Cando o tren que me levaba cara á planicie de Tesalia, no centro de Grecia, parou na estación de Palaiofarsalos e por fin puxen un pé na plataforma, achegouse a min apresurada unha muller vestida de negro, de idade incerta pero avanzada, que se identificou como Grigoria Iliadoki. Vivía nunha casa na veciña localidade de Kalambaka e, se quería, podía alugarme un cuarto para visitar os mosteiros de Meteora. Grecia estaba en plena crise económica e a xente procuraba o xeito de gañar uns cartos que puidesen axudarlles a superar o tremendo desastre que estaban a vivir.
Grigoria, unha muller encantadora coa quen tiven serios problemas de comunicación porque non compartiamos ningunha lingua que nos permitise entendernos ben, fixo todo canto puido para que me sentise a gusto e non deixou que en ningún momento me faltasen unha boa copa de retsina nin un cestiño con uvas da súa propia parra, facendo gala desa lendaria hospitalidade grega que abofé que é tan real como as pedras de todas as ruínas que atesoura o país.
Tomando a súa casa como base de operacións fixen varias incursións na singular paisaxe de Meteora, no val do río Pineios, en medio da enorme chaira de Tesalia, un lugar único que ten como sinal de identidade unhas abraiantes formacións xeolóxicas coñecidas como meteoros, palabra que significa "suspendidas no ar". Trátase de pináculos de xigantescas dimensións formados por sedimentos dun mar interior que seica existía no lugar hai uns vinte e cinco millóns de anos e os máis altos acadan case os setecentos metros de altura, trescentos máis que o famoso Empire State Building de Nova York.
A escura estrutura de moitos deles está inzada de furados de diferentes tamaños que dende o século XI estiveron habitados por anacoretas que procuraban lugares retirados onde poderen desenvolver a súa vida afastada do resto do mundo. Describiron os enormes pináculos como "rochas enviadas polo ceo á terra para que a xente puidese retirarse a rezar", e chegaron a ser tantos que acabaron trazando toda unha rede de itinerarios segredos para se visitar entre eles e construíndo no interior das súas covas pequenas igrexas onde se reunían para rezar. Esas xuntanzas deron pé á constitución de diferentes congregacións relixiosas ortodoxas.
Chegaron entón os séculos XIV e XV, cando os turcos invadían Grecia por todos os costados, e a inaccesibilidade das enormes rochas de Meteora resultou ser o mellor aliado dos ermitáns convertidos en monxes cando tiveron necesidade de procurar acubillo porque, por incríbel que poida resultar, construíron nada menos que vinte mosteiros, dos que agora só sobreviven seis, nos cumios de cadansúas montañas de pedra nunhas condicións para a edificación que non puideron resultar máis difíciles, xa que só se podía acceder a esas enormes alturas, ás veces situadas por riba das nubes, mediante escaleiras de corda que cravaban nas paredes pétreas para chegaren aos cumios e poderen instalar uns rudimentarios montacargas feitos con redes para veren de subir todo canto puidesen precisar. Un traballo arreo.
Para visitar os mosteiros coa calma necesaria que merecían, decidín transitar a pé os carreiros trazados polos monxes entre as xigantescas paredes de pedra a emerxer en medio dunha vexetación vizosa para poder gozar da fermosura dunha paisaxe que me fascinaba en cada recanto e acadaba a culminación do meu abraio cada vez que descubría nas vertixinosas alturas a presenza dun mosteiro que parecía desafiar a lei da gravidade.
Teñen unha planta que abrangue a superficie completa da cimeira das rochas, de tal xeito que os balcóns e as fiestras están abertos ao máis absoluto baleiro e, malia seren todos diferentes, a súa distribución interior é común: un patio rodeado de celas para os monxes, varias capelas e un refectorio, que ten no centro o katholikon ou igrexa principal, lugar de celebración de eventos do calendario ortodoxo.
Comecei a miña visita polo pequeno mosteiro de Agios Nikolaos, levantado en datas descoñecidas, aínda que se pensa que foi nalgún momento do século XV, sobre un pináculo de oitenta metros de altura ao que a día de hoxe se accede por unha escaleira de douscentos chanzos tallada na parede rochosa. Como carecían de espazo, os monxes levantaron tres andares, un primeiro para unha capela, un segundo para o katholikon, que ten uns frescos fascinantes, e un terceiro para as celas dos freires e un osario, xa que, por mor das características do lugar onde se atopan, estes cenobios carecen de cemiterio.
O segundo día achegueime ao mosteiro de Megalou Meteorou, Gran Meteoro ou da Metamorfose, o máis grande de todos, cunha torre de cento seis metros de altura e unha pequena granxa, fundado no século XIV nunha das rochas máis altas do val, a nada menos que seiscentos trece metros de altura. Ten un katholikon cunha impresionante cúpula e unha impoñente colección de frescos titulada "O martirio dos santos", que representa a persecución dos cristiáns na época romana. Un emperador serbio doou toda a súa fortuna a este mosteiro cando se fixo monxe e por iso chegou a albergar un hospital, un asilo para frades anciáns e unha inmensa biblioteca de manuscritos bizantinos.
A miña terceira visita foi ao mosteiro de Varlaam, que está construído a cincocentos cincuenta e un metros de altura cun único acceso a través dunhas escaleiras de madeira incrustadas na rocha mediante cuñas, que producen unha vertixe tal que os monxes que non se atrevían a subir por elas eran izados nunha cesta que aínda se conserva na actualidade nunha manobra de incertos balanceos no baleiro ao longo de media hora.
Outro día achegueime aos mosteiros de Agias Triados, ou da Trindade, fundado a trescentos cincuenta e tres metros de altura no século XVI e a Agiou Stefonou, levantado no XV a cincocentos vinte e oito nun pináculo veciño.
O da Trindade, cunhas vistas fóra de serie, serviu de escenario para unha película da saga de James Bond no ano 1982. Malia que no interior da rocha que o soporta se abriron varios túneles e moitos chanzos de pedra, o acceso é tan complicado que o aprovisionamento dos monxes segue a se facer mediante o antigo sistema de cestas e poleas. A Agiou Stefonou, porén, accédese a través dunha ponte construída recentemente, e tivo o seu momento de máximo esplendor cando foi escollido para acoller o cranio de San Xarálambos, un dos santos patróns de Grecia.
Finalicei a miña visita a Meteora no mosteiro de Roussanou, que quedou destruído logo da Segunda Guerra Mundial e foi reconstruído para ser entregado a unha congregación de monxas no ano 1988.
Nunca poderei esquecer a despedida de Grigoria Iliadoki, a miña acolledora caseira, o día que abandonei a súa casa, porque demostrou que a forza da xesticulación ten capacidade abonda para solucionar calquera problema de carácter lingüístico. Cun sorriso na boca, a boa da muller sinalou en dirección ao lugar onde tiña que coller o meu tren de regreso a Atenas e dixo tres palabras: Palaiofarsalos (o nome da estación), Kalambaka (a súa vila), e Grigoria. Esta última mentres poñía as mans no corazón antes de me dar unha aperta. Unha persoa encantadora.
© Xesús Constela, 2023