Somos moito máis idiotas do que nos creemos? A estupidez esténdese?

10 de febrero 2025

"Hai dúas cousas infinitas: o Universo e a estupidez humana. E do Universo non estou seguro." (Albert Einstein)

Entro en contacto ca opinión da rúa, da xente normal, tomando café pola mañá nun bar. Falan alto. A derradeira conversa trataba sobre a idiotez da sociedade. Nun grupo dicía un: "cada vez somos máis idiotas, tragamos con todo o que nos botan de xeito normal". Reflexionei. Acabei concluíndo que, como sociedade, somos, cada vez, moito máis idiotas. Estamos case inmunes ao que pasa ao noso arredor. Inmunizámonos contra a idiotez e a estupidez. Vemos como a estupidez se converte nunha política da comunicación. Miña avoa Pepa sempre me dicía: "a ignorancia é moi atrevida, e si teñen poder envalentónanse, cóidate deles ".

Fai uns anos publicouse o Efecto Dunning-Kruger, onde os investigadores demostraron que os incompetentes eran incapaces de saber que o eran, precisamente pola súa incompetencia. Esta xente de coñecementos limitados de si mesma cre que sabe máis do en realidade coñece. O novo presidente dos EEUU é o exemplo claro. É ignorante e atrevido. Élle igual, el tira cara diante. Como no caso do rei espido ninguén lle di a verdade e, por riba, consegue que os millonarios se arrimen a el para facer unha plutocracia.

Observamos como Donald Trump vai soltando unha detrás de outra. Está actuando como "cuñado ignorante". Ao primeiro dicían: "son cousas do Trump". Logo sorprendíanse porque ía (vai) a máis. Agora xa fai ameazas como o "matón do recreo". Ou xogas coas súas normas ou non xogas e, vas ter que pagar por xogar, senón bótate do campo de xogo. O persoal idiota, ou estúpido, acaba xogando e pagando por xogar. Non fai falta ir a fóra para ver idioteces coas que tragamos. Os comportamentos de Tellado, Mazón ou Ayuso, van polo mesmo carreiro. Son ignorantes atrevidos que non saben da súa ignorancia. Saben que as súas idioteces van ser repenicadas polos medios, afíns e non tan afíns.

Este proceso de "idiotización" non veu por xeración espontánea. Foi traballado no tempo, pouco a pouco, como a gota chinesa. A influenza dos medios foi moi necesaria. Parte da prensa, das radios e, nomeadamente, determinados programas de televisión contribuíron. Queren desmantelar o estado. Atacan axudas ("paguitas") aos necesitados, botar aos emigrantes, negar a ciencia. Repiten sempre o mesmo. Polo que se ve, funciónalle. O exemplo é a entrevista de Ana Rosa Quintana a Isabel Díaz Ayuso. IDA mentiu, provocou e chuleou sen ser interrompida pola entrevistadora. A mesma hora Susana Griso entrevistaba a Feijóo, o "home que non é presidente porque non quere", facendo o mesmo con mentiras e loiadas, sen dar unha idea sobre como mellorar á vida da xente.

Isto funciónalle. Crean desconfianza institucional. A xente protesta aínda que non sabe moi ben porque. Crean medo, crean problemas que non existen. Moitos pregúntanse como é que gana Trump ou Ayuso. A resposta é sinxela: a xente idiotizada enténdeos. Para procesos difíciles solucións fáciles. É básico e simplista, pero funciónalle. Os idiotas non ven que son ricos gobernando para ricos. Os idiotas queren solucións a problemas inventados. Non importa que baixe a inflación, ou se cree emprego, non. O importante son os inmigrantes que fan os traballos que nos non queremos, os "pisos ocupados" (só son o 0,07% do censo total de vivendas), e outras mentiras e loiadas. Despois de tanto tempo idiotizando recollen os resultados. Xa os temos ás portas e dereita española parece que lle compra a mensaxe. Como exemplo basten as palabras de Ayuso e Feijóo dicindo que vivimos nunha ditadura, si o din moitas veces haberá parvos que o crean e non pensan que si vivimos nunha ditadura como é que en Madrid goberna Ayuso e aquí Rueda. Contra a idiotez e a estupidez non queda máis que informarse e ser críticos. Non sexades idiotas, ou estúpidos, está en xogo o futuro.