Na Ponte do Couto

17 de marzo 2026

Facendo tan pouco tempo da última limpeza, parece mentira que se xuntase tanto lixo; cabe subliñar que a neveira, cando a abrimos, aínda tiña alimentos (supoñemos que caducados)

Chovía o que neste recuncho do mundo chamamos unha poalla, desas que aos poucos mollan e calan como se chovese a mares. Era un amencer de marzo onde locen as magnolias e as camelias, e agroman e florecen as árbores froiteiras chamando á primavera. Un fato de homes e mulleres convocados por VAIPOLORIO xuntouse, malia a choiva, para limpar a Ponte do Couto, medieval e posiblemente de orixe romana. Por alí pasaron un día as lexións romanas; logo, as xentes do medievo que carrexaban as mercadorías á Feira Franca da cidade; e máis tarde os leprosos que deron nome ao río e lavaban as feridas ao carón da ponte antes de entrar na cidade ou parar a curarse na leprosaría. Agora son os peregrinos e veciños quen utilizan a ponte e o paseo que acondicionou e sinalizou Vaipolorio.

Alí estaban, mollados coma pitos pero sorrindo como se pousasen para un anuncio dunha tenda de electrodomésticos ou dun bazar, ao carón da cantidade de lixo que recolleron: colchóns, mantas, neveiras, un ordenador, plásticos e todo tipo de mobles e ata sumieres. Alguén dixo con sorna: "Canta riqueza ten este río nun tramo tan cativo". Facendo tan pouco tempo da última limpeza, parece mentira que se xuntase tanto lixo; cabe subliñar que a neveira, cando a abrimos, aínda tiña alimentos (supoñemos que caducados).

Antón Roel participando na retirada de residuos na Ponte do Couto
Antón Roel participando na retirada de residuos na Ponte do CoutoVaipolorío

Rematou a xornada con todos e todas molladiños, porén coa alegría dun traballo ben feito e non valorado suficientemente. Alguén, con bo humor, dixo que non nos queixásemos, que o que caía era só auga e non bombas nin mísiles como os que caen acotío en Siria, no Líbano ou en Iraq. Tamén non hai que esquecerse de Gaza, onde morre xente inocente e bombardean escolas e hospitais matando nenos e nenas. Semella unha broma, pero é unha cousa moi seria que, contando Israel e os EEUU cos mellores exércitos do mundo e os mellores servizos de información, solten as bombas sobre edificios con xente inocente; quizais trátase —dixo alguén— de matar o futuro destruíndo a semente.

Para rematar, sería importante que os arqueólogos revisasen a ponte para unha necesaria restauración, pois coas treboadas e borrascas caeron moitas pedras ao río. Teñen que ser os profesionais os que as poñan no seu lugar se queremos conservar o patrimonio da nosa historia. NON Á GUERRA.

Retirada de residuos por Vaipolorío na Ponte do Couto
Retirada de residuos por Vaipolorío na Ponte do CoutoVaipolorío

 

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita

Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.

Activar ahora