Sabiades cal era a verdadeira orixe do símbolo do dólar norteamericano?

20 de enero 2025

Verdadeira? Si, a verdadeira. Nos últimos tempos popularizouse, coma miúda curiosidade histórica, unha explicación que ten que ver co Real de a Oito, a senlleira peza de prata española, e o escudo de España acuñado nela, coas súas dúas columnas cinguidas pola banda que reza PLUS ULTRA a cadanseu lado do brasón central.

Real de a Oito, paleografía e dólar americano
Real de a Oito, paleografía e dólar americano@Davide Castelo

 

Verdadeira? Si, a verdadeira. Nos últimos tempos popularizouse, coma miúda curiosidade histórica, unha explicación que ten que ver co Real de a Oito, a senlleira peza de prata española, e o escudo de España acuñado nela, coas súas dúas columnas cinguidas pola banda que reza PLUS ULTRA a cadanseu lado do brasón central.

As columnas son as míticas columnas de Hércules, que seguindo a lenda, tería colocado o heroe no estreito de Xibraltar pra dar a entender que até alí chegaba a cousa, que non había máis alá, que traspasalas dende o Mediterráneo significaba introducirse no tormentoso Océano, cheo de monstros e horrores ancestrais gregos, navegar atoleirados cara a Fin do Mundo, cara un suicidio certo.

Así que ao principio era NON PLUS ULTRA, non máis alá. Logo, claro, si que había cousiñas máis pra alá, e Carlos V mandou quitar o de NON. De xeito que o novo lema berraba, casualidade ou non, España e América, da man. Nós enfrontamos o medo, fomos afoutos, singramos máis alá e topamos América. Agora somos un. Lirismo heráldico-patriótico do bo. Non fai falla letra no himno, que alguén veña e supere iso.

Sigamos polo carreiro. Na explicación que se fixo popular concluíase que o famoso símbolo norteamericano do $ viña sendo un esqueumorfismo –isto é, un deseño derivado dunhas formas orixinais que nada teñen que ver coa funcionalidade ou destino posterior– da banda do PLUS ULTRA, que debuxa coma un "ese", e as columnas, que serían a raia ou raias verticais que a atravesan. E voilà, branco e en botella.

Derivación esqueumórfica que explicaba a evolución
Derivación esqueumórfica que explicaba a evolución@Davide Castelo

 

Mais non. Non era iso. Devén do Real de a Oito, si. Pero semella tirar un pouco pola tanxente.

Disque vai de como se levaban as contas no século XVI e XVII, e de como se poñían por escrito, en documentos oficiais e comerciais, principalmente. Tema paleográfico, de escritura manual, pois.

Lembrade esa angustia, esa apocalipse gráfica, que che chega, instrumento de escritura en man, cando o bordo do papel está a rematar pola dereita e a derradeira palabra non cabe. Se é un título que pretendías centrar, a cousa é aínda máis terríbel. Vaslle reducindo o tamaño ás letras nun intento van de que aquilo remate decentemente. E sempre queda mal. Polo menos se é o final de liña nun texto, temos o bendito guión pra tronzar e palabra e seguir como se nada tivese pasado. Marchamos con disimulo á seguinte liña, e aí queda.

Primeira aparición do símbolo $ nun documento oficial dos Estados Unidos (bono de débeda asinado por George Washington en 1
Primeira aparición do símbolo $ nun documento oficial dos Estados Unidos (bono de débeda asinado por George Washington en 1972 Dominio público

 

Como os desafíos da escrita foron sempre semellantes, en tempos medievais e modernos xa se empregaban as útiles abreviaturas, guións, raias, símbolos, etc., que te sacaban dun apuro ou evitaban que te meteses nun.

Vaiamos logo aos libros de contas. Daquela, digamos ao pouco da Descuberta de América, cando eran cantidades grosas falábase en ducados de ouro, ou en míseros marabedís cando eran curtas. Pero a raíña, a moeda usual de conta sobor do papel, era o Peso Duro, o Peso Fuerte, o Real de a Oito.

Poñíanse as cantidades a sumar a carón do seu concepto e, ao rematar a columna numérica, o resultado. Dáballes, eu que sei, cen. Pois escribíase así: "100 Ps.", sendo ese "Ps." unha abreviatura de Pesos. E o "ese", en superíndice, rematábase en moitas ocasións cunha reviravolta que o facía semellar case un "&" ("P&.") do revés, é dicir, un "ese" cunha barra oblicua, que en realidade non era máis que un remate ou serifa estilística. Atópanse exemplos disto dende principios do século XVI.

