Ante a odisea da chegada a Pontevedra da pintura "A derradeira leición do mestre”, similar á parafernalia que montaron coa traída dos restos do seu autor aproveitando a senectude de Teresa, non así Amalia, a filla do mestre asasinado que conserva memoria e dignidade en perfectísimo estado. Estes aconteceres tráenme á memoria unha noticia publicada neste mesmo medio alá polo 27 de xaneiro de 2025 baixo o titular " Cultura en forma de receita para mellorar a saúde mental ". Os artífices de tan singular método son dous médicos; por unha banda Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación e, pola outra, Xosé Flores, ex xerente da área sanitaria Pontevedra - O Salnés. Nas dependencias do Museo, estes dous galenos asinan un protocolo para botar a rodar a sua idea, sen máis colaboradores, especialistas nin expertos na materia. Din que os enfermos mentais, en contacto coas artes, poden aforrar en tratamentos e mesmo evitar entrar nun psiquiátrico. Así de doado; así de sinxelo. E así (cito textual) a Deputación de Pontevedra e a Área Sanitaria de Pontevedra - O Salnés poñen en marcha un programa piloto de prescripción cultural, a propósito…que foi del ? É posible que estes dous doctores teñan ben estudiada a lección pero teño as miñas dúbidas pois nos seus avultados currículos non figura nin psiquiatría nin psicoloxía. Repito: que foi da brillante idea ?
Por todo isto penso que se trouxeron da Arxentina un cadro tan grande como "A derradeira…” (o "Guernika galego”, como lle chamou máis dalgún atordado) …será só para casos graves. E se máis graves houber, terán que ir contemplar o grande alá ó Raíña Sofía.
Malia parecer isto unha chanza, nada hai para min máis serio e sagrado que as vidas e obras de Bóveda e Castelao. "A derradeira leición do mestre” non é un cartel electoral nin é un fotoshop. Facer electoralismo á cósta dos pais da Matria Galega é un sacrilexio, un insulto ó povo…carroñeirismo puro e duro.
Teño arelas de ver de preto esa obra de arte, non por reparar o cerebro polo método Flores-Domínguez, senón pola admiración e respeto que me merece o seu xenial autor e o seu gran amigo, o mestre asasinado e a súa entrañable familia.
Alexandre e Afonso Daniel foron dúas persoas boas, xeniais. Dous amigos que nunca mal fixeron pero que foron perseguido e asasinado polos golpistas por mor de aterrorizar ó povo. Daniel foi arrincado de La Chacarita en Buenos Aires, a súa terra de acollida. O Mestre foi asasinado na Caeira un 17 de agosto que os reaccionarios non queren instituir como Día da Galiza Mártir. Loor ós dous heroes.

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita
Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.