O obxectivo das pontes sempre foi o de unir : beiras, pobos,culturas, identidades...
O obxectivo da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzons é o de unir, neste caso o pasado e o futuro da nosa Ponte Malvar, o presente realmente no queremos así........
Na Ponte Malvar a vexetación progresa imparábel por entre as regañas da cachotaría.
Cando polo ano 1997 se estaba realizando o novo tramo da N 550 na Parroquia de Cerponzons xurdían os primeiros problemas con que nos atopamos os veciños dos lugares máis afectados (A Meán, A Rons e A Balea ).
Xa daquela tiveron os veciños destes lugares que protestar sobre as actuacións que se estaban levando a cabo no entroque do tramo novo co vello e os viales que conectaban con A Meán e A Balea.
Foron uns días moi tensos os que afrontaron os veciños que deixando os seus quefaceres caseiros e profesionais manifestáronse no lugar en que estaban traballando os operarios do Ministerio de Obras Públicas, así o fixeron durante uns días ata que viñera un dos Xefes de Obras Públicas, si mal non recordo un tal Sr. del Río.
Desde a Cidade da Coruña chegou o Inxeniero Xefe para intermediar no conflicto, escoitou as reclamacións dos veciños e sen lograr de todo convencer o señor Inxeniero por fin chegábase a un acordo para acondicionar do mellor xeito posible as entradas aos viais que levan A Balea é A Meán , cómo tamén a realización dun muro mui necesario para o lugar.
Pero os problemas non chegaron a solucionarse totalmente, o tramo antigo da N 550 quedaba totalmente deixado no esquecemento.
Segundo ían pasando os anos, as diferentes directivas da Asociación de Veciños presentaban por rexistro peticións de mantemento, tanto da Ponte Malvar, como do tramo antigo, hoxe en día seguimos igual, mellor dito, peor que nunca.
A PONTE MALVAR
A cronoloxía da Ponte Malvar está ben definida, dita Ponte forma parte da Infraestrutura viaria que habían promovido os Arcebispos Raxoi e Malvar, sucedía esto nos fináis do S. XVIII, sendo deseñado polo arquitecto D. José Pérez Machado.
A ponte e o mesmo trazado da antiga estrada forman parte das iniciativas implementadas polo arcebispos Raxoi e Malvar para mellorar as comunicacións entre Pontevedra e Santiago. O trazado deste Camiño Real, e os diversos elementos que o balizan, ilustran o inicio dunha época de gran interese histórico, na que arrinca a construción e mellora de infraestruturas de comunicación que facilitarán as relacións entre vilas e pobos do país. Fernando Carrera e quen define perfectamente a problemática actual da Ponte Malvar :
O monumento que nos ocupa é unha construción impecable de magníficos paramentos, tanto de mampostería como -na zona central- de sillería granítica de execución moi coidada. Os lenzos laterais mostran unha lixeira inclinación que xera unha sección transversal escuetamente trapezoidal, cun único arco de medio punto sobre o río Rons. En planta, o trazado adáptase ao terreo describindo pequenas curvas a ambos os dous lados, creando unha forma de S moi somera. Nalgunhas zonas aínda conserva restos do orixinal pretil almenado, así mesmo construído con sillares de granito.
Ante nos podemos observar o seu evidente abandono, de cómo e necesaria unha actuación de limpeza de vexetación e un tratamento das xuntas, unha limpeza nas zonas de sillería é pódese observar tamén que o estados dos lenzos de mampostería e precario.
Un dos danos máis evidentes que sufre a Ponte Malvar derívanse de actuacións diversas derivadas do persistente uso da infraestuctura, probablemente en tempos máis ou menos recentes. Así, instalouse algún cableado cosido aos lenzos, que deforman a súa estética de forma notable.
VEXETACIÓN OCULTANDO PARCIALMENTE A PONTE
Tan degradante como o anterior é, na nosa opinión, a desaparición baixo diversas capas de asfalto do firme orixinal, probablemente pétreo. E tamén, os diversos elementos de contención (varandas, biondas) que substituíron ao pretil orixinal, con grave perda da percepción orixinal da construción.
Moito máis simple pero así mesmo negativo é o ocultamento da ponte pola exuberante vexetación que o coloniza a ambos os dous lados e e impide a súa apreciación completa.
Tamén a falta de visibilidade que hai nun punto da Ponte fai que levemos xa durante anos reclamando a corta dos árbores, soamente estando un momento no lugar e ollar pasar algún vehículo a máis velocidade da autorizada para darse de conta do perigo.
