Ao xeógrafo Antonio Presas
O monte do Seixo, como ben saben, non se forxou da noite para a mañá. O Seixo é unha mole de granito moi antiga, upada polo devir xeolóxico e cicelada e abuxardada pola afanosa intemperie. O monte do Seixo non é unha montaña nova, senón retallo e vestixio dunha cordilleira primordial, bisneta da oroxénese e filla da erosión.
Hai 300 millóns de anos, durante o período carbonífero (era paleozoica), as entrañas do monte do Seixo estaban aínda fraguándose. No Carbonífero, Galiza atopábase inmersa na denominada oroxenia hercínica (ou varisca), efecto da colisión dos continentes de Laurasia (N) e Gondwana (S). O noroeste da península Ibérica localízábase no microcontinente da Armórica, repartíndose entre o extremo meridional de Laurasia e o septentrional de Gondwana. As terras en contacto constrinxíronse e gañaron altura. No discorrer da era primaria, o territorio que hoxe ocupan as serras do interior da provincia de Pontevedra (Suído, Cando, Candán e Testeiro) será escenario de poderosos e transcendentais movementos tectónicos. Sometida a titánicas presións, a codia terrestre dobrouse e fracturouse. Por tal, nas profundidades acuguláronse grandes volumes de magma e sepultáronse, comprimíndose, inxentes sedimentos precursores; eis o material básico: granitos, rochas metamórficas (entre elas, o ollo de sapo) e brancas vetas de cuarzo (seixo), característicos todos tres da Dorsal Galega e do Macizo Galaico no seu conxunto.

Daquelas, o monte do Seixo non era aínda recoñecíbel, sería apenas unha ampla zona en proceso de constitución incluída nunha inmensa cadea montañosa. O magma xerado no subsolo, a moitos quilómetros de profundidade, irá arrefriando lentamente dando lugar a masas de pedra plutónica de proverbial dureza, cuxa faciana acabará ficando exposta. Este proceso (exhumación) é clave, pois o monte do Seixo consta xaora desta cerna granítica orixinaria (batólito), que configura parte da súa cara vista. Alén da actividade ígnea e das traccións abismais, o período carbonífero ofreceunos, á flor de terra, unha paisaxe pantanosa de exuberante vexetación (árbores escamosas xigantes, colosais rabos de cabalo e sotobosque de fentos). Por entre a flora arborescente e palustre, zoarían cabaliños do demo de talle estarrecedor e buligarían arrepiantes cascudas, cempés e reptiliomorfos, espelidos por unha climatoloxía cálida e extremadamente húmida. Hai 250 millóns de anos aconteceu o maior evento de extinción masiva do planeta: a "Gran Mortaldade" do Pérmico-Triásico. Esta catástrofe, causada pola reactivación do vulcanismo e de devastadores efectos climáticos, fixo desaparecer 9 de cada 10 especies mariñas (vg.: trilobites) e 7 de cada 10 espécimes vertebrados (vg.: dimetrodontes), achandándolles o camiño aos dinosauros. Non hai feira mala...

Durante a era mesozoica (200-66 millóns de anos), o cordal primixenio foi sometido a unha severa erosión. No transcurso da era secundaria deuse a esgalladura do supercontinente Panxea. O rift irá afastando paseniño Galiza de Canadá e, ao tempo, un incipiente océano Atlántico anegará a manga resultante. Terra dentro, o relevo verá suavizadas as súas arestas. O monte do Seixo non sería –coma hoxe– un fito orográfico, dado que se incluiría nun zócalo penechairo cada vez máis rebaixado polos axentes erosivos: o xeo (xelifracción), a chuvia (erosión hídrica e pluvial) e o vento, causantes da paulatina exposición do batólito. Hai 100 millóns de anos, no avanzar do período cretáceo –que sucedeu o Xurásico–, o monte do Seixo continuará sendo inidentificábel. A paisaxe, condicionada por unha calidez e humidade subtropicais, comporíase de zonas pantanosas, litorais pouco profundos e relativamente próximos, densas fenteiras, bosques de cícadas, xinkgos e coníferas primitivas (ximnospermas) –non existiría a herba–. Devagar, irán facendo a súa aparición os primeiros carballos, bidueiros, acivos, salgueiros, palmeiras... (anxiospermas). O horizonte ofreceranos un verde continuo e, abafados polo bochorno ambiental, entre a vexetación, albiscariamos unha parella de tyrannosaurus rex emboscando un rabaño de triceratops. Hai 66 millóns de anos, coas terras emerxidas dispostas dun xeito parecido ao actual, o impacto dun meteorito de 15 km de diámetro na península do Xucatán provocará a extinción dos dinosauros. O tempo dos mamíferos era chegado.

