Condena do asasinato no Porriño

31 de julio 2025

A Asociación Si, hai saída condena o asasinato da traballadora do SAF de O Porriño, Teresa de Jesús, mentres desempeñaba o seu traballo.

Desde a Asociación Si, hai saída desexamos manifestar o noso pesar e a nosa consternación ante o presunto asasinato cometido por un usuario deste servizo da traballadora do SAF de O Porriño, Teresa de Jesús, mentres desempeñaba o seu traballo, así como trasladar o noso agarimo e o noso apoio á familia e seres queridos de Teresa, así como a todas as traballadoras do SAF.

É absolutamente inconcibible que, despois de que Teresa manifestara ante a súa empresa o seu desexo de deixar de prestar os seus servizos neste domicilio pola situación de acoso que manifestou en reiteradas ocasións estar vivindo, e mesmo de presentar unha denuncia, a empresa non soamente a obrigase a continuar acudindo a el, ou nin sequera se tomara a molestia de adoptar nin a máis mínima medida de prevención e protección para ela, como puidera ser que acudira acompañada, malia que tampouco sería unha solución definitiva, pero tal vez si tería podido evitar este tráxico desenlace.

A labor das traballadoras do SAF, malia ser de suma importancia, é, ademais de infravalorada, unha das máis precarizadas, ademais de ter que enfrontarse a situacións de risco na máis completa soidade e indefensión.

Non é de recibo, nin ten xustificación ningunha enviar estas traballadoras aos domicilios asignados soas, sen adoptar unhas mínimas medidas de protección e prevención, como podería ser, reiteramos, acudir acompañadas.

Ninguén sabe o que ou con quen se pode atopar tras as portas dun domicilio, pero o certo é que non se pode negar a realidade de que están expostas a vivir situacións de risco, ademais, xa no mellor dos casos, sen chegar a eses tráxicos extremos, de supoñer un esforzo inhumano para un gran número delas, que, totalmente soas, se ven obrigadas a realizar tarefas para as que precisan facer un sobresforzo enorme, tanto a nivel físico, tendo que manexar a persoas que polas súas condicións de saúde non poden moverse, mesmo con sobrepeso, como emocional, coas conseguintes consecuencias para a súa saúde, algo que semella que non se ten en conta para nada.

Sempre, por suposto, desde a máxima prudencia, cremos que o tráxico final da vida de Teresa de Jesús podería terse evitado, e pregaríamos unha urxente revisión das condicións de traballo deste colectivo ao que moitos lle estamos sumamente agradecidos e que non está, nin de lonxe, suficientemente valorado.

Asociación Si, hai saída