Unha cuestión de lealdade política

26 de abril 2026

O alcalde de Caldas destaca o traballo feito para anular o estudo da Variante e impulsar unha alternativa con menor impacto, afirmando que a acción política responsable e leal coa veciñanza debe estar por riba do rédito político

Como cargos públicos electos, os membros dunha Corporación (sexamos alcaldes, alcaldesas, concelleiros ou concelleiras) temos a obriga de manter unha rigorosidade e un respecto inherente aos nosos cargos. Por desgraza, hai quen á hora de facer política non ten inconvintes en cruzar determinadas liñas, sobre todo se con iso pensa que gaña rédito político.

Isto vén a colación pola actitude do voceiro do PP de Caldas de Reis respecto á Variante. O anuncio do delegado do Goberno de que se descartaba o estudo rexeitado pola veciñanza, e os primeiros pasos para analizar unha nova proposta con menor impacto para evitar o colapso de tráfico no casco urbano, non sentaron nada ben ao señor Fernando Pérez.

Mentres a maioría nos alegramos de que a veciñanza de Caldas de Reis acadase o seu obxectivo de anular o estudo da Variante, o voceiro do PP prioriza o rédito político. É a única explicación aos ataques constantes, desmesurados e falsos cara á miña persoa (e non ás miñas accións como cargo público).

Imaxino que lle colleu a contrapé que estiveramos desde o primeiro momento a carón da veciñanza, escoitando e atendendo as súas demandas e facilitando o seu traslado ao Goberno central. Tamén cando o 4 de marzo o señor Besteiro informou das xestións ante o Estado, e especialmente cando o 11 de marzo as plataformas foron convocadas polo Goberno de España para comunicar a anulación do estudo.

Convocamos un Pleno extraordinario para remitir o rexeitamento oficial da Corporación á Administración central, e agora cómpre dar un tempo prudente para recibir resposta do Concello.

De momento, sabemos polo delegado do Goberno en Galicia que hai avances nun novo estudo que pode responder á demanda das plataformas: “Variante Sí, pero así NON”. Conseguimos iso, pero o señor Fernando Pérez acúsame de crear confusión e mentir, recorrendo ao ataque persoal.

É unha mágoa que non fose igual de belixerante contra o PP de Galicia cando a Xunta recortou unidades no CEIP San Clemente. Probablemente coa súa implicación teríase acadado o que reclamaba a comunidade escolar.

Para min, a diferenza doutros, non todo vale en política. Como alcalde, téñoo claro: débome aos veciños e veciñas por riba de siglas, e con esa premisa seguirei traballando ante as administracións.

 

Jacobo Pérez Gulín, alcalde de Caldas de Reis