Retallos de mundo: La Palma, a illa bonita das Canarias

Poio
22 de junio 2025

O escritor Xesús Constela viaxa á La Palma e ofrece a súa visión sobre a illa e realiza unha reflexión sobre o ecosistema que garda

Porís de Candelaria
Porís de Candelaria / Xesús Constela

Lera un vello slogan que dicía que La Palma é unha illa que non se observa, senón que se contempla, así que, cando por fin puiden visitala, non me sorprendeu en absoluto o feito de que os propios canarios a coñezan como La isla bonita, porque descubrín un lugar onde a natureza, que nunhas zonas é dun verde que abraia, mentres que noutras se volve volcánica e reseca, foi quen de me transmitir moitas mensaxes e de me agasallar con moi gratas experiencias.

Quedei moi sorprendido coa cidade de Santa Cruz, a capital, que tivo a honra de ser o primeiro concello de España elixido pola poboación no ano 1773, cando, no contexto das reformas administrativas que estaba a levar a cabo Carlos III, a vila foi escollida para poñer a proba un novo sistema de eleccións municipais.

Pasear polo seu casco histórico fixo que quedase fascinado polos fermosos balcóns de madeira amarelos, azuis e verdes das súas casas coloniais, un detalle que, segundo souben, ten unha orixe ben curiosa no século XVI, cando, durante o reinado de Felipe II, co obxectivo de manter unha certa uniformidade nas construcións, se decretou a prohibición de facer “alongamentos nas fachadas das casas” para evitar que se estendesen cara ao centro das rúas, pero, polo visto, a real cédula que comunicaba a nova lexislación nunca chegou a La Palma, porque o veleiro que a transportaba dende o porto de Sevilla afundiu no decurso da travesía, e por iso, afortunadamente, a vila foi quen de conservar a estética da súa singular arquitectura.

Igrexa do Salvador, campanario
Igrexa do Salvador, campanarioXesús Constela

Santa Cruz ofreceume en todo momento a sensación de estar nun lugar de recunchos cargados de historia, como ben puiden comprobar na igrexa do Salvador, do ano 1550, que ten unha portada elaborada con cantaría de La Gomera, ou na de San Francisco, cunha sobria fachada de escura pedra volcánica que contrasta cos seus muros brancos, aínda que a experiencia que me resultou máis grata foi o simple feito de camiñar por unhas rúas que me animaron a pasear ou me convidaron a sentar nalgún lugar agradábel só para ver pasar os viandantes, un entretemento ao que sempre fun moi afeccionado. Cantos personaxes literarios teño descuberto neses intres de observación do mundo que me rodea!

Podería falar de moitos espazos da cidade que me impresionaron, como as moitas casas nobres que acolle, ou o castelo de Santa Catalina, ou o Barco de la Virgen, pero simplemente vou mencionar un detalle que chamou a miña atención, unha pequena estatua dun curioso anano vestido cun chapeu napoleónico que, polo que me contaron, forma parte dunha tradición da illa que data de 1680 e se coñece como Bajada de la Virgen de las Nieves, unha multitudinaria romaría que ten lugar cada cinco anos no santuario da Nosa Señora das Neves, nunha montaña a tres quilómetros de Santa Cruz, na que os romeiros baixan en procesión cara á capital, precedidos por un grupo de vinte e catro persoas disfrazadas de simpáticos ananos que ao remate da celebración, mediante saltos, xiros e xogos de pernas, bailan o que se coñece como Danza de los Enanos ao ritmo dunha animada polca que é case un sinal de identidade para os habitantes da illa.

Pero, fóra disto, a mellor experiencia que tiven en La Palma chegou cando comecei as miñas rutas pola súa xeografía. No nordeste deixeime sorprender pola tremenda humidade e o verde exuberante do frondoso bosque de Los Tiles, que me pareceu un exemplo perfecto do que se coñece como laurisilva, un tipo de fraga subtropical húmida con árbores de folla ancha parecidos aos loureiros e moi similares ás especies que disque poboaban a terra hai millóns de anos, un espazo cheo de deliciosas fragrancias, que aínda se fixo máis fermoso cando me vin perante a fervenza de Los Tiles, unha caída de auga de cincuenta metros de altura, capaz de lle dar ao lugar un aquel máxico, digno dun bo relato de literatura fantástica.

Bosque de Los Tiles
Bosque de Los TilesXesús Constela

Tamén me deixou engaiolado a Caldera de Taburiente, un parque nacional dunhas magnitudes colosais que alberga un dos sistemas erosivos máis espectaculares de Europa, e está situado no interior dunha caldeira volcánica de oito quilómetros de diámetro, rodeada de cumios que superan os mil cincocentos metros de altura, que se formou hai arredor de dous millóns de anos e ten lugares tan senlleiros coma o miradoiro de La Cumbrecita, colgado perante un impoñente abismo que produce unha verdadeira sensación de vertixe.

Pero a Caldeira de Taburiente non é só un espazo xeolóxico impresionante cheo de bosques de piñeiros canarios, canóns, barrancos e fermosas fervenzas, senón tamén un lugar cheo de lendas que me permitiron viaxar aos tempos nos que os benahoaritas, antigos habitantes da illa antes da chegada dos conquistadores casteláns, tiñan o seu maior señorío, o lugar que coñecían como Aceró, no corazón mesmo da caldeira, un testemuño do carácter especial, sagrado quizais, que lle daban a este espazo.

Ao sur deste lugar tan espectacular visitei o parque natural de Cumbre Vieja, unha cadea montañosa chea de cráteres e conos volcánicos que abrangue a metade da illa e constitúe a súa auténtica columna vertebral.

