Nos últimos meses, perdín dúas oportunidades laborais pola brecha dixital. Eran para auxiliar de biblioteca, nunha ocasión en Sada e noutra en Vilalba. Vilalba parecíame unha vila tranquila para a miña hiperacusia e misofonía, máis que a extremadamente (cada vez máis) ruidosa Pontevedra. O outro día estaba en "Daniel de la Sota" e unha desas motos de escape libre estaba montando un balbordo horrible, e ao lado, un coche da policía local con dous axentes dentro como se a cousa non fose con eles. Non hai unha lexislación municipal sobre isto? O asunto é que ao servizo público de emprego se lle dá por avisar o día antes para que remate o prazo para a presentación da documentación. Eu intenteino, nos dous casos, no de Sada e no de Vilalba, en numerosísimas ocasións, tentando identificarme co meu DNI dixital para por medio da sede electrónica dos respectivos concellos enviar a miña documentación. Nos dous casos, chamei por teléfono, e dixéronme que era o único que tiña problemas, que estaban recibindo toda a documentación dos candidatos preseleccionados. Ademais, debido a ese mal costume de emprego de avisar o día anterior, non tiña outra opción. A vindeira ocasión tentareino no rexistro das oficinas administrativas da Xunta en Campolongo, pero como é unha cousa municipal, non autonómica, igual non lles vale.
Nos dous casos fun vítima da brecha dixital. A dixitalización da administración avanza a pasos axigantados, deixando na cuneta a numerosa poboación, non toda ela da terceira idade. Cando é o 8-M, saen á rúa milleiros de persoas con pancartas para o fin da brecha de xénero, pero ninguén se preocupa dos prexudicados pola brecha dixital. E tonto, tonto non son, pero vos aseguro que son incapaz. Probei co portátil, con tres navegadores distintos, e co teléfono, e nada, sempre aparecía o mesmo erro, unha e outra vez. O prazo remata e eu incapaz de presentar a documentación tras ser preseleccionado e perdo unha oportunidade laboral. Que non significa que o posto fose para min, pero polo menos tentalo.
Foi duro, sobre todo debido á miña situación de paro de longa duración, con 50 anos e con tan sequera dous cotizados, xa que gran parte do tempo tras rematar a carreira fun bolseiro, sen cotizar. Cada vez que protesto pola desatención do SERGAS en relación coa miña lesión do oído, hai xente que me di que non teño dereito a protestar, xa que non estou cotizando. Eu pensaba que a sanidade pública en España era universal, pero seica non. Hai anos, cando quixen facer a tarxeta sanitaria europea, unha funcionaria da seguridade social colleume a tarxeta sanitaria, e preguntoume se con aquela tarxeta me atendían. Eu contesteille que si, e entón ela díxome que non deberían, xa que "estivera os últimos anos sen facer nada". Debín dicirlle que durante eses anos estivera, como ela, traballando para a administración, só que máis preparado, con maior eficiencia e con maior respecto cara ao usuario que ela, pero cobrando un tercio. Pero caleime.
Máis alá dos meus problemas para cotizar, que botan por terra os meus soños de xubilarme na miña Viena, gustaríame dar unha mensaxe ao servizo público de emprego, e é que non avisen cando faltan 24 horas para o remate de prazo para presentar a documentación, senón que o fagan con bastante antelación para buscar alternativas á vía electrónica, aínda que sexa presentándose no concello en cuestión. Aínda que ás veces, aínda que te presentes fisicamente, non poden facer nada por ti, senón que tes que facelo vía electrónica si ou si. Pasoume na UNED hai un par de anos cando quixen presentar a documentación para ser candidato de profesor-titor no centro. Collín un taxi e subín á UNED con toda a documentación. Alí dixéronme que non podían collerme a documentación, que tería que facelo pola secretaría virtual. Daquela fora capaz, xa que sinxelamente era enviar a documentación adxunta a un correo electrónico. O outro día pedínlle esta posibilidade ao Concello de Vilalba, pero dixéronme que a única opción era por medio da sede electrónica.
Tanto PP como PSOE apostan por unha dixitalización da administración, ignorando a existencia desa brecha e do gran número de afectados que quedan sen ningún trato coa administración, ante situacións tan importantes como é atopar un traballo. Chamo a unha reflexión da clase política. Que manteñan os rexistros abertos e que sempre haxa outras alternativas posibles á xestión dixital.
