Cita coa tradición oral en Folgoso

10 de julio 2025

​​​​​​​A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG grava en Folgoso os saberes de María Fraíz Canaval

Na mañá do sábado 5 de xullo, o colectivo Capitán Gosende colaborou coa Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) co obxecto de documentar en formato de audio e vídeo unha mostra perdurábel do amplo e variado saber da cerdedesa María Fraíz Canaval.

María Fraíz –María da Vrea–, de 92 anos de idade, é natural do lugar de Covas (Folgoso-Cerdedo). Posuidora dunha memoria prodixiosa, atesoura no seu maxín unha cumprida mostra do noso acervo tradicional: coplas, oracións, recitados, adiviñas, trabalinguas, refráns, contos, romances, cancións... A comezos deste ano e co gallo da homenaxe ás cantareiras e á poesía popular no Día das Letras Galegas, Edicións Morgante publicou Saberes de María da Vrea. Tradición oral da freguesía de Folgoso (Cerdedo). O libro foi presentado na Biblioteca de Soutelo de Montes (Forcarei) o pasado 10 de maio. O moito público asistente foi testemuña das portentosas calidades de María Fraíz, non só memorísticas, senón tamén como narradora oral.

Lémbrolles con gozo que os membros da SLTO decidiron hai uns meses concederlle por unanimidade á nosa veciña o premio Mestra da Memoria 2025. A cerimonia de entrega dos Premios Mestras/Mestres da Memoria celebrarase con toda solemnidade na cidade de Lugo o vindeiro mes de outubro. María Fraíz Canaval recollerá o seu galardón a carón do grupo de investigación etnográfica Equipo Chaira (Antonio Reigosa, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero e Xoán R. Cuba), merecentes así mesmo deste senlleiro recoñecemento.

María Fraíz e Calros Solla.
María Fraíz e Calros Solla.Calros Solla

O colectivo Capitán Gosende hónrase de que a tradición oral da comarca de Terra de Montes fose recoñecida xa en catro ocasións con tan alta distinción: Manuela Cortizo Medal –Manuela de Barro– (Barro de Arén-Cerdedo, Mestra da Memoria 2013); Alsira Gil Ramos, Orosia Gil Ramos e Ólida Diz Ramos –As Pandeireteiras da Alén– (A Alén, Xirargha-Beariz, Mestras da Memoria 2017); Aurelio Ramos Ogando (A Alén, Xirargha-Beariz, Mestre da Memoria 2021) e María Fraíz Canaval –María da Vrea– (Folgoso-Cerdedo, Mestra da Memoria 2025).

Recolleuse o valioso cadal de Manuela Cortizo Medal na publicación Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo (2008, 2012) e Aurelio Ramos Ogando é protagonista de excepción en O pote do ouro. Novas de tesouros na Galiza (2022).

En Cerdedo acontecen cousas extraordinarias, pero están nos libros.

Un intre da sesión de gravación con María Fraiz e Calros Solla.
Un intre da sesión de gravación con María Fraiz e Calros Solla.Calros Solla