Na era cenozoica (dende hai 66 millóns de anos até hoxe), o clima alternará fases cálidas e frías. É neste período cando a serra do Cando se vai alzar preeminente no relevo. A oroxenia alpina (hai 30-5 millóns de anos) comprimirá as dormentes graníticas e as veas de cuarzo ocasionando a rotura e elevación de bloques tectónicos (monte do Seixo), até atinxir os 1.000 m de altitude. Esta circunstancia avivará novamente ríos e regueiros. Os fluentes encaixaranse profundamente no terreo, debuxando as trazas dos vales e das serras que coñecemos. En paralelo, a auga da chuvia infiltrada nas diaclasas do granito soterrado activará a meteorización química, despezando a pedra oculta en porcións arredondadas. A propia chuvia e o vento varrerán as capas de áridos disgregados e sedimentados até deixar os petoutos nus, sen cesar no puído dos seus contornos. Até 15 millóns de anos de meteorización mecánica (xelivación, abrasión eólica) e varreduras continuadas (vento e chuvia) foron precisos para que a natureza "concluíse" a obra escultórica de Portalén.
Aínda que tivesen sete vidas ou sete orzamentos ao seu dispor, os gobernantes da comarca xamais darían creado da nada un fenómeno cultural de tanta repercusión coma Portalén, exemplo de como tirarlle proveito a un ben outorgado pola natureza, sen magoar o medio nin desbaldir os cartos públicos. É normal que agora queiran subir ao carro. Poucas as grazas.
Dende hai 2’5 millóns de anos (Pleistoceno), as correntes fluviais aceleraron o labor de arrastre dos materiais desprendidos cara a cotas máis baixas, dando lugar ás chairas de aluvión (veigas do río de Quireza; veigas do río Lérez en Cerdedo, Vichocuntín e O Serrapio; veigas dos ríos Seixo e Castro en Arén e Meilide...).

A silueta do monte do Seixo xa é perfectamente recoñecíbel. Empolicados no alto da montaña albiscariamos unha sucesión de contrafortes alombados e vales afondados, concas tapizadas de bosques mixtos (carballos, bidueiros, abeleiras, coníferas...) e calveiros de pradaría natural. As chaelas aluviais acollerían herbívoros de gran porte (elefantes, hipopótamos, rinocerontes, cervos, bisontes, uros, cabalos salvaxes...) e depredadores proporcionados (lobos, hienas, osos, felinos "dentes de sabre"...). O clima alterna fases frías (glaciarias), xeradoras de paisaxes diáfanas e torrenteiras de desxeo, con fases temperadas e húmidas (interglaciarias) e bosque máis mesto, supeditando a diversidade zoolóxica. O monte do Seixo eríxese punto dominante no territorio.
Na África meridional, os deuses conciben o soño (ou o pesadelo) da humanidade.
Hai 400 mil anos (Paleolítico Inferior), procedende do continente africano, chega o primeiro ser humano (Homo heidelbergensis) ao territorio de Montes –cando menos, así me prace imaxinalo–. Estes humanos integran pequenos grupos nómades de cazadores-recolectores. Dominadores do lume, artífices de industria lítica e conscientes da súa finitude, déronlles caza aos graúdos herbívoros e arrostraron a convivencia con feroces osos e félidos (vg.: o león cavernario). Hai uns 200 mil anos, este espécime humano extinguirase, sendo o ancestro directo do Homo neanderthalensis.
Tamén nómades, malia que de orixe euroasiática, os neandertais deambularon pola bacía do Lérez-Castro hai uns 100 mil anos. Máis habelenciosos ca os seus antecesores, aproveitáronse dos recursos da mesopotamia e, ao arbitrio da climatoloxía e da meteoroloxía, estabeleceron efémeros campamentos ao socairo do ventimperio, perto da auga corredía ou nos abeiros rochosos. Disputáronlles as covas ao oso cavernario e, dotados de pensamento simbólico e capacidade de abstracción, xeraron a arte. Desapareceron hai 40 mil anos, non sen antes deixar a súa impronta xenética nos Homo sapiens cos que conviviron aínda que fugazmente. O Homo sapiens, nómade e cazador-recolector de orixe africana, o noso antepasado directo, fai acto de presenza no territorio hai 40 mil anos (Paleolítico Superior), cadrando co declive neandertal.
A actividade oroxénica, a índole das nosas rochas, os solos ácidos e a erosión priváronnos na comarca de rexistros fósiles que corroboren o devandito, pero habelos, hóuboos.
Coa chamada Revolución Neolítica, a humanidade é expulsada do Edén. Hai 6.000 anos (Neolítico) as comunidades de sapiens, así lle van collendo o tintimán á agricultura, optan pola progresiva sedentarización. Cara ao ano 3.000 a. e. c., o ecosistema de Terra de Montes experimenta unha nacente antropización, pero segue sendo eminentemente salvaxe. Dende o cumio do monte do Seixo contemplariamos unha infinda urda forestal salpicada de pequenos claros de cultivo. Nos planaltos e á beira das vereas, destacarían as mámoas (tumbas megalíticas), expresión monumental daquela cultura mortuoria: arcas construídas con ortostatos graníticos e esquísticos e coirazas adobiadas con rechamantes cachotes de seixo. Dos poboados de caniza e pallabarro, cativos e dispersos, ascenderá o fume dos lares. A presenza humana sería escasa pero xa permanente. O monte do Seixo convértese en simbólico e sacralizado fito orográfico (Chan de Mamas, Mámoa de Xestido, Portalén, Pedras Ghiadas...), acceso místico ao Outro Mundo, cumio referencial da contorna. A paisaxe componse dun mosaico de bosque atlántico, agros e extensións de pasteiros inducidos polo lume (Cernados), a roza e a gandaría en auxe. O clima sería máis húmido ca o actual, propiciando ladeiras revestidas de carballos (Carballás), bidueiros (Biduído) e abeleiras (Abelaíndo). Os fentos do carbonífero deron acadado, mutatis mutandis, os nosos días (Folgoso, Filgueira). Nos altos dominarían as matogueiras e os bosques rareados.

