Condena da Asociación Si, hai saída ao asasinato da muller no Concello do Bolo

07 de abril 2025
Actualizada: 19:05

Ás vítimas non lles quedará outro recurso que confiar na súa sorte, e pregar que nada irreparable lles pase a elas e aos seus fillos e fillas

A Asociación Si, hai saída condena o asasinato dunha muller, presuntamente pola súa parella, no concello do Bolo.

Desde a Asociación Si, hai saída queremos manifestar a nosa máis rotunda condena ante o novo asasinato machista, o sétimo no que vai de ano, dunha muller, acoitelada, presuntamente, polo seu marido, no concello ourensán do Bolo (Ourense), así como manifestar as nosas condolencias e todo o noso apoio e agarimo aos seus seres queridos, especialmente ao seu fillo.

Así mesmo, desde a nosa asociación, de novo alertamos da cada vez maior normalización que se está a facer da violencia de xénero, malia que se nos venda o contrario, á que cada vez se lle presta menos atención, mais que, pola contra, se está a facer dela un negocio cada vez máis lucrativo e rendible para moitos, que, ao seu abeiro, están a medrar política, social e economicamente.

Tampouco é certo que a protección que se lles está a brindar ás vítimas sexa cada vez maior, e isto é algo que podemos constatar os que traballamos día a día con elas, e do que teremos, moito nos tememos, unha vez máis, un claro exemplo, nesta vindeira Semana Santa, na que, coma sempre sucede, desde o mércores, 16 de abril, ata o luns, día 21, as vítimas xa existentes ou potenciais, así como os seus fillos e fillas, quedarán desprotexidos practicamente de todo, coas Ufam das comisarías baixo mínimos, por non dicir baleiras de todo, e isto no mellor dos escenarios, xa que serán moitos os que aproveitarán para desfrutar unha longa ponte desde o luns, 14 de abril.

Dito doutro xeito, durante toda unha semana, cando máis protección precisan, ás vítimas non lles quedará outro recurso que confiar na súa sorte, e pregar que nada irreparable lles pase a elas e aos seus fillos e fillas, o cal, pese a quen pese, é un xeito máis de maltratar, malia que sexa desde as institucións.

Asociación Si, hai saída