Manuel Torres, o gran pintor de Marín, cumpriría 125 anos este próximo 17 de xuño. E con motivo desta efeméride, o Concello preparou unha ampla programación de actividades.
O obxectivo é poñer en valor a súa obra, a súa pegada artística, a importancia do seu legado e a proxección da súa vangarda, destacan desde o goberno municipal.
O pistoletazo de saída será a mostra "Florecer no mar de primaveiras amargas… Manuel Torres na explosión De catro a catro", na que se unen Marín, o mar e a poesía.
Comisariada por Ramón Rozas e coa colaboración de Antón Sobral, a mostra será un diálogo entre a pintura de Torres e a poesía de Manuel Antonio e traerá a Marín cadros do artista que pertencen ao Museo de Pontevedra.
Será inaugurada este venres 19 de xuño, ás 20:00 horas.
Rozas explicou que esta mostra está concebida como un diálogo entre o pintor marinense e o poeta de Rianxo, con vidas e traxectorias artísticas "que teñen moito máis en común do que cremos".
"Ambos coinciden na súa mirada de vangarda cara a liña do horizonte", explica o comisario, propoñendo desde o mar un discurso cheo de vitalidade, que repara na relación do ser humano con ese contexto desde o existencial, o cultural ou o estético.
Para exemplificar esta visión conxunta do mar, tratado desde distintas formas de creación artística, poderán verse expostos cadros nunca antes mostrados no museo marinense.
O obxectivo da mostra tamén é o de afianzar a posición de Torres como un dos grandes pintores da vangarda galega dos anos 30, compartindo ese protagonismo cos pintores do seu tempo "fronte aos que moitas veces foi menosprezado".
A exposición está configurada en base a cinco espazos expositivos: a travesía, dentro/fóra, soidade, a xente e a Banda do Río.
Cada unha delas irá tratando a traxectoria do artista de Marín e facéndoo dialogar con fragmentos poéticos, replicados en vinilo dun caderno escrito polo propio Manuel Antonio.
A alcaldesa, María Ramallo, quixo destacar a importancia que ten "facer unha exposición coma esta", xa que permitirá expoñer en Marín gran parte da obra de Manuel Torres "dun xeito e cunha narrativa diferente".
A exposición estará durante todo o verán, ata mediados de setembro, e abrirá a escolares cando arranque o novo curso. Os colexios poderán solicitar visitas guiadas.