Parque natural de Cumbre Vieja
Parque natural de Cumbre ViejaXesús Constela

En Cumbre Vieja, para ben ou para mal, a terra dá a impresión de que pode respirar, e está tan viva que hai ocasións nas que se producen erupcións como a que tivo lugar no ano 2021, cando, ao longo de case tres meses, os ríos de lava que xurdían das profundidades da terra transformaron para sempre a vida de milleiros de persoas ás que lles arrasou vivendas, infraestruturas e cultivos, especialmente de plátanos e viñedos, ao tempo que provocaban un enorme impacto medioambiental ao destruír arboredos de grandes dimensións, unha desafortunada desgraza que reflicte o imprevisíbel carácter volcánico dunha terra capaz de enfurecerse dun xeito enlouquecido no momento máis inesperado.

Nunha illa tan pequena como la Palma, cunhas dimensións semellantes ás do Concello de Ourense, todo está moi preto, polo que, a non moita distancia de Cumbre Vieja, descubrín a singular paisaxe escura que rodea os volcáns de San Antonio, Martín e Teneguía. Este último estivo vinte e catro días en erupción no ano 1971 e deixou un rastro de cinza e lava que mesmo chegou a crear novas terras que modificaron a liña costeira, o que me fixo pensar que La Palma é unha illa tan viva que dalgún xeito aínda está en proceso de construción, como me demostrou o feito de estar deitado a tomar o sol e a ler un libro nas pedras de Echentive, unha praia que máis nova ca min porque aínda non existía cando nacín, senón que xurdiu oito anos despois, cando a erupción do Teneguía. Nunca na miña vida tivera a sensación de estar envolto por unha paisaxe á que eu superaba en idade. Poucos lugares debe de haber no mundo que permitan sentir algo semellante a iso.

Salinas e faro de Fuencaliente
Salinas e faro de FuencalienteXesús Constela

Preto desta zona de volcáns, visitei os faros de Fuencaliente, o antigo, construído a finais do século XIX e danado por diversas erupcións, e o novo, operativo dende 1985, aos que cheguei por un fermoso camiño que me levou a través de viñedos cultivados sobre cinzas volcánicas e por unhas salinas nas que a negrura da paisaxe contrastaba coa brancura do sal que estaba a secar ao sol.

Mais, a pesar de todas estas marabillas e singularidades que acolle unha illa que me pareceu realmente fermosa, se hai algo que fai de La Palma un lugar único no mundo, é o seu impresionante ceo nocturno, que a converteu nun importante referente internacional no campo da observación astronómica, porque, xunto co arquipélago de Hawai e o deserto de Atacama en Chile, é un dos tres mellores lugares do planeta para estudar o firmamento, de tal xeito que o seu punto máis alto, o Roque de los Muchachos, a dous mil catrocentos vinte e seis metros sobre o nivel do mar, alberga unha impresionante colección de telescopios aos que se desprazan astrónomos de moitos países para facer as súas exploracións, ademais do coñecido como Gran Telescopio Canarias, o maior do mundo, que estuda os buratos negros, as estrelas e galaxias máis afastadas do Universo.

Telescopios en Roque de los Muchachos
Telescopios en Roque de los MuchachosXesús Constela

Aínda que podo asegurar que non tiven ningunha necesidade de ser científico para gozar do grandioso espectáculo do ceo nocturno de La Palma, porque atopei miradoiros astronómicos repartidos por toda a illa, de xeito que a observación das estrelas se converteu nunha actividade da que gocei cada vez que caía a noite e a Vía Láctea se debuxaba no firmamento coma un enorme regueiro de luz de moitas tonalidades, que me facía pensar que podía interpretar varios misterios misterio do cosmos, cando en realidade o único que facía era deleitarme perante os movementos de tantas estrelas fugaces como nunca na miña vida vira, polo que no me estrañou nada que obtivese a certificación turística Starlight, unha acreditación outorgada pola fundación do mesmo nome a aqueles lugares que posúen condicións excepcionais para a observación do ceo nocturno e que están protexidos da contaminación luminosa.

Para me despedir de La Palma escollín un lugar que me resultou moi singular, un pequeno núcleo mariñeiro de casiñas brancas e azuis construídas directamente nas rochas, a pé do mar, por pescadores, que está encaixado nunha enorme gruta volcánica aberta ao océano, e se chama Porís de Candelaria, ao que se accede, a pé, por suposto, a través dunha empinada pista que descende por un acantilado case vertical.

Porís de Candelaria (2)
Porís de Candelaria (2)Xesús Constela

A primeira pregunta que me veu á cabeza foi o motivo que levara a ninguén a construír nada nun sitio de tan complicado acceso, e a resposta deuma unha das persoas que atopei aló embaixo. Porís de Candelaria resultou ser un abrigo natural perfecto nunha costa moi brava e demasiado batida polo Atlántico, así que gruta foi o emprazamento ideal para utilizalo como refuxio contra o mal tempo e as ondas e para pasar as noites ao longo das campañas de pesca. Despois souben que a palabra porís define un porto pequeno ou un abrigo natural para barcos. Pareceume o lugar perfecto para me despedir de La Palma, unha illa moi fermosa, pero moi exposta aos arrevesados caprichos da natureza, xa veñan en forma de erupción volcánica ou de forte temporal mareiro.

Ser Reserva da Biosfera non é só un recoñecemento, senón tamén un compromiso, polo que quen a visita La Palma, debe ter na mente en todo momento que se atopa nun ecosistema fráxil e moi valioso, onde resulta de vital importancia respectar a natureza, unha actitude que me parece esencial para que a illa continúe a ser o tesouro que é para as xeracións futuras.

Xesús Constela, 2025