O pasado venres, cando me dispoñía a comezar a escribir este artigo, chegou ás miñas mans a triste nova dun novo asasinato machista, esta vez en Málaga, que fai o número 24 deste ano; todo isto, naturalmente, sen contabilizar as innumerables vítimas que, afortunadamente —malia que case sexa unha macabra ironía utilizar este termo—, sobreviven como poden cada día á violencia de xénero, e que non aparecen en ningunha estatística.
Para entendernos, as grandes esquecidas.
E mentres este dantesco panorama non deixa de empeorar de día en día, no Ministerio de Igualdade seguen a continuar da man da súa “eficiente” cabeza visible e responsable, a Sra. Ana Redondo, coa súa “glamourosa loita” contra esta letal lacra que, á vista está, é “enormemente eficiente”.
E, para facelas efectivas, non se escatiman gastos, e vimos de saber, por exemplo, que o Ministerio de Igualdade, nun ano, gastou nada máis nin nada menos que 1.029.253 euros en diferentes tipos de actos institucionais, como entregas de premios, seminarios, xornadas, presentación de estudios (deses estudios que lles aportan descubrimentos tan “inéditos” ata agora, en pleno ano 2026, como que os períodos vacacionais, fins de semana, pontes... supoñen datas de sumo risco para as vítimas de violencia machista e os seus fillos, malia o cal non fan nada para previlo), informes que, ademais de incluír conceptos como deseño gráfico e audiovisual, produción técnica, etc., etc., inclúen tamén a planificación de asistentes, a cobertura audiovisual, roldas de prensa... e, por suposto, os cáterings —moi importantes!—, destinando a este servizo nada máis nin nada menos que 126.397 euros, variando a cantidade se ao acto en cuestión asisten máis de 50 persoas ou menos, ou máis, oscilando os prezos entre 50,40 euros e 57,60 por persoa.
E xa non falemos cando se trata de actos de maior ensulla, como a clausura dos actos do Día Internacional das Mulleres, no que se destinaron 16.280 euros única e exclusivamente ao cátering, que no Ministerio non son de pinchos de pan coa roda de salchichón, nin do pincho de tortilla, faltaría máis, que son de padais delicados.
Mención aparte merecen os soldos da cúpula directiva, que non imos detallar, pero abonda con dicir que Igualdade destina a este fin aproximadamente un millón de euros.
E isto se falamos tan só das “altas esferas”, porque se nos achegamos a círculos máis próximos, salvando as lóxicas distancias, o panorama é exactamente o mesmo.
Nos algo máis de 12 anos que hai que "Si, hai saída" botamos a andar, non queda practicamente ningunha daquelas mulleres ou colectivos que dicían estar tan implicados e concienciados na loita contra esta lacra.
Perdón, rectifico: si, quedan. De feito, queda unha considerable maioría que, así, ao tonto, como quen non quere a cousa, foron achegándose pouco a pouco ao sol que mellor quentaba, e conseguindo as relacións, e, posteriormente, o cargo, a cadeira ou o despacho que lles procura unha vida bastante máis doada, ademais dun estatus destacado e xa soamente se amarran ás pancartas os días D, como o 25-N ou o 8-M, pero agora do lado politicamente correcto, e dando unha imaxe acorde coa súa nova posición que era, en definitiva, o obxectivo que perseguían.
Valerse da dor, do sufrimento das mulleres ás que dicían querer axudar e da dos seus fillos é o que menos lles preocupa.
Todo vale con tal de medrar.
Así as cousas, é absolutamente normal que estea a suceder algo tan tráxico como que a violencia machista se normalizara xa de tal xeito que non se lle dea practicamente importancia ningunha.
E, se é preciso aparentar de cando en vez que si lles importa, por aquilo de que hai que dar unha imaxe, abonda con ter un chisco de paciencia, agardar a que algunha famosa saia a contar a súa historia, que, sen contrastar en ningún momento se é ou non certa e a golpe de redes sociais, de declaracións nos medios, ou, sinxelamente, se nos cinguimos a eidos máis reducidos, a nivel local, por exemplo, unha concentración co máis selecto da sociedade, e punto. Asunto resolto.
Soamente hai algo para o que si se ten en conta a violencia de xénero: para utilizala como ferramenta política.
Tanto ten que falemos da esquerda, da dereita... o mesmo dá, os escrúpulos son os mesmos, cero, porque outra cousa non, pero a violencia machista vende.
Non é, en consecuencia, estraño que continúe medrando de día en día e a unha velocidade de auténtica vertixe, ademais, porque é o que se agarda de todo negocio, que sexa rendible, moi rendible, do contrario non interesa.
Os maltratadores, os feminicidas, poden respirar tranquilos, porque, ao seu abeiro, ou, o que é peor, ao das súas vítimas, moitos petos se están a encher e moitos despachos se están a ocupar, polo cal a súa case total impunidade está garantida.
A ninguén con dous dedos de fronte se lle pasaría pola cabeza poñerlle fin a un negocio que cada vez reporta máis e máis beneficios, non si?
Loitar, pero de verdade, contra a violencia de xénero, é, admitámolo, a día de hoxe, unha batalla perdida de antemán, e en "Si, hai saída" sabémolo ben, porque, ou entras a formar parte do sistema que se nutre dela, ou estás sentenciado de antemán, xa que che van facer a vida francamente difícil, de feito, imposible.
Tanto teen que deixemos claro que non temos ningún tipo de interese nos seus negocios, que tan só queremos traballar tranquilos e axudar ás mulleres que se acheguen a nós, pero é inútil.
Facelo, “consentir” que continuemos adiante, é arriscarse a que deixemos a moitos e a moitas en evidencia, un risco que ninguén implicado está disposto a correr.
Hai demasiados intereses en xogo, polo cal, o mellor é empurrarnos á cuneta, o mesmo que ás vítimas.
Xa se sabe, morto o can, rematou a rabia, é, para isto, si, mellor previr...
Asociación Si, hai saída