Novo Nomenclátor de Galicia 2026

31 de marzo 2026

Dende a Asociación de Veciños O Chedeiro informamos dos cambios que afectan directamente á nosa parroquia tras a aprobación do novo Nomenclátor de Galicia 2026

A Xunta de Galicia vén de aprobar o novo Nomenclátor de Galicia 2026, un documento oficial que actualiza os nomes de concellos, parroquias e lugares en todo o país.

Este traballo supón a modificación de máis de 2.500 denominacións e a incorporación de novos topónimos, tras un proceso exhaustivo liderado pola Real Academia Galega e outros organismos especializados. O obxectivo principal é recuperar e preservar os nomes tradicionais galegos, respectando a historia, a lingua e o uso real que fai a veciñanza.

A revisión baséase en criterios lingüísticos, históricos e culturais, corrixindo erros, recuperando formas propias do galego e eliminando denominacións alleas á nosa lingua. Ademais, reforza a importancia da toponimia como parte fundamental da identidade de Galicia.

Este novo Nomenclátor tamén pon en valor a participación cidadá, que permitiu recoller milleiros de nomes a través de iniciativas como Galicia Nomeada, consolidando así un rexistro amplo e rigoroso do territorio.

Actualización do Nomenclátor en Cerponzóns – Ano 2026

Dende a Asociación de Veciños O Chedeiro informamos dos cambios que afectan directamente á nosa parroquia tras a aprobación do novo Nomenclátor de Galicia 2026, un documento oficial que busca recuperar e poñer en valor os nomes tradicionais do noso territorio.

En primeiro lugar, prodúcese unha modificación na denominación oficial da parroquia, pasando de San Vicente a San Vicenzo, adaptándose así á forma propia do galego.

En canto aos lugares da parroquia, rexístranse os seguintes cambios:

• Bouza pasa a denominarse A Bouza.

• Leborei pasa a Liborei.

• A Meán pasa a Meán

 • Vigario pasa a O Vigario.

Leborei pasa a denominarse Liborei
Leborei pasa a denominarse LiboreiMónica Patxot

Ademais, incorpóranse como novos topónimos: • A Fonteiriña. • As Rons.

E elimínase do rexistro o lugar de: • O Queimado.

Estas modificacións non son só cuestións administrativas, senón que supoñen un paso importante na recuperación da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa historia, respectando a tradición oral e o uso real da veciñanza.

INFORMACIÓN XERAL:

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/023003/xunta-aproba-nomenclator-galicia-2026-coa-modificacion-2-531-denominacions-concellos
 

https://toponimia.xunta.gal/sites/default/files/2026-03/Nomenclator2026.pdf