Hai 16 horas a prensa recollía a nova de que o 21 de agosto O Concello de Marín "repasa a situación dos montes en Marín en base ao seu plan de prevención de incendios forestais".
Ás 14:43 do 22/08/25 compre lembrar aquelo de Santa Bárbara e o trono ou ben o máis enxebre "tarde piaches". En calquera caso é digno de mención comentar o grotesco, a miserable proposta que –supoño eu– motivou e derivou no "repaso" do que se fala no primeiro parágrafo.
Ata as 14:05 do día de hoxe, cando accedías á páxina institucional do Concello de Marín, e máis especificamente á de https://www.concellodemarin.es/turismo/, sorprendías cun pretencioso vídeo no que o cartel de introdución en tipografía grande e extragrande recordaba a todo o orbe mundial que "Marín é o único concello de Galicia onde se podían facer parrilladas todo o ano".
O vídeo de fondo convidaba a calquera a percorrer os cinco, cen ou douscentos km que o separaban ou separasen de tan agradecido lugar: un espazo onde facer "parrilladas todo o ano".
Esquecendo que, ao carón, en Vilaboa agora e na Moureira e Ardán hai pouco, unha ampla superficie de árbores, prados, matos, granxas e casas estaban –nese momento– a punto de desaparecer por unha máis grande "parrillada" que a xente do común dá en chamar "lume forestal ou incendio".
Isto acontecía na hora de escribir estas reflexións. Poucos minutos despois das 14:15 o vídeo foi eliminado das redes. Menos mal.
Podería parecer banal o caso, irrelevante ou mesmo intrascendente pero non é así. Esta "anécdota" é produto "da revisión do plan": incompetencia? Ineptitude? Falta de conciencia e sensibilidade? Improvisación? Falta de empatía? Falta de capacidade? Ou categoría: foto de "estar a facer" e retrato real da improvisación, do "xa choverá", da impertinencia e falta de vergoña, do mexar por riba dun e dicir que chove co Plan de Actuación dun Goberno Municipal sobrepasado, caduco, sen sangue no corpo, imprudente, mesmo temerario que xoga coa desidia propia e allea.
Ou o que sería peor: traslación da metodoloxía que tan "eficientemente" desenvolve o Partido Popular nesta vaga de lumes: non prever nada, non facer nada, aparentar que se fai e por último botarlle a culpa ao que pasaba por alí.
Se o seu soño húmido é que se coñeza Marín como "Concello das Parrillas todo o ano" váianse de vacacións ou mellor dimitan.
E menos mal que temos "plan"; é incuestionable: eliminouse o vídeo pirómano; o vídeo dos elefantes na cacharrería... e se non chegamos a ter plan?
Arderiamos todas ou poñerían un vídeo de Heidi ou Bambi?