Establecendo, unha vez máis, prioridades

12 de abril 2026

O pasado 4 de abril, en plena Semana Santa, unha muller foi "presuntamente" asasinada pola súa parella en Basauri, malia existir unha orde de afastamento.

O "presunto" xa contaba con antecedentes por violencia de xénero, malia o cal foi deixado en liberdade provisional e, sinxelamente, lle foi retirado o pasaporte mentres se leva a cabo a investigación, o cal, seguramente, lle preocupará enormemente e, quen sabe?, o mesmo fai que se arrepinta... De traca!

Na mesma data, dous irmáns de 56 e 71 anos foron detidos en Valencia por violar unha muller no interior dun coche.

Tres días máis tarde, en Berriz (Guipúscoa), unha muller era brutalmente acoitelada pola súa parella diante dos seus fillos, sendo a intervención destes a que lle salvou a vida, malia quedar gravemente ferida.

Todo isto, reitero, no transcurso da Semana Santa.

Pois ben, mentres estes brutais ataques se producían, un deles, como vemos, co tráxico resultado de morte da vítima, unha vez máis, certos medios de comunicación, a maioría, de feito, "non defraudaron", deixando constancia non soamente da sociedade asalvaxada e totalmente deshumanizada que temos construído, na que vivimos, e na que cada vez importa menos e se normaliza máis a violencia machista, ata o punto de resultar practicamente indiferente, por máis que se queira finxir o contrario cando e onde interesa, senón do seu papel e da súa implicación real na "loita" contra esta brutal lacra.

Mentres nos informativos se dedicaban minutos e máis minutos a falar dos destinos vacacionais, a entrevistar turistas e sacar imaxes de paellas e terrazas ateigadas, unha e outra vez e, chegado o domingo, por suposto, a, igualmente, entrevistar os numerosos afectados polo "síndrome posvacacional", que iso si que é grave, gravísimo!, apenas se lles dedicaron uns escasos minutos a cubrir eses tremendos sucesos de violencia machista.

De feito, nalgún caso nin sequera se mencionaron, ou, con sorte, se lle dedicaron uns escasos segundos, como sucedeu co feminicidio de Basauri.

Tampouco o "feminismo" (non o feminismo, como sempre aclaro) se inmutou, que unha cousa é ser ateas, e outra moi distinta perder tempo de lecer por algo que, ao fin e ao cabo, cada poucos días sucede de novo e, se acaso, con convocar uns minutos de silencio á volta, asunto arranxado, todas contentas.

Agasalláronnos, iso si, moitas delas, coas fotos das súas vacacións, das cañas que se estaban a tomar e das festas que estaban a desfrutar, que o cortés non quita o valente, e desconectar está ben, pero do que interesa, que soamente se vive unha vez, non si?

Ademais, á gran maioría delas lles agardaba á volta un deses despachos ou cadeiras que lles proporcionou o sistema contra o que tanto se manifestaron no seu día, así que... quen dixo penas?

E que ninguén nos interprete mal, por favor, que non estamos a criticar as vacacións e o dereito a desfrutalas de todos aqueles que se poden permitir facelo, senón da mentira que é a "loita" contra a violencia de xénero no noso país.

E que dicir dos nosos políticos? Dese goberno que se define como profundamente feminista e que se solidariza con todos e cada un dos casos de violencia de xénero, seica, pero priorizando, por suposto, aqueles protagonizados por famosas ou famosos ou os que, por unha ou outra razón, teñen tirón mediático, que dos anónimos, ou, mellor dito, das anónimas, non hai nada escrito.

Completamente esgotados por ese "e ti máis" co que nos martirizan día tras día, abandonaron por unha semana os seus luxosos pisos e apartamentos que entre todos, vítimas incluídas, lles pagamos para que nos sigan agasallando cos seus vergonzosos espectáculos e marcharon de vacacións, que, obviamente, tamén lles pagamos.

Pero tampouco defraudaron.

Ao seu regreso, anunciaron, triunfantes, a aprobación da blindaxe da lei do aborto, que ninguén di que sexa unha mala nova, nin moito menos, pero si cando se utiliza como cortina de fume para agochar as infames eivas en canto á violencia de xénero e á súa total pasividade, ou, peor aínda, a utilización política que fan dela e das súas vítimas, unha táctica esta, por certo, á que especialmente o Ministerio de Igualdade xa nos ten máis que acostumados.

Acompañou, a señora ministra, este anuncio co de que se van destinar, nada máis nin nada menos, que 180 millóns de euros á "loita contra a violencia machista", para impulsar, din, actuacións de prevención, atención e protección ás vítimas, porque, outra cousa non, pero no Ministerio de Igualdade os millóns corren coma se foran auga.

Magoa que nunca se cheguen a ver os resultados, e que a violencia de xénero continúe medrando case con tanta rapidez coma se funden estes millóns, porque é difícil, por non dicir imposible, xa non superar, senón igualar ese ritmo.

Din que 160 destes millóns irán destinados a desenvolver o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o resto a "distintos plans específicos dirixidos a vítimas de violencia de xénero e de violencias machistas"... Será por cartos!

Se todo ese despregue de medios económicos se traducise en resultados visibles e a violencia machista, lonxe de medrar como o está a facer, fose decrecendo, xa sería o máximo.

Ah! e non esquezamos que tamén nos anunciaron unha nova convocatoria do Comité de Crise, e van 17!, para averiguar que é o que está a fallar no sistema e nas medidas adoptadas ata agora.
Francamente, aforrarían moito tempo analizando que é o que NON está a fallar, que vén sendo case todo, por non dicir todo.

A ver se desta temos sorte, e a alguén se lle pasa pola cabeza que deixar as UFAM das comisarías baleiras nas datas con máis risco igual ten algo que ver, pero sen presións, sen presas, que total, década arriba, década abaixo, tampouco non vai nin vén, e, ademais, os maltratadores e feminicidas, están, e perdoade a expresión, acojonadiños perdidos, ante tales anuncios e xa están no bo camiño para reformarse por completo.

Non hai moito máis que dicir, agás que ademais de deixar as vítimas abandonadas á súa sorte, nos toman a todos por idiotas, e que as súas prioridades están máis que claras.

Seguir vivindo a corpo de rei a costa, entre outras cousas, da dor.

Asociación Si, hai saída