O dragado do Lérez: Resposta da APDR ao portavoz do PP en Pontevedra

28 de abril 2026

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra considera que o proxecto de dragaxe do Lérez é custoso e ineficaz, ao non abordar as causas da acumulación de sedimentos, polo que solicita que se deixe en suspenso

Sr. Domínguez,

Vimos de ler as súas declaracións nas que acusa ao Goberno central de "entorpecer, retardar e encarecer a dragaxe do Lérez", unha actuación que di considerar transcendental para o futuro da Ría; pois ben, como colectivo que ten como principal obxectivo o do saneamento e recuperación da Ría para garantir a explotación racional dos seus recursos, e que -coma Vde.- entende necesario acometer esta dragaxe, vémonos na obriga de dar resposta ás súas afirmacións.

Dirémoslle, en primeiro lugar, que a "Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra" (APDR) ten realizado un estudo pormenorizado do proxecto posto a exposición pública por "Portos de Galicia" e que, en base a ese estudo, ten presentado numerosas alegacións ao mesmo por considerar que, de non modificarse moitas das actuacións propostas, resultaría ineficaz e provocaría danos de gravidade nos sectores pesqueiro e marisqueiro da Ría.

Dirémoslle tamén que, entre as alegacións presentadas, faciamos especial fincapé precisamente nalgún dos aspectos que considera agora o Ministerio de Transición Ecolóxica, en concreto no que ten que ver coa falta de rigor á hora de recoller e analizar as mostras dos sedimentos a dragar. Mostrabamos a nosa discrepancia á hora de caracterizar a súa composición química e toxicolóxica, pero tamén polo feito de limitar a recollida de mostras ás zonas superficiais, sen facer análises das mostras a maior profundidade, e pola decisión de deixar na canle do Lérez (sen dragar) aquelas que "pola súa elevada contaminación" consideran perigosas.

Se temos en conta, ademais, que o proxecto non aborda as causas que provocan a acumulación de sedimentos no río (o que vai levar ao fracaso do dragado, por efémero), que non se van dragar todos os sedimentos existentes na canle (o que -entre outras cousas- pode acelerar o proceso de acumulación futura de sedimentos), que vai ter unha incidencia negativa nos bancos marisqueiros e sobre os organismos filtradores e nos ecosistemas bentónicos, e o inadecuado do punto de vertido dos sedimentos contaminados (que vai provocar evidentes danos nos bancos marisqueiros das Rías de Arousa e Pontevedra), teremos que concluír na necesidade de deixar en suspenso un proxecto custoso e ineficaz, que vai ser "pan para hoxe e fame para mañá".

Neste sentido, consideramos que só desde o descoñecemento absoluto do proxecto de dragaxe da canle do Lérez (ou desde unha inaceptábel posición de defensa radical e cega das posicións defendidas pola dirección do seu partido) se pode entender a súa crítica ás manifestacións realizadas desde o Goberno central.

 

Pola Xunta Directiva da APDR,

Asdo.: Antón Masa.