Hai cousas que non deberían pasar nunca. Como facer un cartaz das festas patronais que pareza máis a portada dun catálogo de supermercados que unha chamada á festa. Hai que dicilo claro: isto está a desmadrarse, e ninguén colle o timón.
Os cartaces teñen que anunciar alegría, tradición, patrimonio, orgullo parroquial. Pero os de hoxe dan máis ben ganas de pedir cita no dentista, no taller ou na academia de inglés, porque logo de ler tanto recadro con publicidade, esqueces que era un cartaz de festas e non un suplemento dominical.
"Ah, pero hai misa?"
"Ti vai ver no cartaz, está xunto á publicidade do bar de copas e do concesionario"
"E os gaiteiros? Non teñen nome?"
E aquí vén o drama. Resulta que agora temos "pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas". Así, xenérico, como se fosen sombras chinesas que pasaban por alí. E se teñen nome? E se levan sesenta anos animando mañás de festa mentres medio mundo aínda está con cara de resaca? Un respecto, por favor. Os gaiteiros teñen nome, e no cartaz deben telo tamén. E se non hai grupo de gaitas, que clase de festa é esa? Que somos? Unha parroquia de Mónaco?
E xa que estamos, outro clamor popular: onde foron parar os xigantes e cabezudos? Por que teñen que ser só da Peregrina ou do Burgo? Que pasa, que na nosa parroquia non poden saír catro cabezudos facendo correr aos nenos entre risas e medos? Non merecemos tamén ese espectáculo simpático, ancestral, que che queda gravado para toda a vida?
E xa que falamos de espectáculos: un cartaz de festas sen anunciar unha Artística Iluminación e unhas Sesións de fogos artificiais non é un cartaz. É unha fotocopia en branco e negro. E si, xa sabemos que os fogos non lle gustan a todo o mundo, pero unha vez ao ano...
E por que non poñer unha foto?
Si, unha foto! Pero non calquera cousa sacada co móbil sen enfocar, non. Unha boa foto, cun mínimo de gusto e sentido. Unha foto que diga: "Aquí é Cerponzóns, carallo, e temos historia dabondo para presumir!"
Porque... por que non poñer cada ano algo que nos identifique? Un ano a igrexa, co seu patrón e a súa pedra vella que aguanta chuvias desde o século XII. Outro ano un cruceiro, que leva máis xente despedida ca o andén dun tren. Ou a Ponte Malvar que pasa desapercibida polas autoridades.
Ou o leguario ese ao que ninguén lle fai caso pero que leva aí desde que os peregrinos ían andando ou a cabalo a Santiago. Ou un petróglifo, un lavadoiro, ou mesmo un prado cos toxos ben verdes e a néboa baixando. Cousas nosas, cousas que falan da parroquia.
É que non temos nada digno de saír no cartaz? Ou temos medo de parecer "demasiado rurais"? Pois se é así, que nos dean un premio, porque o rural ben entendido é patrimonio, é raíz, é verdade.
Un cartaz con imaxe é como unha postal: queda na memoria. E se o acompañamos cun texto coidado, en galego, con gusto e con alma... xa non temos só un cartaz, temos historia.
E onde están aquelas actividades de sempre? Esas carreiras pedestres, os partidos de solteiros/as contra casados/as (con entradas agresivas e portería sen redes), os concursos de tiro á chave, os xogos infantís... Esas cousas que unen, que fan parroquia, que fan risa e memoria e non costan cartos. Con premios, claro está, doados por esas empresas colaboradoras que, por suposto, recibirán a súa xusta publicidade... no momento adecuado. Non invadindo o cartaz como se fosen os amos da festa.
Un pregón! Non debe faltar!
E o pregón, meu rei... que?
Outro punto que non pode faltar no cartaz é o pregón. Porque as festas non comezan de verdade ata que alguén sobe ao palco cun micro na man, unha copa de viño na outra, e un discurso preparado ou medio improvisado, pero sempre con alma.
E quen debe facer o pregón? Pois alguén que saiba onde está, que non pense que Cerponzóns é unha marca de lavadoras nin un planeta de Star Wars. Alguén con relevancia, si, pero sobre todo con respecto pola parroquia, polas súas raíces, polos seus veciños e pola súa historia.
Imos ser serios: non todo vai ser carpa, carneiro e cumbias. Tamén temos un milenio de vida enriba, patrimonio a esgalla, historias de labregos, emigrantes, gaiteiros, santos e salgueiros. Cousas que merecen ser contadas. E quen mellor que un bo pregoeiro para facelo?
E non falo dun pregón aburrido coma un sermón de inverno, non:
Falo dun pregón con chispa, con memoria e con orgullo.
Un pregón na sesión vermú, entre copa e tapa, que esperte aplausos, risas e quizais unha bágoa ben chorada.
Un pregón que faga que o veciño diga: "Mira ti que non sabía eu iso do cruceiro da igrexa..."
Porque o pregón non é un capricho, é unha obriga moral! Un acto de honra, un inicio solemne das festas. E se non o poñemos no cartaz, a xente non o sabe, non vai... e perdemos unha ocasión de ouro de contar quen somos e por que somos así. Así que xa sabedes, comisións de festas: menos recadros de talleres e máis espazo para o pregoeiro. Que o carné de identidade da parroquia tamén se le desde o palco!
Outra cousa, as festas non son unha competición de orquestras nin un festival de masas. Se non vén a "MegaOrquesta SuperNova Premium Gold", parece que non hai nada que celebrar. Pero a verdade é que a festa é para confraternizar, participar, saír de casa, mirar á veciñanza con alegría e cantar todos o "Miudiño", desafinando como é debido.
Ah! un último favor: a verbena é para bailar, non para mirar como quen vai ao museo. Móvete, canta, salta, colle á túa parella ou á túa tía-avoa e baila! E deixa o móbil un intre. Que os da orquestra xa están gravados en YouTube mil veces. O que non se grava é ese momento no que te deixas levar. E iso é a festa. E iso é o que debería anunciar un cartaz coma os de antes, coma os de verdade.
Así que, por favor, menos carteliños de publicidade e máis arte, máis galego, máis raíces.
E por se alguén pregunta: non, ninguén le os nomes das sesenta empresas. O que se le é: "haberá bombas ás doce, gaita á unha, misa cantada ás dúas, procesión e logo sesión vermú con empanada e viño da casa". Á noite verbena con sorteo dun carneiro ou o que se lle ocorra á Comisión de Festas.
O resto? O resto non o le nin quen fixo o cartel.
Nota final:
Todo isto que levas lido non deixa de ser unha humilde opinión dun veciño que lle ten cariño á súa parroquia, ás festas e ao cartaz (cando é cartaz de verdade, claro). Seguro que outros terán puntos de vista distintos, máis suaves, máis modernos ou máis "da capital".
Agora ben, o que non pode faltar, pense como pense cada quen, son as festas da parroquia, eu bótoas moito en falta. Con cartaz bonito ou feo, con orquestra grande ou pequena, o importante é que non se perdan!
Porque as festas son máis ca verbena e churrasco. Son reunión, tradición, identidade. E se algún ano non hai foguetes, que haxa gaitas. E se non hai gaitas, que haxa xente. E se non hai xente... que veñan os cabezudos, polo menos!
Así que, por riba de todo: que nunca falten as festas. E se hai que mellorar algo... pois que as faga quen queira, pero que o faga ben, cun cartaz como Deus manda.