Unha das características principais das eleccións municipais que se celebran no concello de Marín desde 1979 é a forte abstención existente que fica por riba da media nacional e estatal, este ano nun 7,34% e nun 5,65% respectivamente. Esta abstención vai medrando de xeito descontinuo ao longo do tempo mais que afecta tamén ás eleccións xerais, por antonomasia as de menor de abstención, pois en seis ocasións foi superior á galega e á española. Habería que deterse e coñecer mellor as causas desta inhibición tan característica no sufraxio local.
En certa maneira, o que aconteceu este ano foi unha volta á normalidade ideolóxica representativa. Hai catro anos a presenza de varios partidos do ámbito político da esquerda dinamitou a súa representación levando ao PP a ter unha sobre representación municipal. Con todo pódese subliñar que desde o punto de vista electoral e institucional acadados o PP perde fol, o PSOE sufre un estancamento e o BNG medra nas dúas vertentes. Estes feitos incuestionábeis ten varias lecturas: o PP ten un desgaste tras 12 anos de maioría absoluta, onde se detecta un rexeite social perante a falla de solucións e políticas, sobre todo acusadas no sector comercial, na veciñanza do casco vello vilego e nalgunhas partes do rural. O PSOE non convenceu, que non se pode achacar só á conxuntura política do momento, e o BNG vai recuperando o seu espazo electoral.
En canto a esta última forza política, esta simplicidade ten que ser analizada en profundidade se quere ser unha alternativa real fronte ao PP dado que, en parte, xogaba outro partido nestas eleccións, a recuperación da súa fortaleza institucional. Este obxectivo foi conseguido sobradamente, entre outras moitas iniciativas, grazas a un traballo arduo de vasos comunicantes coa sociedade ideoloxicamente máis próxima: desde o achegamento a antigos militantes e simpatizantes do BNG pasando polo galeguismo sociolóxico e a esquerda local en xeral. O voto ao BNG foi plural no ideolóxico e o feito de presentar unha boa lista, perdón pola falta de modestia, representou un aliciente para apañar confianza veciñal. Ora ben, toca traballar arreo nestes catro anos para ser unha alternativa real e máis críbel ao PP que convenza co seu proxecto á meirande parte do electorado activo e tamén ao abstencionista, marcando un punto de inflexión na deriva e falta de ambición política, que na miña opinión, ten o PP de María Ramallo.