13 de octubre 2025

Estaba de "guiri" polo sur de Andalucía cando saíron á luz os vídeos das declaracións do caso do Fiscal Xeral do Estado. Sorprendido, tiven que facer unha paréntese no meu lecer para ver e escoitar de vagar, estes vídeos. De entrada que non soubera polo que levan contado os medios. Non o lera nin escoitara antes a declaración de Miguel Ángel Rodríguez (MAR) no xulgado. Creo entender, e isto é unha interpretación miña do que escoitei, que Miguel Ángel Rodríguez recoñece que puxo en marcha unha loiada (bulo) polo caso dos, presuntos, delitos fiscais cometidos pola parella da presidenta da Comunidade de Madrid no que daba a entender que o fiscal encargado do caso dos, presuntos, delitos fiscais lle propuxera un "pacto de conformidade", como se propoñen ao longo do ano moitos do mesmo tipo, mais neste caso engade que a proposta foi "boicoteada desde arriba". Supoño que ese desde arriba fai referencia ao Estado, Moncloa ou directamente Pedro Sánchez. Ou é que se refire ao Fiscal Xeral do Estado?. Síntoo pero interpretar este vídeo fáiseme difícil. Ou o Goberno ou o Fiscal, non é?.

Creo entender que acusou o Fiscal xeral do Estado de cometer un delito sabendo que non era así a cousa. O máis pavero é como xustifica as súas palabras, di: "eso no es información, es que tengo el pelo blanco". Meu pai, calvo desde os 21 anos, diante dun comentario coma este acabaría dicindo: "así cun par, hai que telos cadrados para dicir isto é quedar tan pancho". Así era meu pai nunca lle deu vergonza ser calvo, é máis presumía con brincadeira: "viches a algún burro calvo". Gustaríame contar con meu pai para que me dera unha opinión sobre o tema. Xa non pode ser. Seguro que botaríamos unha risas diante de tan grande parvada xustificativa.

Eu nunca poderei ser como Miguel Ángel Rodriguez. Non poderei ir xustificar nada a ningún xulgado baseándome na cor do meu pelo. Pola barba si, teño a barba branca, o pelo non. Conservo a cor do pelo que tiven sempre. A miña amiga Chelo preguntoulle á miña muller que tinguidura usaba para ter esa cor, que ela tiña moitas canas. Díxolle que non me tinguía, non o cría, dicía que non podía ser, que lle levo cinco anos, que non é normal. Fico preocupado, si vou facer unha declaración a un xulgado a miña declaración, en vez de atenuante, vai ser agravante pola cor do pelo.

Andei preocupado unha horas. Ao final o que fai todo o mundo. Consultei na internet o caso. A IA, xa se sabe. Mi ma, vaia conclusión. En ningún lado esta contemplado que ter o pelo branco sexa atenuante nunha declaración. A cor do pelo como atenuante, ou agravante, non figura nin no Código Civil (Real Decreto de 24 de xullo de 1889 polo que se publica o Código Civil, correxido), nin no Penal (Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal) nin na Constitución Española. O triste de todo isto é que un periódico como El Mundo publicou esta loiada, sen contrastar, só porque o dicía MAR. Aquel que ás preguntas do noso Manuel Jabois ("¿Que cómo lo sé? Mire el color de mi pelo" El País 11/10/2025) sobre si bota de menos a manipulación responde: "Absolutamente, pero no como una expresión mala. No una manipulación contraria a la verdad, no es una mentira".

Xa non sei que pensar. Asusteime cando MAR lle escribeu a Esther Palomera, adxunta á dirección de elDiario.es, aquilo de: "os vamos a triturar, vais a tener que cerrar, que os den, idiotas". Cada vez determinada política deste se parece máis á que desenvolve Trump no EEUU, non importa a verdade, importa o relato . Manipulando mal vamos. Évos o que hai.