as súas leiras como aparcadoiros desenvolvendo a fórmula dos "leira- park". Indicou que a suxestión do Partido Popular de que o propio Concello alugase estas leiras privadas para crear máis zonas de estacionamento na contorna durante eses días resulta complicada desde un punto de vista administrativo. "Non é descartable, pero si complexo", indicou Xosé Luís Martínez, que animaba os propietarios de terreos a aproveitar economicamente as súas leiras como parkings temporais durante estas festas.
Por último, o concelleiro indicou que van comezar a tramitar o expediente reclamando á Xunta de Galicia a concesión do nomeamento de Festa de Interese turístico galego á Festa do Mar ao entender que está " súper consolidada".
Relacionadas:
-
As festas de San Miguel contarán con Puntos Lila contra a violencia machista
Por Almu Dapena |
-
A Festa da Ameixa chega a Campelo con Treixadura, Andy & Lucas e 'leiraparking' de balde
Por Oskar Viéitez |
-
Poio alza a voz contra as violencias machistas tras a agresión do Armadiña: "xuntas, respectadas e libres"
Por Paula Sanmartín & Redacción | Creada e actualizada
-
A Garda Civil puxo preto de 50 denuncias este fin de semana en Combarro
Por Redacción |
-
Poio concentrarase en repulsa polo intento de agresión sexual do Armadiña e contra todas as violencias machistas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Un detido por intento de agresión sexual a unha moza na zona de acampada do Armadiña Rock
Por Natalia Puga |
-
Últimas horas da fin de semana na que Poio máis sabe a mar
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Combarro rockea sen descanso na segunda noite de concertos do festival Armadiña
Por Redacción & Diego Torrado |
-
The Lákazans, Ses, La Pegatina e Skándalo GZ reúnen 10.000 persoas en Combarro
Por Diego Torrado & Redacción |