Xeración perdida?... Non, xeración roubada. O reino de Cronos

26 de enero 2025

Non deixan de adularnos, dicíndonos que somos a "xeración máis preparada", pero todo quedou en paripé, sen molestarse en darnos unha oportunidade, mentres poidan estar un ano máis na súa posición de macho alfa.

Cando moitos dos nosos pais, á nosa idade, eran máis novos ca nós, tiñan en propiedade máis dunha vivenda; pola contra, nós somos incapaces de ter unha soa. Esta é unha reflexión que moitos da miña xeración, nados nas décadas 70 e 80, facémonos a diario. Os da miña xeración temos sensación de ser fillos daquel Cronos que devoraba os seus propios fillos, temendo ser destronado. Vémolo na clase política, na clase dirixente, nos consellos de administración das empresas do IBEX-35, na cima da carreira xudicial: son todos, ou a meirande parte, desa "xeración de Cronos", e nalgún caso son membros xa dunha xeración posterior á nosa, que xa están petando na porta mentres os nosos proxenitores aínda non abandonaron a súa posición de prestixio. De feito, néganse a abandonar esa posición, desexando morrer coas botas postas ou durante unha excursión do IMSERSO, mentres son servidos por un mozo ou unha moza camareira, que sabe tres idiomas e ten unha preparación que converte a súa en ridícula. Non deixan de adularnos, dicíndonos que somos a "xeración máis preparada", pero todo quedou en paripé, sen molestarse en darnos unha oportunidade, mentres poidan estar un ano máis na súa posición de macho alfa.

Esa "xeración de Cronos", que accedeu a cargos directivos sen saber idiomas, nalgún caso sen estudos superiores, puxo todo tipo de trabas á xeración seguinte: inglés de alto nivel, cando eles eran incapaces de dicir dúas palabras en inglés seguidas, carreiras, máster, e toda unha longa lista de esixencias. No mundo académico universitario, comezaron a esixir que os novos doutorandos fixeran carreira fóra da Universidade de orixe, cando eles nunca o fixeran. Incluso, para acceder a determinados programas de doutoramento, che esixen un alto nivel de inglés. Eles colleron o mellor momento, entre a penuria dos seus pais e a angustia dos seus fillos. Din que moitos tiveron que emigrar, como agora, só que eles facíano cun contrato laboral debaixo do brazo e sen saber dúas palabras do país ao cal ían. Proba ti agora a facer iso.

Os aliados desta "xeración de Cronos" é a clase política, que prefire subir as pensións a solucionar o problema da vivenda da xente moza. Pero o problema é que os da miña xeración non somos beneficiados por unha nin outra cousa, xa que non somos pensionistas, pero tampouco somos parte da mocidade, esa xeración que xa esixe trepar ata o trono sen que a nosa se puidera cinguir o loureiro. Que conste que está moi ben a subida das pensións, sobre todo tendo en conta que moitos da miña xeración teñen que vivir na casa dos seus pais, beneficiándose, de xeito indirecto, dese aumento das pensións.

No mito, Zeus foi salvado por un engano e acabou destronando a Cronos; pero na vida real non vai pasar o mesmo. Está todo atado e moi atado, e contan co apoio dos poderes para perpetuarse como macho alfa sen lles ceder un turno aos fillos, e cos netos xa esixindo o seu posto no reparto do pastel. Unha xeración perdida? Non, unha xeración roubada. Roubada por unha xeración que do idealismo pasou ao aburguesamento.

Eu formo parte deses individuos nados en España nos anos 70 e 80 e que temos que vivir na casa dos nosos pais. Silenciados, dándonos cun muro de formigón, cun mercado laboral ríxido que defenden os machos alfa da manada, que sacan os seus colmillos e zarpas para que non nos movamos do status quo que tanto lles beneficia. Pídennos que rendamos pleitesía a algún caciquiño, a algún macho alfa da xeración anterior; algúns o fan e logran beneficiarse das migallas, dalgunha prebenda. Os que non accedemos a render pleitesía, e por iso non accedemos a ese mercado laboral tan ríxido e que se negan a liberalizar por presión duns sindicatos a nivel estatal que son o máis lucido desa "xeración de Cronos", chámannos vagos, que non temos traballo xa que "non nos movemos". É innumerable o número de curricula que presentei, rebaixando as expectativas en relación coa miña formación ata o insulto; nunca me contestaron. Neses servizos de recursos humanos, os nosos curricula son tirados ao lixo por membros da xeración seguinte, que accedeu a traballar como cipaios para a "xeración de Cronos" para poder gozar dunhas migallas do pastel cedidas polos patriarcas. E, entre ambas xeracións, a que se nega a declinar e a que loita por erguerse, a miña xeración apodrece sen ver medrar os seus froitos. Cando falan de "edadismo" menten, deberían chamalo "ostracismo dos nados nas décadas 70-80", xa que os que teñen xa certa idade non son molestados por ese "edadismo", só o somos nós.