Á oliveira por Palestina roubáronlle a placa

15 de agosto 2025

Alguén sen conciencia roubou a placa que as xentes colocaron a carón dunha oliveira que plantaron para que, ao pasar, ninguén se esqueza do xenocidio de Gaza

Agosto de calor, fume e cinza de incendios, de seca que fai mudar o verdor da herba e desertiza o chan; de cando madurecen as uvas e murchan as flores das acacias de Constantinopla nas Corvaceiras, onde vai morrer ao Gafos logo de recuperar a luz perdida ao seu paso por Campolongo. Vai paseiño o río ata mergullar as súas augas limpas na ría, grazas á laboura desinteresada dos de Vaipolorío, que sacrifican o seu tempo de lecer nos amenceres dos domingos, mentres a cidade aínda dorme, para limpar o río que todos emporcamos a cotío. Agardóos no alborexar do día, na pola, nun ameneiro, un merlo que canta para eles en recoñecemento ao labor que fan de limpeza e conservación do Gafos.

Mentres, na boa vila, alguén sen conciencia roubou a placa que as xentes que teñen sensibilidade cos nenos e nenas, familias enteiras, periodistas, voluntarios e sanitarios que son asasinados a cotío (e o que é máis cruel: ás que deixan morrer de fame ou tiroteados cando están nas colas da fame mendigando algo de comer), colocaron a carón dunha oliveira que plantaron para que, ao pasar, ninguén se esqueza do xenocidio de Gaza. Ninguén que teña un pouco de sentidiño pode ignorar que iso non é unha guerra: iso é un masacre consentido do que nos decataremos cando sexa demasiado tarde, como aconteceu co Holocausto.

Noraboa ao goberno local pola iniciativa da pancarta de apoio a Palestina e do cartel para poñer nos comercios. Son iniciativas, xunto con moitas máis de cidadáns e asociacións, que nos dignifican como seres humanos que non permanecen indiferentes ás inxustizas, sobre todo cando son contra xentes empobrecidas por unha guerra que non entenden, sen saber que mal fixeron, só nacer nunha terra sen casas, comida nin auga. Que nada teñen, e cando lles chega axuda, non lla deixan recoller porque os soldados os tirotean como se fosen alimañas. E, aínda sabedores do risco, as nais desesperadas tratan de buscar algo de comida para que os seus filliños non morran de fame, como está a acontecer a cotío.

É triste ter que escribir de guerra, fame e lume cando a nosa cidade está en plenas festas da Peregrina, e todo debería ser alegría e bullicio. Pero tamén é doado que, de cando en vez, nos lembremos das desgrazas que non nos son alleas: que os asasinatos de nenos e nenas de Gaza non nos son indiferentes, nin as xentes que arriscan a súa vida chegando en pateras na busca dun paraíso que non existe etc. Xa dicía Rosalía de Castro"Triste é o cantar que cantamos, pero que imos facer se outro mellor non hai".

Boas festas. Que siga a cantar o merlo.