"Queremos vivir o idioma tranquila e plenamente, con alegría e sen limitacións"

Pontevedra
17 de mayo 2025

A Real Academia Galega celebrou o Día das Letras Galegas das cantareiras e da poesía popular oral reivindicando para o futuro do idioma o "exemplo luminoso" da tradición que se abre aos novos tempos

As Tanxugeiras, durante o Pleno da RAG polo Día das Letras Galegaso 2025
As Tanxugeiras, durante o Pleno da RAG polo Día das Letras Galegaso 2025 / Real Academia Galega

Toda Galicia conmemora este sábado o Día das Letras Galegas das cantareiras e da poesía popular oral con actos de homenaxe a estas creadoras e transmisoras dos cantares anónimos. 

A Real Academia Galega trasladouse ata Malpica de Bergantiños, a terra das Pandeireteiras de Mens, nas que a institución personificou esta homenaxe colectiva canda a Rosa e Adolfina Casás Rama, veciñas de Cerceda, e Eva Castiñeira, de Muxía.

A conmemoración foi un acto de recoñecemento do "exemplo luminoso" das cantareiras e das persoas que investigaron e recolleron as cantigas do pobo, das que as levaron aos escenarios e das novas voces que son xa o futuro da tradición que proxecta a lingua galega polo mundo adiante, representadas no pleno extraordinario da RAG nas voces das Tanxugueiras.

Precisamente, as Tanxugueiras renderon este sábado a súa persoal dedicatoria ás pandeireteiras e á poesía popular oral reinterpretando 'Meu Amor', canción de Leilía, unha das maiores referencias para o grupo e precursoras en normalizar e poñer o foco no uso de pandeiretas sobre un escenario.

O grupo dedica esta canción a "todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gorxas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe nos define".

Pleno da Real Academia Galega polo Día das Letras Galegas 2025
Pleno da Real Academia Galega polo Día das Letras Galegas 2025Real Academia Galega

No acto central da Real Academia Galega, o seu novo presidente, Henrique Monteagudo, puxo como exemplo a "enerxía colectiva" das cantareiras e da xente da Costa da Morte, referente na transmisión xeracional da lingua.

Aproveitou para reclamar unha reformulación a fondo da política lingüística, que poña a infancia e a mocidade no centro. "Precisamos saír de vez do bucle interminable das polémicas estériles, alleas ao alento dunha cidadanía que aspira a ver o noso idioma convertido nunha lingua normal. [...] Un idioma que queremos vivir tranquila e plenamente con alegría e sen limitacións", pediu. 

"Mentres as expectativas sobre a política lingüística esmorecen, o idioma segue abrollando nas innúmeras iniciativas sociais –especialmente da xente moza– para promovelo, defendelo e difundilo en escolas, pantallas e escenarios, nas rúas e nos medios de comunicación, nos comercios e nas oficinas, nas redes ou nos estadios deportivos", sinalou Monteagudo.

A académica Ana Boullón, promotora das Letras Galegas 2025, sinalou que "as Letras deste ano celebran o pasado e miran para o futuro. O tradicional é moderno".

Pleno da RAG polo Día das Letras Galegas 2025
Pleno da RAG polo Día das Letras Galegas 2025Real Academia Galega

As Letras Galegas das cantareiras son unha oportunidade para visibilizar as mulleres, e para vindicar "o valor da creación colectiva, das actividades compartidas", proseguiu a académica, nun discurso inzado de referencias a proxectos profesionais como o de Fuxan os Ventos, Milladoiro, Mercedes Peón, Leilía, Uxía Senlle ou Xabier Díaz; a novos nomes como os de Faia, Baiuca, Caamaño&Ameixeiras, Mondra, De Ninghures, Alba María, Lupe Blanco ou Xairo de Herbón; e mais ás agrupacións de música e baile tradicional que se crearon desde a base, desde Aturuxo, da que formaron parte As Vellas de Mens, ata Xacarandaina ou as locais de Raigañas e Carcaxía

As sete cantareiras nas que se personificou desde a RAG este 17 de maio eran, para Boullón, "mulleres fortes, rexas, criadas no medio rural e que pasaron por circunstancias difíciles na vida" e destacou que "souberon transmitir o rico patrimonio do que eran depositarias, comunicado xeración tras xeración, agora para o futuro".

Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, pronunciou un emotivo discurso no que tirou de 80 anos de memoria persoal, primeiro como cativo da Fonsagrada que mamou as cantigas e logo como compilador e estudoso da poesía popular oral, e pediu que "non podemos disociar a sorte da nosa lírica popular da sorte da lingua. E niso é necesaria a achega de todos, no só a das cantareiras. Fai falta o compromiso da xente".

Compartiu tamén lembranzas dos primeiros anos de vida arredor das coplas o profesor Xesús Alonso Montero, que defendeu a relevancia artística do cancioneiro da tradición oral, base e inspiración dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

Día das Letras Galegas 2025 en Malpica de Bergantiños
Día das Letras Galegas 2025 en Malpica de BergantiñosDelegación do Goberno en Galicia