Velaí como un faro que alumea o camiño dos peregrinos a Santiago, ao lado das Brañas do río dos Gafos, queda un carballo centenario o que agora os de Vaipolorío, con moita razón, queren que sexa Árbore Senlleira de Galicia para protexela e coidala para cando eles, que o tratan con moita tenrura e cariño, xa non poidan facelo como ata o de agora.
Coidando e protexendo con cordas ao redor para que a xente e ciclistas non danen as súas raíces que sobresaen da terra polas riadas do rio.
Xa é o símbolo dos peregrinos do Camino Portugués que ao atopalo de súpeto alí no medio do carreiro quedan asombrados da súa beleza.
Din os rumorosos que saben das historias do río que algúns peregrinos moi ousados sóbense á súa copa e desde o seu cume aseguran que poden verse as torres da Catedral de Compostela e baixan con máis folgos ao pensar que xa están moi preto da a súa meta.
Loce louzán e cada día crece máis, suponse que é debido a que ao seu carón ten as saudables augas do río e bebe del.
Ata o de agora ignorado por todos nós, grazas a Vaipolorío que o puxo en valor é agora un dos tesouros do río dos Gafos máis visitados.
O seu veciño o Estripeiro, a árbore máis vella do río, síntese orgulloso del e lembra con nostalxia de cando só era un garabullo de pau que enseguida ía levar o vento e agora case que roza o ceo.
Todos os anos ao chegar a Outonia, cando caen as follas das árbores e cambian de cor, as xentes da asociación Vaipolorío collen un feixe de flores silvestres e colócanas no tronco do Carballo Grande ao lado das Brañas como se fose un Peto de ánimas en recordo dun dos seus membros máis queridos.
Amancio Castro, o Druída do Gafos, que xa non está connosco e foi quen nos descubriu a riqueza da flora e fauna do río.
Desde onde queira que estea seguro que se alegrará moito que un dos seus descubrimentos sexa declarado Árbore Senlleira de Galicia.
Cando el ía paseando polas beiras todo os paxariños e animais ían tras el ao seu redor como as avelaiñas na procura da luz.
Dicíanos que polo tramo cuberto do Gafos ao seu paso por Campolongo as augas fluían máis rápido para fuxir da escuridade na procura da luz.
Dicía que un río sen luz eran augas mortas, unha cloaca.
Mágoa que a vida non lle dera un pouco máis de tempo para ver o seu querido río por fin destapado e cheo de vida.
Pronto visitaremos o Carballo Grande do Gafos na campaña de limpeza do río que todos os anos levan a cabo as xentes voluntariosas de Vaipolorío aos que todos os
que amamos a natureza estámoslles agradecidos para sempre .
E CANTE O MERLO.
Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita
Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.