O vindeiro 23 de abril será o día do LIBRO, ese mesmo libro que non leron aqueles que noutro 23 de abril -o de 2001- entraron a saco na Praza de Praceres en Lourizán armados ata os dentes e repartindo lenha á torta e á dereita. Recuperaran un obsoleto proxecto do século XIX e levárono a cabo, sen ningún pudor, no XXI. Pero remontémonos un pouco.
O velho trazado do ferrocarril veu atalhando pola ribeira cun recheo de pedra e terra que arruinou o litoral mailo rosario de calas que alí houbo. Este foi, se calhar, o primeiro dos absurdos. Pasado un tempo, unha cacheira pensante argalhou facer un muro recto polo medio do mar emtre Pontevedra e Praceres, camuflado de "importantísimo" vieiro entre portos. Este vial mailo recheo do ferrocarril foron os muros de contención da celulosa con cargo ó erario público e recheados coa area do banco marisqueiro. Máis barato imposible, e máis absurdo tampouco.
A celulosa comezou roendo o chamado "pino pináster", logo pasouse ó eucalipto e aí empezou misteriosamente, a arder o monte por tódolos costados. Non tardarían en arder tamén misteriosamente certos expedientes médicos en Lérez.
E así, tras unha xeira de intervencións calamitosas en Lourizán, veu o tren. O 23 de abril de 2001 arrasaron a praza de Praceres. Que ese tren, que vén de algures, acugulado de eucalipto para a celulosa, vai ata o porto coa madeira que volve á pasteira pola obsoleta estrada 546 en camións co correspondente perigo engadido para os usuarios. Por que non entra o comboio na fábrica, nunha vía paralela, abaratando o importe da madeira e desconxestionando a vella 546 ? Ninguén dá explicacións pero haber, hainas.
Absurdo foi aquel intento de armar un varadeiro en plena praia da Posta que non foi arriba porque os veciños improvisaron unha carpa e fixeron garda día e noite a uns camións moi ben escoltados. A Posta é a única praia mariña que lle queda a Pontevedra (as demais fican baixo a celulosa) e que foi salvada pol@s afout@s vecuñ@s de Praceres. Este feito, que moitos lembramos, foi sibilinamente borrado.
Absurda é esa "Avenida" que abanca a auga do mar cando as mareas vivas. Irrespetuosas, surrealistas e absurdas son as solucións que propoñen para erradicar os pasos a nivel que hai na praza sobre os que existe unha sentencia firme que non debe de ser moi firme pois ningún dos promotores do tren se dá por aludido.
Teño a impresión de en Lourizán existe un baleiro legal onde calquera que teña cartos pode facer e desfacer ó seu antollo e con total impunidade. Semella ser unha especie de "terra de ninguén" onde se pode levar a cabo calquera insensatez sen arriscar nada. E a cousa non remata aquí. Cada inverno, a rúa do Santo, convértese nun canal veneciano.
Este vindeiro 23 cumpriránse 25 anos en que a praza dos Praceres foi invadida por diversos esbirros do capital. Un cuarto de século xá…E parece que foi onte !