O maltrato non entende de pasaportes

31 de mayo 2026

Continúa avanzando o ano, e, con el, a incesante escalada de violencia de xénero e de violencia vicaria, que, lonxe de ir a menos, medra de día en día.

Cando aínda non chegamos ao seu ecuador, 22 mulleres e 3 menores perderon a vida vítimas da violencia machista máis cruel, nunha gran parte dos casos, por fallos máis que evidentes do sistema, un sistema que a Sra. ministra e as súas “acólitas” seguen “estudando”, pero sen facer nada por tentar que se corrixan as súas máis que evidentes eivas, que elas abondo teñen con gastar cartos, cartos e máis cartos.

E iso ocupa moito tempo, ¡que ninguén pense o contrario!

E, cada vez que un destes asasinatos aparece publicado nun medio de comunicación, non falla, nos comentarios, por chamarlles algo, porque, nalgúns casos, cada vez máis de feito, máis que comentarios son auténticas animaladas e faltas de respecto, non falta a pregunta “irónica” de rigor, que xa é un “mantra” que se repite día si e día tamén, e que, no meu caso, particularmente, teño que dicir que me dan ganas de dicirlles catro cousas ben ditas a cantos o repiten, e que non saben nin do que falan: “Nacionalidade?”, dando por sentado que a inmensa maioría son cometidos por estranxeiros e que aquí, na nosa “impoluta” España, non suceden estas cousas, ou que, en todo caso, son feitos illados.

Pois ben, mal que lles pese a estes “expertos”, nada máis afastado da realidade.

Outra cousa é que se lles dea máis relevancia, que se coñezan máis, mentres que os cometidos polos “nacionais” se silencien canto é posible ou mesmo se agochen, sobre todo se o maltratador ou feminicida pertence a certos eidos “de ben”, ou porque as súas vítimas, no caso de sobrevivir ás agresións, opten, por puro pánico, por non continuar adiante no caso de que teñan denunciado, ou, sinxelamente, solicitado axuda ou asesoramento, sendo, ademais, dolorosamente conscientes de que as súas posibilidades de chegar a bo porto son moi escasas, se é que existe algunha.

En Si, hai saída, como xa explicamos en máis dunha ocasión, o noso traballo é, fundamentalmente, “de campo”, en contacto directo coas vítimas, e, en 12 anos que levamos funcionando, xa temos visto e escoitado case de todo, e todo moi real.

Non saberemos moito de estatísticas, nin de teorías, nin de boas palabras e discursos politicamente correctos, pero de experiencias reais temos xa unha ampla bagaxe.

É certo que, a medida que a poboación estranxeira vai aumentando, hai diferenzas culturais e sociais que se van percibindo cada vez máis, e que son moitas as mulleres e os homes, sobre todo se proceden de determinados países, que dan por sentado que as mulleres teñen que ser submisas, acatar as ordes e desexos das súas parellas, extremadamente machistas, e, si, soportar máis dunha agresión, pero non o é menos que a inmensa maioría o ve como algo normal, algo que vai implícito na súa condición de mulleres, o mesmo que a súa obriga de estar sempre perfectas para eles, entre outras, e mesmo nos critican a nós, as españolas, por non compartir tales barbaridades.

Máis dunha nos ten dito que nós non sabemos reter aos nosos homes, porque, para elas, o fundamental é iso, retelos ao seu carón, malia que a algunha lle chegue a custar a vida, porque é o seu estado natural, algo que non conciben doutro xeito.

Elas traballan, coidan e crian os fillos, atenden, como non, a súa casa, e eles, se é que traballan, porque en non poucos casos tamén son elas as que sosteñen economicamente o fogar, o tempo que teñen libre o van pasar no bar ou mesmo de festa, se se terza, gastando o que elas gañaron, case sempre con moito esforzo.

Pero a realidade é que moi poucas mulleres que están a vivir esa realidade se achegan a nós para tentar poñerlle fin.

Se o fan, é, case sempre, por cuestións materiais, e que ninguén me interprete mal.

Estou a referirme a posibles axudas económicas, prestacións, etc., etc., que sexan compatibles cos seus traballos, pero, ollo, sen romper a relación con eles.

Mesmo nos chegan a solicitar que lles aconsellemos pautas para convivir con eles, soportando situacións de verdadeiras aldraxes, entre as que se atopan, por suposto, ademais de infidelidades, máis dunha situación violenta, pero, engaden, cando elas traballan e hai cartos, eles, din, deixan de comportarse así... Tremendo! O curioso é que, na maioría dos casos, non semellan estar atemorizadas. Sinxelamente, non queren perdelos.

Soamente amosan temor cando eles ameazan con quitarlles os fillos, ameaza que se dá con frecuencia, precisamente por iso, porque eles saben que funciona, ou cando, se as cousas se deron ben, teñen algún ben en común, lles din que llos van arrebatar, sobre todo se se trata dunha vivenda.

Tamén empregan moito o “argumento” de que, no caso de separarse, as van denunciar por abandono do fogar, e canto facemos por convencelas de que hai moito que ese delito xa non é tal en España, adoita ser inútil, pero, en calquera caso, reiteramos, separarse ou romper a relación cos seus maltratadores non é unha posibilidade que elas adoiten ter en conta.

Pola contra, cando se trata de mulleres españolas, son moitas, a maioría, as que chegan autenticamente aterrorizadas solicitando axuda, pero máis asustadas, se cabe, ante, no caso de decidirse a denunciar o seu agresor, as consecuencias que isto pode provocar para elas e para os seus fillos.

Moi poucas veces priorizan os bens materiais. O que reclaman desesperadamente é protección para elas e para os menores, sendo moitas as que mesmo renuncian aos bens ou beneficios económicos que, por dereito, lles corresponderían, a cambio de romper esa relación o máis rapidamente posible, e comezar unha nova vida, cos seus fillos, sen medo.

Estamos a falar de parellas aparentemente normais, mesmo que proxectan unha imaxe de excelente harmonía, nun gran número de casos cunha posición social e económica envexábel, irreprochábeis... de cara á galería, porque, en canto as portas da casa se pechan, remata a película romántica e comeza a de terror.

A violencia de xénero non é patrimonio de ningunha nacionalidade, e, admitámolo, en España non estamos, a día de hoxe, para dar precisamente exemplo.

Non confundamos. É certo, e non podemos negar a maior, que, en certos tipos de altercados, a presenza de persoas de certas nacionalidades é moi numerosa e semellan estar sempre presentes, pero, no que atinxe á violencia de xénero, polo menos a día de hoxe, non hai moito lugar a chegar a certas conclusións.

Outra cousa é o que transcenda e o que non, pero o que si podemos asegurar, e falamos por experiencia, é que, se de algo non entende a violencia de xénero, é de pasaportes.

Asociación Si, hai saída

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita

Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.

Activar ahora