Señora Ayuso, chamando a terra!

27 de abril 2025

Comentábame hai un par de días un amigo meu que teño unha notable intuición que me permite definir a personalidade das persoas.

Non sei se isto é así ou non, pero, como lle dixen a el, si que hai moitas delas coas que sinto un certo "ruxe-ruxe", un termo moi pouco ortodoxo, ou máis ben nada, ben o sei, pero creo que claramente descritivo, que, se se trata de persoas da miña contorna é, naturalmente, máis intenso, pero que podo chegar a experimentar mesmo con certos personaxes públicos nas súas aparicións nos medios, por exemplo, e, obviamente, moitas veces non chega a saberse se os meus receos son ou non fundados, pero outras, e non o digo por gabarme, nin moito menos, si que atino de cheo.

Non estou a comentalo, reitero, como un mérito, nada máis lonxe da miña intención. Trátase, sinxelamente, dunha característica que forma parte da miña personalidade, e que na práctica, de nada serve se algunha vez tento utilizala como argumento para evitar certos males, porque a intuición, sen probas tanxibles, de nada vale, por moi desesperante que ás veces isto me resulte, porque estou vendo claramente o que ninguén semella percibir.

Pero se hai alguén que se escapa a esta capacidade, característica, ou como cada quen lle queira chamar miña, é Isabel Díaz Ayuso, a presidenta da Comunidade de Madrid, teño que confesalo, porque, francamente o digo, non teño nada claro se, á vista de certas actuacións súas, e, algo moi importante para min e no que me fixo moito, a súa linguaxe corporal, as súas expresións faciais, e xa non digamos algunhas dos seus parrafeos, non teño nada claro se é parva de remate, pero está moi ben adestrada para aparentar o contrario, ou, polo menos tentalo, ou é tan, tan lista, que chegou á conclusión de que lle dá moito mellor resultado, ademais de ser notablemente máis rendible para ela, finxir que é tonta de remate, e, en consecuencia, cando lle convén, exerce como tal. Sexa como sexa, non acabo de situala, pero o certo é que, cando creo que xa non nos pode sorprender máis, resulta que si, que pode... e de novo o fixo!

Malia que parece ser que esta noticia xa se fixera pública no mes de setembro do 2024, eu a descoñecía por completo ata hai uns días que se publicou de novo, e trátase da apertura, na Comunidade de Madrid, no mes de outubro, do primeiro Centro de Atención Integral Especializado en España para homes vítimas de violencia sexual, que vai supoñer unha inversión anual, nada máis nin nada menos, que de 500.000 euros. O mencionado centro contará, din, cun equipo multidisciplinar que actuará nas áreas sociais, psicolóxica, sexolóxicas, xurídica e socioeducativa. Vaia, que o equipo que o integrará vai ser algo máis que amplo!

Alegaba a Sra. Ayuso que se está a detectar un considerable número de menores de sexo masculino que son vítimas de violencia sexual na infancia, e de homes adultos que a sofren, principalmente, como consecuencia, por exemplo do chemsex, que, para quen non o saiba, é o anglicismo —se ve que o español non conta con vocabulario abondo e temos que botar man do estranxeiro— co que se define a práctica consistente en manter relacións sexuais nun ambiente de consumo de substancias psicoactivas, pero que non se atreven a denuncialo, así como para homes en situación de prostitución que teñan sido vítimas de violencia sexual, e, para rematar o seu discurso acerca do seu proxecto, soltou, coma non podería ser menos, outra das súas "perlas", alegando, e cito textualmente, "también hay violencia sobre el hombre y sufren incluso más agresiones que nosotras".

A ver, Sra. Ayuso, e con todo respecto llo digo, chamando a terra!

