Descubrimos a Ane Odriozola que publica na colección NdeNovela 'El valle del hierro'. Non é o seu primeiro libro, de feito é o cuarto xa. Precédelle unha triloxía ambientada na súa terra, Guipúzcoa. Na Euskadi do século XVI dúas historias entrecrúzanse. Dunha parte a que ocorre en Legazpia, onde Domingo Harria, carboeiro, desaparece unha noite cando segundo a súa muller Asencia, ía cara á ferrería dos Plazaola, para a que traballaba. Doutra parte en Vitoria, un zapateiro, Ginés Ruiz de Azúa, atópase cunha nena que levará por nome Jurdana. Os conflitos familiares, o amor, a amizade e a loita de poderes cosen esas dúas historias. Ademais, a historia dunhas orixes, os da industria siderúrxica do País Vasco; e un milagre, o milagre da Cruz de Hierro ocorrido en 1580.
Foto: Rubén Blyth
