Nas Conversas na Ferrería volvemos interesarnos polo proxecto 'Redes de Innovación para a Inclusión Educativa e Social'. Un traballo de investigación e innovación coordinado pola Universidade de Vigo e subvencionado polo Plan Nacional de Investigación no que están a traballar múltiples colectivos sociais, administracións e entidades públicas. A pretensión é axudar a resolver problemas sociais e educativos.
Unha das áreas de traballo é 'Sentidiño na rede' a través da cal se pretende que os menores usen a Rede de forma segura e que os adultos teñan os coñecementos e ferramentas necesarias para axudar a que así sexa. Participan nesta ocasión Manola Raposo, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense; Rogelio Carballo, presidente da Federación de Nais e Pais de Alumnos de Pontevedra; e José Torres, experto en seguridade e privacidade na rede.