13 de junio 2026

Nesta semana que está a piques de rematar, celebrouse en Mariñán unha nova edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, na que cada ano participan fiscais de toda España, e que neste estivo dedicada á análise da tutela e protección das vítimas, entre as que se encontran, por suposto, as vítimas de violencia de xénero, no proceso penal.

Nela, a Fiscala Xeral de Galicia, Carmen Eiró Bouzá, lembroulles que falar das vítimas no proceso penal é falar do lado máis humano da xustiza e que “detrás de cada papel, detrás de cada procedemento, hai persoas que sofren e que necesitan ser atendidas, e, sobre todo, tratadas con dignidade”, incidindo en que a xustiza ten que ser moito máis que a defensa da legalidade e que ten que protexer as vítimas, darlles un trato humanizado, e evitar a revitimización”, engadindo que isto é algo que non se consegue nin atinxe tan só ao eido do dereito, senón que precisa un acompañamento corporativo, institucional, e de comarcalización dos servizos, tentando evitar, por exemplo, desprazamentos innecesarios que o único que fan é aumentar a sensación de desprotección.

Efectivamente, así debería ser, e isto é algo que, desde Si, hai saída vimos reclamando desde o comezo da nosa traxectoria.

Detrás de cada procedemento penal, hai persoas, persoas que traen ás súas costas historias moi duras, moi dolorosas, moi cargadas de medo, de angustia, de dor, de dúbidas, de incomprensión, e que o último que precisan é ser tratadas como un número máis, un de tantos casos aos que se lle asigna un número, co que se van seguir os trámites pertinentes, por suposto, pero sen ter en conta, en demasiadas ocasións, o factor máis importante, o humano, tendo que soportar, ademais da súa desgraza, un interminable rosario de trámites burocráticos, porque “o sistema é así, e así se fixo sempre”, que para nada ten en conta non só o seu estado anímico e emocional, que é, ou debería ser, por suposto, o máis importante, senón as dificultades e mesmo a súa falta de recursos ou ferramentas para facerlles fronte, o que provoca que, en non poucas ocasións, moitas máis das que se sabe ou se poida chegar a pensar, desistan de continuar adiante, aínda sabendo que isto vai botar por terra todo o enorme esforzo que fixeron ata ese momento porque, sinxelamente, xa non poden máis.

Desde Si, hai saída levamos repetido ata a saciedade que a defensa das vítimas de violencia de xénero, no noso caso, pero isto é aplicable ás de calquera outro delito, debería, tería que ser, por por dicilo coloquialmente, como os packs de iogures que nos atopamos nos supermercados, indivisible, e non abocalas a unha interminable peregrinación que moi raramente, e por múltiples factores, entre eles, por suposto, o emocional, están en condicións de levar a cabo, pero, evidentemente, como moi ben di a Fiscala, é precisa a implicación corporativa e institucional.

Hai un aspecto fundamental que ela destaca, e que nunca se ten en conta, que é o de evitar desprazamentos innecesarios, ou, alomenos, evitables, e que dan ao traste con numerosos procedementos.

Non é de recibo que unha vítima que, polo motivo que sexa, ben porque está sendo acosada e non pode saír do seu domicilio, por motivos de saúde, porque non ten xeito de desprazarse... polo que sexa, e por máis que o xustifique, se atope, en vez de con facilidades, coa axuda imprescindible para solventar este tipo de situacións, con toda clase de dificultades e atrancos que lle fan imposible continuar adiante, porque, por máis que o explique, por máis que repita cal é a súa situación e solicite axuda, o único que vai atopar é un atranco tras outro, porque “o sistema é así”, facendo, reiteramos, que desista e non só isto, senón que mesmo é culpabilizada e feita responsable de que o seu procedemento non chegue a bo fin, sen preocuparse das tremendas consecuencias que isto pode supoñer, xa que o agresor ou o delincuente sae impune de todo isto.

Dito doutro xeito, esa mesma xustiza que, se supón, debería defendela, abócao a un risco aínda maior, xa que un agresor, un acosador... que é denunciado e sae impune é unha auténtica bomba de reloxería que pode estalar en calquera momento coas peores das consecuencias para a vítima, que se viu privada, polo propio “sistema”, de toda protección, xa que, obviamente, se un procedemento non vai adiante, tampouco se lle presta protección algunha.

O “sistema”, e non nos cansaremos de repetilo, está feito por persoas, por seres humanos, e, por suposto, é susceptible de ser reformado, adaptándose ás necesidades reais das vítimas que son, obviamente, a prioridade, e a sociedade en xeral, unha sociedade que evolucionou, que ten unha problemática moi diferente, ou moito máis ampla que a que existía hai anos e máis anos, e que non se pode, ou non se debería, basear unha defensa, en normas que, nunha gran maioría, están xa absolutamente obsoletas e de costas á realidade.

Evidentemente, reformar este sistema precisaría moito traballo, moito esforzo, pero, principalmente, moita vontade. É moito máis cómodo, non cabe ningunha dúbida, deixalo como está e seguir rexíndose por unhas pautas que, moitas veces, lonxe de protexer as vítimas, as expón, coas súas eivas, que non son menores, a un risco aínda maior.

En definitiva, oxalá o discurso da Fiscala chegase a ser unha realidade, pero, lamentablemente, o máis probable, por ser un pouco optimistas e non dicir con toda seguridade, vai quedar niso, nun discurso, en palabras, tal vez non pola súa vontade, senón porque ela é unha peza dunha engranaxe que non se está pola labor de mudar, nin modificar, nin sequera revisar.

Moito nos tememos que, polo momento, e sen que se albisque ningún intento de cambio, imos ter que seguir á mercé do “sempre se fixo así”.

Asociación Si, hai saída