Retallos de mundo: Estocolmo invernal, esplendor entre neve e xeo

Poio
19 de abril 2026
Actualizada: 20 de abril

Xesús Constela describe Estocolmo, levantada entre illas e pontes onde Mälaren se une ao Báltico, que aparece nun inverno xélido como unha cidade de postal e de ambiente acolledor

Barrio de Södermalm
Barrio de Södermalm / Xesús Constela

Levantada sobre catorce illas conectadas por máis de cincuenta pontes, xusto no lugar onde o lago Mälaren se une ao mar Báltico, Estocolmo é unha cidade onde a auga está presente en cada recuncho.

Visiteina en pleno inverno, e en todo momento tiven a impresión de me atopar dentro dunha fermosa postal en branco e prata que amosaba rúas, tellados e parques cubertos dunha limpa capa de neve que parecía intentar amortecer todos os sons, mentres un frío intenso teimaba en me picar na cara e as bafaradas de aire quente que expulsaba acompañaban os meus pasos.

Cada inverno as canles e os recunchos todos do arquipélago conxélanse e forman capas de xeo que brillan baixo a luz pálida do sol invernal, e coa chegada do solpor, que acontece moi cedo, as fiestras empezan a se alumear con lámpadas cálidas que crean un ambiente acolledor, porque dende fóra pódense ver interiores cheos de luz que parece querer reinar sobre o branco xeado.

Ao camiñar, sentía a neve fresca a estalar baixo as botas e tiña que ir con moito coidado de non caer nun xeo sobre o que cada día se bota grava miúda para que non esvare. A xente movíase moi abrigada, con gorras, bufandas e luvas, respectuoso todo o mundo cun acaído refrán sueco que di que "non existe o frío, senón o mal abrigo."

A pesar do xélido ambiente que reinaba nos días que durou a miña visita, con temperaturas que oscilaban entre os cinco e os dez graos baixo cero, puiden percibir unha agradábel sensación de calma e beleza serena, como se a cidade respirase máis lentamente agachada embaixo da súa manta invernal.

Crebaxeos a avanzar polo aqruipélagoXesús Constela

Estocolmo é realmente fermoso, rodeado por un arquipélago de milleiros de illas espalladas polo Báltico, cara ao leste, e co enorme lago Mälaren, clave para o desenvolvemento da cidade dende a Idade Media, cara ao oeste, unha xeografía que marca profundamente o carácter da capital, rodeada por unha mestura de auga doce e salgada e por unha natureza que lle confire un aire limpo e diáfano baixo un ceo que nos duros meses invernais adoita estar completamente gris.

O frío tremendo, procedente do Ártico ou de Siberia, combinado coa pouca duración duns días moi curtos, de menos de seis horas, nos que o sol apenas roza o horizonte e non quenta nada, converten Estocolmo nunha cidade rodeada de superficies xeadas e correntes escuras entre placas de xeo que transforman a auga das canles nunha sorte de espello xélido ao tempo que o arquipélago enteiro semella un xigantesco mosaico branco salpicado de pequenas illas cubertas de neve a se asomar por riba dun mar conxelado, mentres que no lago Mälaren os barcos dos peiraos fican atrapados nunha superficie xeada onde a única nota de movemento chega grazas á xente que vai ao lugar para patinar.

O esplendor da fermosísima cidade de Estocolmo en época invernal, a súa beleza elegante e contida, non se pode atopar, como é obvio, en terrazas, rúas e parques cheos de xente, nin tampouco nas súas canles ateigadas de embarcacións, senón na luz baixiña que fai que as fachadas de Gamla Stan, o seu barrio máis antigo, na illa central, chamen a atención en medio da neve, tal como puiden comprobar no vagaroso paseo que din polas súas rúas empedradas e tortuosas, trazadas entre o maxestoso Kungliga Slottet, un dos palacios reais máis grandes de Europa, a catedral de Storkyrkan, unha gran igrexa gótica cun interior que resultou ser un refuxio perfecto para combater o frío cun magnífico concerto do tenor Carl Unander-Scaharin e o pianista Mattias Wager, que interpretaron o fascinante Winterreise, o ciclo de cancións de Schubert que describen unha viaxe musical e invernal pola soidade e o desamor. Que momento tan inesquecíbel!

Moi preto da catedral visitei tamén a praza de Stortorget, a máis antiga da cidade, rodeada de edificios antigos de tons vermellos, amarelos e laranxas con fachadas estreitas e tellados inclinados, un lugar que foi testemuña do que se coñece como a Matanza de Estocolmo, a execución de arredor de cen nobres e relixiosos suecos no ano 1520 por orde do rei danés Cristián II, un feito que provocou unha revolta popular que levaría á independencia de Suecia. Hoxe en día, na mesma praza atópase o museo dedicado aos Premios Nobel, que cada ano se entregan no Konserthuset, a impoñente sala de concertos situada no barrio de Norrmalm, no centro moderno da cidade.

Para poder ter unha boa vista de Gamla Stan e do lago Mälaren xeado, subín aos miradoiros que hai nas pendentes do barrio de Södermalm, o máis bohemio de Estocolmo, cheo de tendas de artesanía, antigüidades e obxectos de segunda man, ademais de moitas cafetarías acolledoras que se enchen de xente cando chega o momento da fika, o intre para parar, sentar con calma e compartir café ou té acompañado dalgún doce, normalmente un kanelbulle, ou boliño de canela, mentres se conversa con amigos, coa familia ou cos compañeiros de traballo.

