El alcalde de Cuntis Manuel Campos Asorey ha emitido un comunicado en los siguientes términos durante este domingo dirigiéndose a la población del municipio:
"Prezados veciños e veciñas:
Vivimos estes días un escenario de dificultade e emerxencia derivado da expansión do coronavirus á que nos estamos enfrontando coa axuda de todos e todas vós e poñendo en funcionamento a totalidade dos medios que temos á nosa disposición para este tipo de circunstancias. Por iso, en nome propio, do Goberno municipal e de toda a Corporación do Concello de Cuntis, quero, en primeiro lugar, transmitirvos o meu agradecemento polo extraordinario comportamento que estades demostrando durante estas xornadas de confinamento.
En segundo lugar, é a miña obriga informarvos das diferentes medidas e accións que o Concello puxo en marcha ante a emerxencia sanitaria: Tan pronto foi decretado o Estado de Alerta, constituímos a Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do Covid-19 que se encarga de estudar e activar todas as accións que entendemos necesarias para facer fronte á expansión do virus e para prestar apoio á poboación. A comisión está formada polo alcalde, dúas concelleiras, o xefe da Policía Local, o responsable de Protección Civil e a xefa dos Servizos Administrativos, Recursos Humanos e Servizos Sociais do Concello. A todos e todas quero transmitirlles a miña gratitude pola súa implicación e o seu gran traballo nesta emerxencia.
Dende o minuto un activamos un plan especial de limpeza e desinfección de espazos públicos que tivo especial incidencia en zonas sensibles como supermercados, farmacias, bancos, centro medico, etc. Actualmente estamos tratando de estender este plan a todo o casco urbano co fin de aminorar o risco de contaxio na vía pública.
Tamén implantamos os protocolos correspondentes de seguridade e protección, pechando todas as instalacións e servizos municipais co fin de velar pola saúde tanto da cidadanía como do persoal do Concello. Lembrade que se mantén a atención vía sede electrónica e por teléfono.
As persoas maiores ou dependentes foron dende o primeiro momento unha das nosas principais preocupacións. Por iso puxemos en marcha un servizo de atención domiciliaria continua que fai un seguimento diario dos veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade e dá resposta a calquera das súas necesidades, como pode ser a compra de alimentos, medicamentos, etc.
Doutra banda, levamos días traballando na activación de accións de carácter económico destinadas a apoiar as familias e negocios locais e a contrarrestar os efectos negativos que a crise do coronavirus poida ocasionar. Nestes momentos xa dispoñemos dunhas bases nas que se contempla este paquete de medidas, que lanzaremos nos próximos días.
Dende o Concello mantemos contacto permanente coas autoridades sanitarias e traballamos en coordinación para afrontar posibles casos e actuar de modo preciso ante calquera contaxio ou emerxencia.
Por suposto, tamén estou en comunicación constante cos voceiros da oposición a quen informo diariamente da situación e de todas as medidas que se van tomando.
Non quero deixar pasar a oportunidade para agradecer o esforzo que están realizando todos os comerciantes, persoal sanitario, gasolineiras, transportes, corpos de seguridade, gandeiros e agricultores e, en xeral, todas as persoas que seguides ao pé do canón para garantir que todo siga funcionando. Tamén quero remarcar o compromiso que está demostrando todo o persoal municipal e, en especial, o da Policía Local e o do Servizo Municipal de Protección Civil e Emerxencias que encadean duras xornadas de traballo en beneficio de toda a poboación.
Por último, quero lanzar unha mensaxe de tranquilidade e ánimo a todos os veciños e veciñas de Cuntis. Continuade sendo un exemplo de comportamento e colaboración. Temos aínda por diante moitos días difíciles e debemos estar preparados a todos os niveis. Por iso é tan importante que quedemos na casa e continuemos cumprindo as normas decretadas no Estado de Alerta e as recomendacións das autoridades sanitarias para protexernos nós e protexer aos demais.
O de Cuntis é un pobo forte e demóstrao sempre ante a dificultade. En conxunto imos derrotar o coronavirus".