Amoralidade total

09 de febrero 2025

Como nai que son, non son quen de entender algo así, porque, se algo teño claro, é que eu non permitiría nunca, baixo ningún concepto, que se mencionara a miña filla en programa ningún, e, de facelo alguén, non dubidaría en tomar as medidas legais pertinentes

Un día da semana pasada, cheguei a casa un tanto rebordada por un caso de "Si, hai saída", a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte, e sentía auténtica necesidade de desconectar por un rato.

Puxen a tele coa esperanza de atopar algo entretido, e, nun momento dado, mentres cambiaba unha e outra vez de canle — porque, francamente, as opcións non eran moi atractivas — pareceume escoitar algo que quixen crer que non era certo, que debera de entender mal.

Lamentablemente, non estaba errada, e nun programa deses aos que xa me referín tantas veces, no que un puñado de "autoerixidos expertos", que non fan máis que dano, se permiten o luxo de opinar e sentenciar sobre temas tan graves coma a violencia de xénero, e que están a facer — como digo, un dano moito máis grande do que se pode chegar a crer — estaban, nesta ocasión, a falar do posible maltrato que podería ter sufrido unha meniña, unha bebé de tan só uns poucos días, filla dunha "famosa" cuxo único "mérito" demostrado e demostrable, alomenos para min, é o apelido que lle tocou en sorte por ter nacido no seo de determinada familia, e o seu constante "quero e non podo" por chegar a ser famosa, e da súa parella, cuxo currículo se limita, que eu saiba, xustamente a eso, a ser a "parella de".

O estado do bebé, segundo estaban a dicir, era grave, tanto que a nena estaba ingresada na UCI.

Cando escoitei eso, si que prestei atención, e de verdade que non daba creto ao que estaba a escoitar, ao tratamento que lle estaban a dar a algo tan grave e que ten como tráxica protagonista a unha bebé que acaba de chegar ao mundo.

Era absolutamente noxento escoitar as opinións e o enfoque que lle estaban a dar, coma se doutro tema do corazón, deses dos que vive esta cuadrilla de voitres, e, perdoádeme o cualificativo, pero non se me ocorre outro máis adoitado, se tratara, ao mesmo tempo, que amosaban as imaxes da entrada do hospital, na que se agrupaban xornalistas, e ao que ían chegando, pouco a pouco, integrantes desa "privilexiada categoría", compañeiros de "profesión" da "afamada" mamá, que, como era de agardar, estaban a gozar do seu momento de gloria, no que cada un que ía chegando sabía máis co anterior.

Desde ese día, teño que confesar que si que estou a facer un certo seguimento do tema, porque non me cabe na cabeza que se poida actuar nin consentir tal falta de escrúpulos, comenzando polos propios pais da nena.

Descoñezo, evidentemente, o que pasou realmente, e cando digo que estou a facer un seguimento, son, como é doado deducir, momentos moi puntuais.

Tampouco sei en que punto está a investigación dos feitos, nin se está o caso xudicializado... Reitero, non o sei, pero o que non me cabe na cabeza é que, día si, día tamén, se estean a ocupar horas e máis horas de TV, a recabar as opinións de "famosos" de medio pelo, como se foran xuíces ou calquera outra autoridade na materia, utilizando a vida, a aínda curtísima vida desta nena, como unha mercadoría para facer cartos e acadar audiencia.

Con independencia do que realmente lle sucedera a nena, de que fora premeditado ou un accidente... o que sexa, que clase de pais permiten esta utilización, participando, ademais, pouquiño a pouco, cun xeito mainiño de si, pero non... non quero falar, pero vaia, xa que insistides... da súa filla?

Quen vela polos intereses da menor, quen?
Porque a nena non ten a culpa de ter nacido nese "niño de víboras", e, de novo, pido perdón pola expresión, pero é que me supera a carraxe, que lle tocou en sorte.

Como é posible que non exista regulación ningunha ao respecto, que non se protexa ao menor dalgún xeito, para que non poida ser utilizado neses espectáculos indecentes?

Non é frecuente que eu estea na casa polas mañás, e, malia que así sexa, non se me ocorre nunca poñer a tele, pero estes días si que me tomei a molestia de comprobar se estaban a falar do tema, e, bingo, non había nin un só canle, nin un, que non se estivera a facer eco, coa cohorte de "profesionais" opinando e os xornalistas na porta da clínica primeiro, e, unha vez que lle deron a alta a nena, na do seu domicilio.

Pero o que máis me indigna é como os pais da menor nin se inmutan e o aceptan como algo natural, mesmo comezando, de xeito mainiño, coma quen non quere a cousa, a facer declaracións.

A propia nai da nena declaraba hoxe, diante da súa casa, que "ten que facer vida", porque isto a está a prexudicar profesionalmente... Sinxelamente, alucino!

Como nai que son, non son quen de entender algo así, porque, se algo teño claro, é que eu non permitiría nunca, baixo ningún concepto, que se mencionara a miña filla en programa ningún, e, de facelo alguén, non dubidaría en tomar as medidas legais pertinentes.

Reitero, e non me cansarei de dicilo, que non me entra na cabeza.

Que clase de leis temos neste país que permiten que se manexe a vida dun menor coma se fora un "culebrón" para pasar o rato e xerar audiencia?

Porque iso é o máis lamentable de todo, que xera audiencia e, porén, ingresos.

Unha vez máis repito que descoñezo o que pasou, pero, con independencia diso, o que teño claro é que debería de existir unha lei que prohibise que eses pais permitiran a utilización da súa filla dun xeito tan abominable e que actuara con todo rigor se iso non se respectase, o cal os inclúe tamén a eles, por suposto.

E aproveito para preguntar, onde están agora todos eses colectivos que din velar pola protección dos menores?

Porque, que eu escoitara, e, disculpádeme se erro, nin están, nin se lles agarda.

É incrible como mudan a "moralidade" e o "compromiso" cando atinxen ao famoseo.

O que está máis que demostrado é que estamos a vivir nunha sociedade na que todo vale con tal de facer negocio, mesmo a amoralidade máis absoluta, na que todo se vende e todo se merca.

Deleznable.