Soto, sentinela do Campo das Laudas

28 de julio 2025

Artigo co gallo da homenaxe en Cerdedo a Juan Soto, membro de Capitán Gosende

Houbo un home chamado Juan Soto. Houbo xacando un home que andou ceibo e consciente polo mundo e que nos escolleu por compañeiros de viaxe. Houbo un home que andou entre nós, que nos quixo, e que nós quixemos con amor fraterno.

            Juan Soto, duro e incorruptíbel coma esta pedra que dende hoxe o representa e, asemade, mol coma unha pabea de herba seca; sabio coma os poucos sabios "que en el mundo han sido"; xeneroso coma un río Gafos de enchedeira: sete veces sete. Republicano, galeguista, librepensador, crítico e descrido; pero sobre todo, humano, "demasiado humano".

            O noso Labordeta meteu a comarca de Montes na mochila e, espetándolle á acorvadada e cómplice resignación un "¡A la mierda!", puxo o seu tempo, a súa ansia e os seus haberes ao servizo do colectivo Capitán Gosende. Mal sabe este malfadado territorio quen foi Soto en verdade, pois non hai medalla que colme a súa impecábel e pecadenta folla de servizo.

            Soto pasou pola comarca coma un cometa, retratándonos en curto e dende o alto, sen filtros, sen efecto seda. Benaventurados os poucos que, levantados das patas de diante, intuíron que tamén cumpría erguer a vista e seguir o lúcido e silandeiro planar do miñato.

            Mentres en Cerdedo lle fan festa ao Amigo Invisíbel, nós, aquí e agora, honramos o amigo omnipresente, o que sempre estivo aí, o que deu a cara por nós, o que, con dotes extraordinarias, camiñou sobre os toxos e abofé, multiplicou os pans e os peixes na nosa mesa.

            Velaquí o Soto, atado á columna do noso recordo perdurábel. Chova que vente!

            O Campo das Laudas é, certamente, alcouve da Memoria. Afirmou Castelao que nesta terra se cumpriría a vontade dos mártires. Si, pero tamén se ha de cumprir a vontade dos heroes: dos heroes anónimos, dos cotiáns, dos irredutíbeis, dos que, sen espaventos de vangloria, porfiaron e porfían en facer un mundo mellor; faltosos deles estamos.

            Aínda é fecundo o ventre do que xorde a besta inmunda. Faise, pois, máis ca nunca imprescindíbel este Campo das Laudas: a súa simboloxía, a súa diáfana mensaxe; a lección imperecedoira que transmite esta parroquia de pedra que decontino nos interpela. E, sobre terra, facédesvos impresindíbeis todos vós, a heroica comunidade, a parroquia vivente que se congrega arredor do camarada que se foi e que, a canda el, segue esixindo en tempos avoltos: resistencia, dignidade, xustiza e reparación.

            Soto encarna, xaora, a vontade dos nosos heroes; ende ben, sempre se identificou co pobo subalterno, sempre defendeu as causas perdidas, sempre apostou por cabalo perdedor e sempre se aliñou coa infantaría de avanzada. Coma os heroes, Soto morreu coas botas postas, a pé de obra.

            Ninguén coma Soto, sentinela da Memoria; ninguén coma Soto para gardar e alentar dende o curuto da Fontedorraca o proxecto do Campo das Laudas, que el tanto agarimou e do que tanto facía gala.

            Juan Soto, até sempre. Grazas polo teu traballo, grazas por tanto. Sit tibi terra levis.