Evolución paleográfica do “Ps.” de Pesos
Evolución paleográfica do “Ps.” de Pesos@Davide Castelo

 

Os anglosaxóns botaron axiña man dos mesmos "Ps." e "P&.", dándolle progresivamente máis importancia ao pequeno "ese" que ao "pe", sinxelamente porque o deron en asociar con "silver", prata, e mesmo con "spanish", español, que lles tiña máis sentido. O "pe" rematou por se converter nun trazo lineal elemental, case noutra barra xunto á serifa da "ese". E é que eles non lle chamaban Peso ao Real de a Oito e, claro, o tal "pe" non lles dicía nada.

E de aí viría, en realidade, o símbolo do dólar estadounidense. Desta obvia e contrastada evolución paleográfica. Un pouco polo mesmo modus operandi que rematou por crear o "eñe", que era unha raia enriba dun "ene" pra indicar abreviatura doutro "ene", xa que, orixinalmente, era un "ene" dobre.

Igualmente, a abreviatura lb de libra pondo (nome en latín orixinal da libra esterlina que derivou en pound), indicábase c
Igualmente, a abreviatura "lb" de "libra pondo" (nome en latín orixinal da libra esterlina que derivou en "pound"), indicábase cunha raia horizontal, e foi orixe paleográfico do signo £ e mesmo do símbolo #, que tamén indica unha conta numérica @Davide Castelo

 

O emprego da abreviatura "Ps."/"P&." e logo do símbolo $ en territorio norteamericano ven de antes da súa Revolución, da súa Guerra de Independencia, de antes que, oficialmente, o Dólar fose a súa moeda.

Porque xa se manexaban no século XVII cos Reais de a Oito nas Trece Colonias, o mesmo que no resto de América, Europa e Sueste Asiático. De feito, o famoso columnario, coa banda envolvente arredor, non se acuñará nos Pesos até 1723, e a abreviatura "Ps."/"P&." xa a poñían por escrito moito antes desa data na América Setentrional. Polo que non hai espazo prá dúbida. Cando menos no que respecta a que o $ non foi tomado, coma debuxo esquemático, do emblema hispano de banda e pilastras dos Reais de a Oito.

Como dicía, alá pola América do Norte colonial non lle chamaban Peso nin Real. Era o Dólar de prata español, o Spanish Daller, que xa circulaba acotío entre os colonos ingleses, de Nova Hampshire a Xeorxia. Antes do Real de a Oito, a moeda de prata de referencia en Europa era o Thaler ou Tálero austríaco. Cando os mercados europeos comezaron a se encher de pezas de prata semellantes, acuñadas nos vicerreinados españois de América, axiña foron denominados Thaller (en francés) e Daller (en inglés), sen maior problema. Obviamente, o chamadeiro migrou cos colonos. Pequena variación fonética mediante, pra cando se independizaron da Pérfida Albión xa se dicía Spanish Dollar.

Imaxe arquetípica da confección da bandeira dos Estados Unidos por Betsy Ross en 1776
Imaxe arquetípica da confección da bandeira dos Estados Unidos por Betsy Ross en 1776Dominio público

 

E nesas, serviu de modelo pró American Dollar, tal como se decidiu na sesión do Congreso Continental de 1789. O que poida que non saibades é que a nova moeda, o American Dollar, e máis o Spanish Dollar, sen adulterar, coexistiron pacificamente nos Estados Unidos até 1873. As moedas do antigo Imperio colonial español foron de curso plenamente legal até 1857, ano no que se recomendou o seu abandono, mais sobreviviron na América rural até a reforma de 1873. Até despois da Guerra de Secesión, até despois de Lincoln, si. Nada menos.

Veredes, todo isto do símbolo do dólar non era máis que unha escusa pra afondar no capo, no Master of the Universe, no GOAT, que foi o Real de a Oito. Porque a grandeza, a inmensidade, desta moeda arxéntea de 24,1 gramos de metal fino e 4 centímetros de diámetro, non remata aquí. Foi a primeira divisa de emprego mundial. O xermolo do que hoxe entendemos por globalización. Chegou a tódalas esquinas, e nalgúns lugares mesmo asolagou o mercado.

