Rosa Rodríguez, médica de familia, medalla Castelao

19 de junio 2025
Actualizada: 9:50

Queremos darlle parabéns a Rosa por ser un exemplo marabilloso para os seus residentes, por ser un alicerce para os novos médicos de familia, por dar á atención primaria o prestixio que merece

A Agamfec, a sociedade dos Médicos de familia galegos, recibiu con orgullo e aínda máis ledicia a concesión da medalla Castelao á nosa socia, amiga e compañeira Rosa Rodríguez, nunha decisión do Consello da Xunta que fai por vez primeira a unha médica de familia.

Todos os que a coñecemos sabemos da súa excelencia profesional a través dos cursos, talleres, charlas e organización de congresos da nosa sociedade.

Tamén sabemos da súa calidez e empatía, pero quedamos impresionados e tan emocionados coma ela cando contemplamos o vídeo dos seus pacientes dándolle unha homenaxe no día da súa despedida.

Se ter o mesmo médico de familia 15 anos diminúe a mortalidade dos asegurados nun 25%, os pacientes de Rosa serán todos lonxevos despois de ter tan excelente profesional máis de 30 anos.

Queremos darlle parabéns a Rosa por ser un exemplo marabilloso para os seus residentes, por ser un alicerce para os novos médicos de familia, por dar á atención primaria o prestixio que merece, por ser, de verdade, unha especialista en persoas (a diferenza dos especialistas en órganos) coa dificultade e o mérito que isto implica.

Agardámoslle unha feliz xubilación e desexamos que sexa a pioneira dunha gran lista de homenaxes aos médicos de familia galegos nestes tempos tan difíciles para a atención primaria.

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita

Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.

Activar ahora