Luns 28 de abril. España, ese país onde todo vai ben ata que pasa algo, sendo mediodía, de repente encontrámonos na máis absoluta escuridade. Apagón total. Electricidade? Fuxida. Internet? Desaparecida. Sentido común? Nunca houbo nin haberá...
Eu tiña cita no Ambulatorio, tiven que marchar, as máquinas non ían.
O camiño á casa era de sorpresa en sorpresa...
A media tarde decidín saír dar unha volta, como quen busca vida intelixente no medio do caos. Tiña pensado quedar cun amigo, pero xa o camiño foi un documental de "Apocalipse Made in Galicia".
As ferreterías tiñan máis xente que o bar onde adoito tomarme unha caña un venres ás dúas. Colas como para conseguir entradas das máis baratas para ver a Jennifer na Tafisa, pero non: eran para conseguir pilas, lanternas e, probablemente, un pouco de esperanza.
As tendas de roupa tiñan os empregados na rúa, fumando e falando de filosofía moderna:
—"E ti que farías sen luz durante tres días?"
—"Pois chorar, Mariló... chorar".
Algúns intentaban baixar as reixas a man, entre o suor e a vergoña allea. E os turistas, que xa viñan desorientados, miraban os seus móbiles como se fosen brúxulas rotas. "Why España no work?", preguntaban. E eu pensaba: "Benvidos, fillos, á vida real".
Pero o mellor estaba nas terrazas. Porque se algo non se apaga en Galicia, é o espírito taberneiro.
As mesas cheas, cheíñas. Xente querendo tomar café, o camareiro explicando que non tiña café de pota... nin leite quente.
E outros, os máis ousados, brindando cunha Estrella... servida nun vaso de tubo con cubos de xeo, como se estivésemos nun chiringuito de Alacante en agosto. Porque se non hai refrixeración, haberá xeo, porque a vida sen Estrella non é vida.
As panaderías? As panaderías eran outro capítulo á parte. Sen pan, sen empanadas, sen nada que meter entre peito e costas. Unha puxo un cartel escrito a bolígrafo, cunha sinceridade brutal: NON HAI NADA. Nin un croissant de anteonte quedaba, só unha bandexa de melindres, a saber por que quedaban aínda. A fame xa empezaba a facer que a xente mirase o cartón do escaparate como se fose un manxar.
Atopeime co meu amigo, e falamos do caos. Rimos por non chorar. Pero ao volver para a casa, unha idea cravoume como un dardo no lombo:
O papel hixiénico...
Froiz. Gadis. Mercadona. A ruta do pánico. E alí estaba a escena que pasará aos libros de historia:
Unha señora, con cara de fin do mundo, case chorando, preguntáballe á empregada do Froiz:
—"Neniña, mira ben, ti estás segura de que no almacén non queda nin un roliño? Mira ben, filla... que teño o colon nervioso, e isto non está para xogos".
A rapaza, pobre dela, xa tiña cara de querer fuxir nadando polo Lérez abaixo. E detrás dela, unha cola de zombis modernos, todos mirando a sección baleira coma quen contempla un altar profanado. Nada. Cero. Nin un rolo.
O papel hixiénico, unha vez máis, erguíase como o verdadeiro protagonista da desgraza. O símbolo nacional da nosa angustia. Apágase a luz, e esquecémonos do lume, da comida, da auga... pero do papel, xamais.
E así foi. Un día histórico. Un día para lembrar. O día que se apagou España... e Galicia quedou sen pan, sen luz e sen onde limpar o cu.
Ah! Eu marchei para casa, a cear a dúas velas.