Reales de a Oito, dende os arcaicos de cantos irregulares até os dos columnarios máis uniformemente circulares
Reales de a Oito, dende os arcaicos de cantos irregulares até os dos columnarios máis uniformemente circularesDominio público

 

Vou co conto do Imperio chinés e a prata de Manila. Entre 1500 a 1800 as minas da América española produciron arredor do 80% da prata do mundo, do cal máis do 30% rematou en China. Antes da chegada do Real de a Oito hispano, a economía da China Ming baseábase no papel moeda, que trouxera unha tremenda inflación e orixinara unha falsificación masiva. Fiara neste sistema porque as súas minas de prata esgotáranse a principios do século XV. Os galeóns de Manila fóronlles coma auga de Maio.

Os Reais trocábanse por porcelana, seda, perlas, diamantes... Xa a finais do século XVI, as pezas de a Oito suplantaran a tódalas moedas chinas circulantes. Reselábanse, marcábanse con punzón, até que en ocasións ficaban irrecoñecíbeis. Holandeses e británicos, aproveitando que naquela balanza o Peso era rei único e hexemón, levaban tamén a China moedas de prata españolas e traíanse ouro en troques, acadando substanciosos beneficios.

Múltiples reselos chineses en pezas de a Oito
Múltiples reselos chineses en pezas de a OitoDominio público

 

Pra finais do XVIII, o Real de a Oito era na práctica a divisa oficial do comercio no Sueste asiático. E xacando, converteuse na moeda máis empregada da Historia de la Humanidade.

Cando en 1821 cesou a súa acuñación, por mor das independencias hispanoamericanas, China seguía tendo demanda.

O peche da billa conduciu á creación dunha moeda que vos ha soar, baseada no Peso Duro, o Yuan. O glifo chino que en mandarín ten a pronuncia de "yuan" significa "obxecto tanxíbel completamente redondo ou circular".

O mesmo glifo pronúnciase en xaponés "yen". Si, o Yen tamén deriva do Real de a Oito. Igual que a actual moeda coreana, o Won, xa que así se vocalizaba o devandito glifo na súa lingua.

Evidentemente, tamén a maioría dos países que pertenceron ao Imperio español derivan o seu sistema monetario do Peso Duro. Filipinas e sete países hispanoamericanos seguen a conservar a denominación de Peso. Outros once puxéronlle un alcume máis enxebre (bolívares, soles, colóns, lempiras, guaranís, quetzales, sucres, etc.), pero a cousa é a mesma.

Mapa francés do Sueste asiático no s. XVIII, territorio acugulado de pesos nesa centuria
Mapa francés do Sueste asiático no s. XVIII, territorio acugulado de pesos nesa centuriaDominio público

 

Nin que falar dos países que empregan dólares propios, alleos aos dos Estados Unidos, que non son poucos.

Das grandes divisas do mundo actual, só serían catro as que deron fuxido da relación directa co Real de a Oito na súa creación. O euro, por ser unha moeda de convención e converxencia, ademais de relativamente recente. E logo o rublo ruso, a rupia india e a libra británica. Aínda que, curiosamente, tamén xurdiron do patrón da prata e procuraron, nalgúns momentos, estándares semellantes aos do Peso. Un "rublo" era un anaco dunha barra de prata nos tempos de Novgorod, unha "rupia", en sánscrito, significaba especificamente "prata", e a "libra" tomou o nome dunha expresión latina referida a un "peso ou medida de prata" (libra pondo).

En España, o derradeiro homenaxe ao Real de a Oito foi a moeda de 5 pesetas, o Duro. Só era denominación popular, moeda de conta. Facíase moito con vinte duros. Pero xa non había nel nada arxénteo, só era un artello na cábala das pesetas.

Moedas de 5 e 100 pesetas, duros e vinte duros.
Moedas de 5 e 100 pesetas, duros e vinte duros.© Ruralvía

[Imaxe 09: Moedas de 5 e 100 pesetas, duros e vinte duros. © Ruralvía]

E até aquí. Agora si, fico satisfeito. A miña crónica do Real de a Oito foi curta, mais agardo que chegase pra vos mergullar na magnitude do seu ronsel de prata. God Bless the GOAT!