Ante todo, gustaríame aclararlle, a vostede e a quen teña algunha dúbida, porque sei que me vou meter nun xardín deses que non sei se me buscan ou os busco eu, pero o caso é que os visito con frecuencia e non dou saído deles, eu son feminista, pero non de "Radicalidandia", e, co cal quero dicir que, obviamente, avogo e loito pola igualdade pero pola de verdade, e teño moi claro que, nin todas as mulleres somos santas, nin todos os homes están feitos da pel de Satanás, como desde algúns eidos se nos pretende facer crer, pero as cifras, desgraciadamente, falan por si soas. Xa non me vou ir máis atrás, abonda, creo, con lembrar que, cando aínda non chegamos a metade do ano, xa temos que contabilizar 11 mulleres asasinadas por mor da violencia machista.

Que vostede, muller, nos veña agora dicindo que os homes sofren mesmo máis agresións que nós, as mulleres, é para suxerirlle, como mínimo, que se vaia para a súa casa, porque a súa é toda unha oda á desigualdade e ao fomento da violencia de xénero, que, por desgraza, xa acada cotas máis que arrepiantes.

É certo que tamén hai homes que son maltratados, pero a porcentaxe é ínfima comparada coa das mulleres, e todos o sabemos.

Por outra banda, o home que é maltratado, habitualmente o é de xeito psicolóxico, e falo, neste suposto, de maltrato exercido por unha muller. É moi complicado, por non dicir imposible, de demostrar, para ambos sexos, obviamente, pero, permítame unha pregunta que, penso, ten fácil resposta: Se xa é moi difícil que unha muller dea o durísimo paso de denunciar, cantos homes cre vostede que o farían, ou o fan, xa que está polo que vexo, tan ben informada, como sería, ademais, o seu deber?

Creo que todos coñecemos a resposta, e máis se nos referimos concretamente á violencia sexual, no que a vergoña, o temor a non ser cridas, mesmo o sentimento de culpabilidade que, en non poucas ocasións senten as mulleres vítimas desta, cando acoden a denunciar e son cuestionadas ou, por desgraza, mesmo ás veces, xulgadas e culpadas, fai que un número moi elevado delas opten por calar e agochen o delito do que foron vítimas.

A cantos homes imaxina vostede nesa tesitura e, máxime se tales abusos son cometidos por outros homes? Pénseo un chisquiño, ande, que non lle fai dano antes de soltar pola boca segundo e que cousas. Tamén é certo, xusto é recoñecelo, que, se un home acode a denunciar ter sido agredido sexualmente, nesta sociedade nosa na que, lamentablemente, aínda exercer de "machirulo", continúa cotizando á alza, todos sabemos que as burlas, cando non as gargalladas, máis ou menos disimuladas, están aseguradas, mesmo por parte dalgún que tal vez sufriu a mesma experiencia, pero hai que demostrar que se é "moi macho", e que se teñen ben postos.

Di que se está a detectar un aumento do número de menores que sufriron abusos sexuais na infancia. Permítame que lle diga, Sra. Ayuso, desde a miña ignorancia, pero desde o máis elemental sentido común, que facer esa afirmación é, como mínimo, aventurado, porque eses abusos sempre existiron, sempre. Sinxelamente, agora se fala máis do tema, e non se pode negar que se están dando a coñecer máis casos, pero nada novo baixo o sol.

Quere isto dicir que un home que é maltratado ou que sofre abusos, que reitero, os hai, non teña dereito a ser asistido, e a recibir axuda? Por suposto que non. Debería e merece ser atendido en condicións, como deberíamos ser atendidas as mulleres, como persoas que somos todos e todas. Estamos a falar de igualdade e a loitar a prol dela, non si? Outra cousa é o que sucede na práctica, e hoxe non me vou meter niso.

Cre, porén, Sra. Ayuso, que a tremenda inversión que se vai facer na creación dese centro ten a máis mínima xustificación, cando se está a alegar que non se atende como procedería as mulleres vítimas de violencia de xénero porque non hai recursos abondo? É certo, iso si, que a súa creación implicaría moitos despachos, moitos cargos, moitos profesionais... vaia, moitas desas cousiñas das que vostede tanto sabe e que beneficiará a moitos, comezando por vostede.

Dito doutro xeito, o seu proxecto, Sra. Ayuso, ule a "chiringuito" desde moi lonxe... Ou será, sinxelamente, outra das miñas intuicións?

Asociación Si, hai saída