Europa ás portas dunha guerra global; non co meu apoio

09 de marzo 2025

Escribira Polibio de Megalópolis, no século II a.C., que todo conflito bélico tiña motivacións económicas. Pensar en Polibio tráeme boas lembranzas, xa que penso naqueles días nos que pasaba horas durante as tardes lendo a súa obra, cando non había o COVID chinés, nin tiña problemas de saúde. Volverán aqueles tempos? Polo menos teño aí a Polibio para lelo unha e outra vez. A Polibio, e á súa interpretación sobre as guerras, non lle falta razón. De feito, a Historia, e a actualidade, dálle a razón. Incluso a guerra de Troia pódese interpretar como un conflito polo control do estreito dos Dardanelos, librándose do control que a cidade de Príamo tiña sobre o mesmo. Pero a historia de Helena era máis bonita. Como o é iso de defender a independencia e os valores democráticos de Europa e frear o neo-imperialismo de Putin na sombra de guerra que se proxecta sobre a Europa actual, máis bonito que falar do control do gas impoñendo o gas ianqui sobre o ruso, das terras raras e dos recursos de Ucraína.

Os mass media tenden a dar unha imaxe equivocada de Ucraína, producíndose unha "san marinización" de Ucraína. Ucraína, contrariamente a esa imaxe que aportan os informativos, é máis grande que España, e ten máis recursos, e un produto interior bruto que, segundo os datos anteriores á invasión de Rusia, era notablemente superior ao de España. Xa na antiga Grecia, as chairas de Crimea e do norte desta península eran ricas en cereais e dela abastecíase Atenas. Esa foi a razón de que aguantase tanto durante a Guerra do Peloponeso: os espartanos e inimigos asolaban os campos, pero eles dominaban o mar, cun Pireo protexido, e recibían cereais da actual Ucraína. Cando España ofrécese a axudar a Ucraína, é como se eu, fisicamente feble, prometese protexer a un tipo máis novo ca min, musculoso, atlético e experto en artes marciais. É dicir… un ridículo e un paripé. Outra cousa distinta é unha colaboración conxunta de Europa, pero Europa está preparada? É lícito ás nacións europeas meterse nunha conflagración que pode derivar nunha IIIª Guerra Mundial para salvar a Ucraína e a Zelensky? Por suposto que iso é o que quere Zelensky. Involucrar a Europa e á OTAN é elemental para a supervivencia do seu país, pero tamén quizais da súa propia supervivencia. Agora, coa chegada de Trump, trocaron as posibilidades da incorporación da OTAN, pero dá igual, xa se está a falar de "exército europeo" e os fabricantes de armas xa están frotándose as mans. Vemos que Polibio tiña razón.

Alemaña, como locomotora económica de Europa, tiña unha vantaxe en relación cos EUA: unha fonte de enerxía barata, o gas ruso. A administración Biden ben sabía isto, e ben sabía que privar a Alemaña desa fonte de enerxía barata debilitaría a Europa. Agora fálase de que con Trump, os EUA deixaron de ser un aliado para Europa, pero todo indica que vén de antes. Había un claro interese na invasión de Ucraína por parte dos EUA. Eu pensaba que a guerra de Ucraína pasaría á Historia como "a guerra do gas". Iso débese a que, unha vez que Rusia perdeu clientes do seu gas, aínda que a día de hoxe aínda hai certa dependencia do mesmo, comezou a chegar a Europa gas licuado dos EUA: a río revolto… Si, descaradamente Polibio tiña razón: toda guerra tiña motivacións económicas. Pero agora hai un novo cualificativo para esta guerra: a "guerra das terras raras". Cada vez están máis claras as motivacións económicas, e iso sen contar coa industria armamentística e cuns políticos que piden un esforzo en investimentos en armamento con Ursula von der Leyen como portavoz dos belicistas.

Pero claro, dicir que a guerra de Ucraína é a "guerra do gas", ou a "guerra das terras raras", non axita demasiadas bandeiras nin alimenta explosións de patriotismo. Hai que enmascarar todo con boas intencións. Europa non se vai armar e ver os seus mozos morrer para defender as multinacionais, hai que maquillalo todo. Europa ármase, así, para defender os valores europeos, a paz, para frear o neo-imperialismo (termo este moi manido nos mass media ultimamente), todo moi "progre" e todo moi "Axenda 2030", de feito ata Alemaña substituíu en parte a súa dependencia do gas ruso con enerxías verdes. Cren ver a Putin como un novo Hitler, Europa trabucouse no seu intre pensando que Hitler ía deterse tras a Anschluss de Austria e tras a invasión dos Sudetes checos, consideradas por Hitler como terras irredentas de Alemaña. O premier británico Neville Chamberlain, incluso esgrimía un documento onde Hitler comprometíase a non ir máis aló. Por suposto, Hitler non se quedou aí. Cren ver que Putin, ese novo Hitler, non se conformará co que lle poida quitar a Ucraína, e logo entrará en Polonia, Finlandia, etc. Precisamente, co "Pacto Molotov-Ribbentrop" de 1939, Alemaña e a URSS repartíanse estes países. Cren ver unha repetición dos prolegómenos da IIª Guerra Mundial, pero cunha Alemaña, neste caso, no bando dos bos.

Agardo que non esteamos nos prolegómenos dunha grande conflagración en Europa, para beneficio das industrias armamentísticas. España tomou un claro partido na mesma, incluso, antes de que Putin invadise Ucraína, enviou á fragata "Blas de Lezo" ó Mar Negro, fragata que saiu dende Ferrol. E si nós sabemos iso, tamén o saben en Moscú, como para sentirse tranquilos. Non sei, sempre que España métese en conflictos, parten sempre dende Galiza, se non é Ferrol é a "Brilat" de Pontevedra. No resto de España semella que só lucen uniforme como se unha Leonor fosen. Non á guerra!!!, pero a nengunha.