Nepotismo selectivo?

11 de junio 2026
Actualizada: 8:18

Jesús Martínez Epifanio opina sobre a posible existencia de nepotismo na designación do presidente da Autoridade Portuaria de Marín, sinalando tanto os méritos obxectivos coma as súas conexións persoais e políticas

Nepotismo selectivo? Saben todos que no noso entorno, Marín–Pontevedra, existe un porto de titularidade estatal, coñecido como Porto de Marín, e xestionado por unha autoridade estatal que é coñecida como "Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra". Menos coñecerán que esa "Autoridade", de titularidade estatal, depende do Ministerio de Fomento e de Portos do Estado.

É dirixida ou presidida por unha persoa que, a partir de certos requisitos, propón e nomea a Xunta de Galicia. No caso de Marín, correspondeulle esta honra, dende o 2009, por designación do Partido Popular, a José Benito Suárez Costa.

D. José Benito Suárez é, probablemente, menos coñecido na contorna. Uns poucos milleiros terán constancia da súa existencia e non máis dun milleiro ou dous saberán da súa función como presidente da Autoridade Portuaria.

Os méritos deste home, deste servidor público, para ocupar tan relevante cargo son abondosos e sobradamente cualificantes: capitán da mariña mercante, enxeñeiro industrial, profesor universitario, ex tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, ex vicepresidente do Partido Popular de Pontevedra, director xeral de Interior e Protección Civil no desastre do Prestige e o que é – probablemente – máis relevante aos efectos desta reflexión: é un auténtico PTV (Pontevedrés de Toda a Vida), unha especie endémica de Pontevedra, moi apreciada polas súas costumes e rituais de tardeo, tauromaquia e cuadrilla.

Ten este home, cando menos, dúas querencias ou afeccións ben singulares: pasear polo Salnés en longas camiñadas con M. Punto Rajoy e ser consorte, dende mediados dos oitenta, da ex ministra de Sanidade e Consumo, ex ministra de Fomento, ex presidenta da Comisión de Seguridade Nacional do Congreso dos Deputados, ex deputada, ex presidenta do Congreso e ex presidenta da "Agrupación Mutual Aseguradora (A.M.A.)".

Nestes tempos de vencellos criminais entre políticos de alto nivel, entre familiares dos políticos de alto nivel e estes mesmos, deuseme en pensar, mesmo en maravillarme, de que ninguén – nin cirios nin troianos – deran pábulo aos comentarios tabernarios que en "Casas con Solera e Cen anos de historia" realizan os parroquianos e visitantes: "Está aí pola súa amizade e paseos con M. Punto Rajoy? Está aí porque a súa esposa era ministra de Fomento e xefa de Portos do Estado? Mantense no posto porque é políglota?" e, os menos, os ben intencionados, afirman que está porque, con toda probabilidade, o merece.

De non ser certo o anterior, habería que preguntarlle a D. Benito; á súa dona; a M. Punto Rajoy; ó xuíz Peinado; á UCO ou ás fillas de Zapatero e á muller de Sánchez.

De seguro que andan en parecidas reflexións.