Tras a denuncia, o abandono e a desesperación

25 de abril 2026

Ana (nome ficticio, naturalmente) tivo hoxe un mal comezo do día, moi malo. Non é a primeira vez, nin, por desgraza, probablemente será a derradeira. Está a ser vítima dun atroz acoso e, malia contar cunha orde de afastamento, os quebrantamentos por parte do seu acosador son reiterados, e, en consecuencia, o seu medo medra de día en día, ata o punto de que xa non se atreve a saír da súa casa, e nin dentro dela se encontra tranquila, xa que é plenamente consciente de que a vixía constantemente, achegándose á súa vivenda, sen respectar para nada os 200 metros da mencionada orde, sen que isto lle supoña ningún tipo de castigo, dado que, malia que Ana denuncia estes quebrantamentos, naturalmente el non agarda a que o pillen coas mans na masa, e cando a policía acude, cousa, dito sexa de paso, que case nunca sucede, obviamente, xa non está, polo que a tratan a ela, a vítima, coma unha auténtica tola á que non se lle pode dar crédito.

Hoxe foi un deses días, e xa desde que espertou decatouse de que algo non ía ben, atopándose con claros indicios de que a orde estaba a ser, unha vez máis, quebrantada.

Seguindo as instrucións que sempre se dan nestes casos, chamou á policía, tanto local como nacional, identificándose, naturalmente, e aclarándolles o procedemento que ten aberto. Todo inútil.

Ambas lle dixeron que, se o seu acosador non se atopaba alí nese preciso momento, non ían acudir, xa que non tiña probas fidedignas dos feitos dos que estaba a falar, e que, porén, non podían facer nada.

Polo visto, dan por sentado que ser delincuente é sinónimo de ser imbécil e que ía agardar diante da porta ata que eles chegaran...

Tamén lle indicaron que, para denunciar, debería acudir presencialmente á comisaría, e, por máis que tentou explicarlles que non podía saír da casa porque o seu acosador estaba a poucos metros, como quen escoita chover, por non mencionar a máis que evidente contradición.

Se se supón que para denunciar precisa probas fidedignas, que pretendían, que acudise co acosador debaixo do brazo para ratificar o seu relato?

Tampouco denunciar en liña é unha opción, xa que, de facelo, tería que acudir igualmente a asinar a denuncia nun máximo de 72 horas, e, ademais, esa opción non inclúe este tipo de delitos.

Dado que é usuaria dos Servizos Sociais, indicáronlle que contactase coa traballadora social encargada do seu caso, algo que tentou facer de inmediato, e dicimos tentou, porque, unha vez máis, os seus intentos foron en vano.

O único que conseguiu, mentres o seu medo medraba, foi manter unha "conversa de besugos" co que supón sería o conserxe do Centro Social que a "informou" de que a traballadora en cuestión "non estaba", "acudira a un domicilio", "non traballaba estes días", así, por esta orde, sendo o último dos motivos alegados xa unha constante desde hai meses.

O terceiro intento, por descarte, foi chamar o avogado de oficio que lle foi asignado no seu momento, e dicimos por descarte, porque, sistematicamente, desde o mes de xullo no que lle foi designado, non conseguiu que lle collera nunca o teléfono, nin que respondera a ningún dos seus correos nos que lle solicita información sobre a marcha do seu procedemento, algo que sucedeu unha vez máis.

Desesperada xa, contactou co Xulgado Instrutor do seu caso... e a ver quen adiviña a resposta obtida!

Cando lle indicaron que debía facer, foi o que xa fixera, pero á inversa, é dicir, avogado, policía e traballadora social; todo isto un venres, co que todos sabemos que isto conleva.

Non é difícil imaxinar, cremos, coa pouca sensibilidade que se teña, o medo co que Ana afronta o fin de semana, mentres o seu acosador fica impune e continúa destrozándolle a vida, sen que ningún dos que teñen a obriga de protexela fagan nada por impedilo. Todo o contrario, xa que, claramente, están a situarse do lado do acosador, mentres que ela é tratada coma unha delincuente demente á que non se lle pode dar crédito.

Se algo irreparable lle sucede, oxalá non sexa así, tal vez lle dediquen un minuto de silencio, que queda moi ben, pero o que todos sabemos é que ninguén vai asumir responsabilidades, e que o seu caso sería tido en conta, como moito, ese minuto de silencio, e isto porque hai que ser "politicamente" correcto e saír na foto.

Así as cousas, honradamente, alguén cre que se lles pode aconsellar ás mulleres que denuncien? Porque o caso de Ana non é unha excepción, nin moito menos. De feito, o que si o é, é o caso contrario, o que sería o correcto. Moi lamentable isto, pero é a dura realidade.

Non se pode tolerar que unha muller, desesperada, acuda a denunciar o maltrato, o acoso do que está a ser obxecto, e que, lonxe de atopar a protección que precisa, se lle poña aos pés dos cabalos, facendo, ademais, que o perigo que corre aumente considerablemente, xa que o seu acosador, sabéndose denunciado e véndose impune, vaise volver cada vez máis agresivo.

Non se pode tolerar que, cando desesperada, porque é perfectamente consciente do risco que está a correr, de que a súa vida está en perigo, pide axuda, sexa ignorada, e mesmo ridiculizada, culpabilizada, e que a súa terrible situación sexa obxecto de burla, de desprezo, e minimizada ata o extremo.

Todos os profesionais dos que estamos a falar reivindican os seus dereitos, e ninguén cuestiona que o fagan, pero, quen reivindica o dereito que nós, as mulleres, temos a vivir unha vida digna e sen medo?

Porque, asumámolo, moitas mulleres, demasiadas, que denuncian aos seus maltratadores, o único que atopan tras facelo é abandono e desesperación.

Asociación Si, hai saída