Patinadores no lago MälarenXesús Constela

Entre a beleza inmensa da paisaxe invernal, o que máis chamou a miña atención dende eses miradoiros de Södermalm foi o enorme edificio de ladrillo vermello do Stadshuset, a Casa do Concello, inaugurada en 1928 a pé mesmo da auga xeada do lago Mälaren, cun impoñente campanario de cento seis metros de altura que domina a paisaxe toda, polo que decidín achegarme a visitalo para poder admirar o seu grandioso Salón Azul, que, curiosamente, ten ese nome malia non ser desa cor, e é o lugar onde cada ano se celebra o banquete de gala en honra dos galardoados cos premios Nobel, e tamén para percorrer e admirar outras estancias como o maxestoso Salón Dourado, coas paredes recubertas por un inmenso mosaico de dezaoito millóns de teselas que ilustran momentos cruciais da historia de Suecia.

Noutro paseo achegueime á illa de Djurgärden, que ten un aire completamente diferente das demais porque está chea de bosques e espazos abertos que no inverno están cubertos dunha densa capa de neve que transforma os camiños e os xardíns nun tapiz branco que parece interminábel.

Houbo dous edificios nesta illa que chamaron a miña atención, o Nordiska Museet, ou Museo Nórdico, que, malia ser do ano 1907, a min evocoume un antigo castelo renacentista polas súas torres e polos seus amplos salóns, que expoñen roupa, mobles, artesanía e outros obxectos cotiáns para amosar a riqueza e a diversidade da sociedade sueca dende o século XIX até hoxe; e o Vasamuseet, un museo que no seu impoñente interior de sete andares de altura, acolle o Vasa, un enorme navío de guerra do século XVII que afundiu en pleno porto de Estocolmo o mesmo día da súa botadura, un 10 de agosto de 1628.

Tratábase dun buque espectacular mandado construír polo rei Gustavo Adolfo o Grande, que modernizou o exército sueco e transformou Suecia nunha potencia europea. Era un barco moi impoñente e sofisticado para a súa época, construído con madeiras de piñeiro e de carballo, cun deseño moi ornamentado con figuras de leóns, deuses e elementos simbólicos pintados de cores vivas, e armado con máis de sesenta canóns repartidos en dúas cubertas que representaban o poder do reino de Suecia.

Pero houbo un erro de cálculo no momento do seu deseño que o levou á catástrofe o mesmo día da botadura, perante unha enorme multitude que acudira a presenciar a efeméride. O Vasa tiña o centro de gravidade demasiado alto, e, por capricho do rei Gustavo, moitos máis canóns dos que podía transportar nun casco tan estreito, e por iso falloulle a estabilidade.

Un inesperado golpe de vento provocou que o gran orgullo da monarquía sueca afundise na súa viaxe inaugural, e dende aquela estivese somerxido nas augas do porto de Estocolmo até que, nun auténtico despregue de enxeñaría, fose sacado a frote en 1961, trescentos trinta e tres anos despois do seu tráxico afundimento, para desde entón verse sometido a un proceso de restauración e conservación no que a madeira foi tratada con produtos especiais nun ambiente coidadosamente controlado para manter o navío en perfecto estado co obxectivo de converter a terríbel traxedia nun símbolo da enxeñería e a historia naval de Suecia.

A visita ao Vasa deixoume sen palabras que me sirvan para describir a maxestade do navío. A súa impoñente eslora, os canóns e as esculturas detalladas axudáronme a sentir a ambición de Gustavo Adolfo o Grande, e só de pensar que o barco exposto permaneceu baixo a auga máis de trescentos anos antes de ser recuperado non fixo máis que aumentar a miña fascinación ao poder admiralo dentro do museo.

Desde Djurgården fixen outro día unha viaxe nun barco crebaxeos polo arquipélago invernal, entre illas cubertas de branco, onde o silencio só se rompía co triscado do xeo baixo a proa e polas rachas de vento do Báltico, unha grata experiencia que fixo que a cidade se fose abrindo cara a un mundo de paisaxes brancas como nunca vira.

Ao longo de moitos outros paseos entre rúas nevadas e canles xeadas, Estocolmo amosouse perante min como a fermosa cidade que é, con barrios coma o de Östermalm, de avenidas anchas flanqueadas por edificios clásicos de finais do século XIX e principios do XX, con elegantes fachadas decoradas con pedra e ferraría, e co mercado histórico de Saluhall, un edificio de finais do século XIX, famoso polos seus produtos frescos, e tamén polas pequenas cafeterías e restaurantes que acolle no seu interior.

Pero non podería dar por rematada a miña visita a este Estocolmo fermoso e invernal sen falar do Tunnelbanan, o flamante metro da cidade, coñecido como "o museo máis longo do mundo" logo de que na década dos 1950 a empresa convidara a varios artistas locais a crear obras nas súas instalacións, e abofé que resultan únicas e moi interesantes, como é o caso da estación de Kungsträsgärden, escavada na rocha natural, coas paredes de pedra pintadas en tons azuis e con detalles que evocan o xeo e a auga, ou a de T-Centralen, un espazo amplo e luminoso decorado con motivos que lembran o ceo e a natureza combinados con esculturas e murais abstractos, ou a de Solna Centrum, con paredes de intensa cor vermella e murais e pinturas que representan escenas da vida urbana.

Un pracer pasear polo metro de Estocolmo, pensado para que resulte unha experiencia grata para os usuarios, porque dá unha máis que boa sensación de que todo nesa esplendorosa cidade está pensado para procurar o benestar dos seus habitantes, que xa bastante teñen con aturar uns tremendos fríos invernais que non conseguen que a súa vida se deteña.

©Xesús Constela, 2026