Non digamos si ten que pasar andando unha persoa invidente, o paso que hai para peons e imposible de pasar, as silvas impiden totalmente o poder ir andando, tendo que ir polo lugar que lle corresponden os automóviles.
A SAÚDE DA PONTE MALVAR
A necesidade que sempre houbo, ao longo da historia, de facer novas rutas de comunicación fixo que os enxeñeiros e os que deseñaban camiños, estradas, vías férreas etc. víranse obrigados a salvar obstáculos que moitas veces ofrecían os cursos dos ríos.
Así sucedeu coa necesidade de realizar a Ponte Malvar, as primitivas estruturas que permitían vadear a canle do Río Rons, ben a pé ou dacabalo, necesitaban dunha instalación que mellorasen a comunicación por todo o Camiño Real.
Durante máis de 200 anos esta Ponte Malvar soportou millóns de desprazamentos, isto fainos pensar en que os sobre excesos de pesos, as riadas que nos invernos adoitan suceder nas inmediaciones da Ponte Malvar, os temporais de vento etc. necesita cada certo tempo un seguimento e un control sobre a súa "saúde ", preguntámonos si nalgún momento fixéronse na Ponte Malvar os obrigados estudos de control aos que están obrigados a realizar as autoridades responsables.
Normalmente cando solicitamos aos responsables do departamento que está a cargo do tema que facemos referencia para saber o estado dalgunha ponte adoitan contestar que cando detectan algunha deficiencia procédese á súa subsanación de forma inmediata, polo cal entendemos que logo das nosas denuncias ao longo destes últimos anos sobre o estado da Ponte Malvar e visto que non se fixo mantemento de ningún tipo (excepto cortar cada certo tempo as silvas) dános a entender que o estado das estruturas de que se compón a Ponte Malvar é o correcto, é dicir que segundo os encargados de contestarnos, a Ponte Malvar está en perfectas condicións, porque si detectarán algún problema repararíase inmediatamente. As fotografías que fixemos estos días indican todo o contrario.
O VALOR PATRIMONIAL
É indiscutible o valor patrimonial da Ponte Malvar. Sexa desde a perspectiva estética (monumental) como desde a histórica, parece merecedor dun trato mellor do que soporta. Agora que a Parroquia de Cerponzons vai celebrar o próximo ano o seu "Milenio" e momento de que as Administracións den un paso adiante, xa e hora.
Foron muitas as iniciativas das Xuntas Directivas que durante anos levamos dirixindo a Asociación de Veciños, pedindo e reclamando o que para nos e de lei, o arranxo da Ponte Malvar e a súa contorna, xunto co trazado antigo do Camiño Real.
Esta relación entre patrimonio e veciñanza é un valor esencial que debe ser protexido e estimulado desde as administracións públicas, non queda outra.
Por todo o indicado, entendemos plenamente xustificado o deseño dun plan para a recuperación da Ponte Malvar. Unha iniciativa que persiga a recuperación do seu aspecto orixinal e permita o recoñecemento do monumento na súa configuración completa, eliminando os elementos deformantes (tubaxes, varandas, biondas) e recuperando os perdidos (pretiles). E dado o limitado uso que a día de hoxe ten a vía, defendemos mesmo a recuperación do firme orixinal.
Todo o anterior debe verse complementado cun programa de mantemento simple pero constante. Esperamos que chegue o día en que a Ponte Malvar sexa un valor patrimonial máis na historia de Cerponzons, un valor coma tantos outros Bens culturais que forman a historia da Parroquia de máis de 1000 anos de existencia.
Unha Ponte Malvar que tivese polo seu contorno o recordo daquel Camiño Real deseñado polo Arzobispo Malvar, o máis fermoso de toda Europa según dicían. A señalización do tramo antigo con especies de árbores aos seus costados, carballos e álamos brancos ( onde ían enroscados os viñedos) e alén unha serie de frutales das mellores especies, recuperando de paso o Leguario que un pouco máis arriba deste tramo, en dirección a Santiago, podemos observar como está falto tamén dunha limpeza e de recuperar o gnomón do reloxo de sol que a esvelta pirámide granítica contén nun dos seus lados.
Juan José Esperon Recarey
Secretario da Asociación de Veciños O Chedeiro
25 de Setembro de 2018, con motivo do 223 aniversario do falecemento do Arzobispo Malvar.