Hai moita falta de ignorancia ou sobran eucaliptos?

15 de septiembre 2025

Andrés Núñez Rajoy pregúntase "a que ben que Rueda insistira tanto nese 0,2% de superficie queimada de eucalipto, cando é testemuñal en Ourense?. Non sería para marcarlle o terreo a aqueles que manteñen que o eucalipto é o responsable de moitos lumes en Galicia?"

Anda o amigo Antón rosmando por mor das opinións sobre os incendios. Da pouca preparación dalgúns dos que falan. "O que hai é moita falta de ignorancia”— dime con sorna. Ten moita razón. A manipulación da TVG e RG, e medios afíns á Xunta foi escandalosa. A realidade contábaa o persoal que apagaba o lume nas súas redes. Nin Rueda, nin a TVG, nos falaron nunca dos incendios en Pena Trevinca ou o Invernadoiro. O uso dos medios para rebaixar a cifra de hectáreas afectadas comezou cando Feijóo era secretario xeral técnico da consellería de Agricultura converténdose en tradición na Xunta co PP na presidencia.

Mais si a falta de ignorancia ten un representante ese é o presidente da Xunta. Non quere pasar das 95.000 ha queimadas do goberno bipartito, non vaia ser. Unha parvada, agora xa se sabe todo. Segundo os datos do programa Copernicus co Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (EFFIS) xa son máis de 158.000 hectáreas queimadas. (https://www.copernicus.eu/es/sistema-europeo-de-informacion-sobre-incendios-forestales).

Sistema europeo de información sobre incendios forestais
Sistema europeo de información sobre incendios forestaisUnión Europea

 

Se alguén é capaz de dar un chimpo cara atrás con tres mortais, na categoría de falta de ignorancia, ese é Alfonso Rueda. Diante dos medios dixo que "o 60% do que ardeu era matogueira, monte baixo; e unha parte importante, que vemos cando circulamos pola estrada, de pedras, que tamén computan como superficie”. Así, a peito aberto, sen mancarse. Este home non ten nin idea do que é a biodiversidade. Como di o investigador do CSIC, e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural(SGHN), Serafín González, "o monte raso non é sinónimo de maleza nin sucidade”. A matogueira é un hábitat no que viven numerosas especies, tanto da flora como da fauna. Os que teñen falta de ignorancia non saben que estes espazos están considerados de conservación prioritaria pola UE. As matogueiras soen estar en zonas de moita pendente, en lugares altos e solos de pouca profundidade. Na flora destacan as carrouchas, queirugas ou urces (Erica spp), toxos e xestas. A fauna é moito máis diversa , vai desde os réptiles, anfibios, micromamíferos, insectos e aves. Alí aliméntanse e refúxianse. Moitas destas especies teñen moi complicado o poder fuxir do lume.

Nas aves hai dúas singulares que fan o niño no chan das matogueiras. Son a tartaraña cinsenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyanesus). Nas zonas lindeiras con León e Zamora tamén lle afecta moito a charrela (Perdix perdix) a aguia real (Aquila chrysaetos).

Na comparecencia de Alfonso Rueda contou que o 60% era matogueira, que o 13% coníferas, o 5% frondosas, e insistiu varias veces en que o eucalipto era o 0,2%. Parecía que facía unha clasificación da importancia dos incendios segundo o que arde. Nesa declaración inventou a "clasificación Rueda de importancia dos incendios” o primeiro posto é para as plantacións de eucaliptos. O segundo posto son as coníferas. Ségueno as frondosas, logo as matogueiras ou monte raso. No último posto os camiños e pedras, que tamén arden na "lista Rueda”. É o que ten a falta de ignorancia, que é moi atrevida. Si Alfonso Rueda tivera falado con Serafín González contaríalle que as lapas de toxos, xestas e queirugas poden acadar os 6 metros de altura e son máis fáciles de atallar cando chegan a unha pista ou a un corta lume, liberan menos enerxía que as lapas de piñeiro ou eucalipto que superan os 30 metros. A fauna das matogueiras que arderon en Ourense e Lugo é moito máis elevada que a de todos os eucaliptais de Galicia xuntos. Debaixo dos eucaliptos apenas hai vida.

Entón a que ben que Rueda insistira tanto nese 0,2% de superficie queimada de eucalipto, cando é testemuñal en Ourense?. Non sería para marcarlle o terreo a aqueles que manteñen que o eucalipto é o responsable de moitos lumes en Galicia? Se somos sinceros sabemos que os eucaliptos sobran, mais a sombra de ALTRI é alongada e hai que apoiar o eucalipto. Se o señor Rueda fose un presidente deste país, como deus manda, nas zonas queimadas prohibiría a caza durante varios anos e as plantacións de eucaliptos "in eternis”. O contrario é falta de ignorancia e desleixamento do País, o que sobran son os eucaliptos.