Guía con recomendacións para previr o coronavirus en todos os centros de traballo
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo este luns un encontro a través de videoconferencia coas diferentes delegacións do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) encargadas da elaboración dunha guía onde se recollen as medidas de prevención fronte ao coronavirus que se deben adoptar en todos os centros de traballo e que xa foi trasladada aos diferentes axentes sociais.
A guía, que a Xunta puxo á disposición das confederacións de empresarios, sindicatos, cámaras de comercio, asociacións de autónomos, federacións de comerciantes e clústers galegos, inclúe medidas preventivas básicas que se deben de ter en conta nos centros de traballo segundo as informacións das autoridades sanitarias sobre o coronavirus.
Para as empresas recomenda elaborar un procedemento de prevención e identificar ao persoal especialmente sensible a este risco como son embarazadas, traballadores con enfermidades crónicas ou con patoloxías recorrentes, entre outros. O motivo é por se fose necesario establecer medidas específicas para a súa protección ou modificar as súas funcións dentro da empresa.
Tamén fala da necesidade de distribuír entre o persoal material informativo coas pautas a seguir no caso de que unha persoa estea afectada pola doenza.
Comina ás empresas a establecer medidas de distanciamento social e a restrición de viaxes segundo indiquen as autoridades en cada momento. E, por último, recolle información sobre a limpeza dos centros de traballo.
Con respecto ás persoas traballadoras, este documento detalla máis en profundidade hábitos hixiénicos a ter en conta e como actuar no caso de sospeita de infección. Neste sentido, lembra que de padecer a doenza ou estar sometido a illamento preventivo, o traballador ten dereito á baixa nas mesmas condicións que as de accidente de traballo.
Relacionadas:
-
Información de utilidade durante a emerxencia sanitaria en Galicia
Por Redacción |
-
O contaxio dunha limpadora do Hospital Provincial provoca que CC.OO. alerte da escaseza de medidas de prevención
Por Redacción |
-
A iniciativa solidaria contra o coronavirus prende en Marín cos traballadores autónomos
Por Redacción |
-
Primeiro luns en estado de alarma: a cordura vaise impoñendo á compra compulsiva nos supermercados
Por Marisa Ciordia |
-
Galicia suspende as súas eleccións: "Loitar contra a pandemia é a nosa única ocupación", di Núñez Feijóo
Por Alejandro Espiño |