Do 10 ao 13 de setembro, datas do Festival Revenidas 2026

O Salnés
05 de xaneiro 2026

Xa están dispoñibles os primeiros "abonos fieis" a prezo reducido para este festival referente que se celebra en Vilagarcía de Arousa

Festival Revenidas Festival Revenidas

O Festival Revenidas 2026, que se celebra en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, xa ten datas confirmadas: do xoves 10 ao domingo 13 de setembro.

A organización vén de poñer á venda este sábado 3 de xaneiro os primeiros 500 abonos fieis a 55 euros máis gastos de xestión, na web www.revenidas.com.

Os seguintes 1.000 abonos sairán a 60 euros, manténdose os prezos promocionais ata esgotar existencias.

Os abonos inclúen o acceso aos concertos do xoves, venres e sábado, mentres que as actividades do domingo, como a tradicional sardiñada ou a Gala de Circo Solidaria, serán de balde e portas abertas.

Os menores de 13 anos non necesitan entrada; as persoas entre 13 e 17 anos deberán adquirir abono de adulto.

Ademais, os compradores poden reservar praza na zona de acampada do Rial por 15 euros e realizar recargas anticipadas das pulseiras cashless con saldo promocional: por cada ingreso de 20, 30 ou 50 euros, ofrécense bonificacións de 2, 3 e 7 euros respectivamente.

Aínda sen nomes anunciados, o festival mantén o seu compromiso coa diversidade musical e a paridade, xunta artistas galegos, estatais e internacionais, e continúa a poñar en valor as linguas minorizadas.

O Revenidas tamén é candidato en oito categorías dos Iberian Festival Awards, polo que a organización anima á participación na votación popular.