Hai 4.500 anos (Calcolítico-Idade do Bronce), o megalitismo degaxa e florece a arte rupestre. Os facedores de petróglifos empregarán os afloramentos graníticos e metamórficos para, valéndose de percutores de seixo, plasmar a súa cosmogonía. As sucesivas cortas e queimas practicadas na foresta favorecerán a propagación da xesta, do carrasco, da carqueixa e do toxo e, ao tempo, despexan a fronde para maior realce das mámoas –aínda vixentes– e das estacións petroglíficas (Carballás, monte Costoa, Pedre, Deán, Castro, Quireza...). A cobertura vexetal non difire moito da neolítica pero nela a intervención humana é cada vez máis evidente. O enxeño humano inaugura a metalurxia.
Hai 2.000 anos (época castrexa-romanización) o panorama xa denota o proceso transformativo obrado pola man do home. Dende o Outeiro do Coto (1.015 m) ou des o coto de Castrodiz (630 m) enxergaríanse unha constelación de aldeas fortificadas, piñas de casoupas redondas asentadas na cima de escolleitos montecelos (castro de Arén, Castrodiz, castro das Cercas, castro de Vilar, castro da Vilalén, Os Castros de Quireza...). Caivancas aínda frondosas, bosque amplo interrompido pola terra de labor e gando en movemento cara aos pastos monteses (Coto da Roda, Roda da Ameixoada).
Hai 1.200 anos o latín traído dous séculos antes polos conquistadores romanos, mesturado co substrato celta e co superestrato suevo, deu lugar á lingua galega, idioma milenario que nos vertebra como pobo, co que se fixou a toponimia do país e no que, oufano, redacto este artigo.
Xa nos nosos días (ano 2026), a consecuencia do dexenerado capitalismo global e das políticas caciquís de acabación, negacionismo e autoodio, agóirase unha nova catástrofe, quizais xa irreversíbel (eucaliptización irracional, minas a ceo aberto, insensibilidade eólica, despoboamento e ruína das aldeas, persecución lingüística, etnocidio...). O indíxena montañés, como vaticinara no seu día o Tecelán de Carballás, enfronta outro episodio de inminente extinción física e cultural. Entrementres, o monte do Seixo, a montaña dos 300 millóns de anos, contempla impertérrita a nosa estúpida decadencia. "Canto, ai, mudar pode longa e vetusta idade!", laiábase o noso vate Pondal.

O afloramento granítico de Portalén

O outeiro do Coto, cume do monte do Seixo

Paisaxe do período carbonífero

Paisaxe do período cretáceo

Paisaxe do Pleistoceno

O afloramento granítico de Portalén

O outeiro do Coto, cume do monte do Seixo

Paisaxe do período carbonífero

Paisaxe do período cretáceo

Paisaxe do Pleistoceno